Remata sen acordo o ERE para 100 empregados/as de Barreras e a CIG estuda emprender accións legais contra a dirección
Onte rematou sen acordo o período de consultas do ERE presentado por Barreras, que suporá o despedimento de 100 traballadores/as. As centrais sindicais rexeitaron a proposta da administración concursal, que fixaba unhas indemnizacións por rescisión de contrato de 20 días por ano traballado cun máximo de 12 mensualidades. A CIG-Industria está a estudar a posibilidade de emprender accións legais contra a propiedade do estaleiro vigués ao entender que actuou de mala fe durante todo o proceso.
Segundo explican dende a federación de Industria, a actitude das compañías propietarias de Barreras quedou clara dende o principio, xa que non quixo participar nas negociacións. “Estabamos a negociar coa administración concursal, pero dende a representación sindical solicitamos que participara tamén a propiedade; entón viñeron pero porque os obrigamos, como así o deixaron claro, pero negáronse a presentar ningunha proposta”, critica Quique Fernández, da CIG-Industria de Vigo.
Por iso dende a central sindical consideran que actúan de mala fe, sen vontade de chegar a acordos, “cando son responsábeis directos da situación na que se atopa o estaleiro e da súa descapitalización”. A intención da CIG dende o primeiro momento era demostrar que existe unha unidade empresarial na propiedade para que se tivese que facer cargo das indemnizacións. Agora só resta que se faga público o auto dos despedimentos, tras o que a central sindical iniciaría as accións legais oportunas para que se depuren as responsabilidades pertinentes.
“Cando menos logramos a readmisión do noso delegado no comité de empresa que fora inxustamente despedido, para que no caso de que finalmente teñan que marchar da empresa os 100 traballadores/as poida facelo nas mesmas condicións que o resto de compañeiros/as”, rematan.