Remata sen acordo o período de consultas do ERE de Vestas
A negociación do ERE de Vestas rematou este luns sen acordo, despois de que así o aprobaran por amplísima maioría (85 votos a favor e 13 en contra) as traballadoras e os traballadores da fábrica. A rotunda negativa da empresa a facilitar unha solución de futuro ampliando o período de consultas, obriga as administracións estatal e galega a redobrar esforzos e traballar para atopar unha saída no curto prazo.
Para a CIG o feito de que a empresa non queira continuar coa actividade industrial non pode implicar o peche da factoría hipotecando calquera futuro produtivo, nunha comarca como A Mariña que sofre, ademais, un importante deterioro industrial. Por iso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que estivo nas negociacións do ERE, demanda dos gobernos galego e español "que traballen arreo no marco da mesa industrial para atopar unha solución viábel que garanta a continuidade de todos os postos de traballo e da actividade produtiva".
Carril denuncia a mala fe da multinacional en todo este proceso, pois existindo varias compañías interesadas na planta de Chavín e unha mesa industrial a pleno funcionamento, "Vestas teimou en concluír as negociacións do ERE, demostrando que a súa única intención é deslocalizar a produción e pechar sen dar ningún tipo de alternativas".
Necesidade de derrogar a reforma laboral
Neste senso, subliña que este conflito evidencia a indefensión e a inxustiza de manter vixente a reforma laboral de 2012, que deixa todo o poder de decisión sobre a continuidade dos empregos nas mans das empresas, pois de terse derrogado, Vestas non podería executar o despedimento colectivo sen autorización administrativa previa.
Pero, engade Carril, tamén deixa ás claras a necesidade de políticas públicas e da intervención pública nos distintos sectores da economía para evitar que, en pleno proceso de transición enerxética e cando Galiza padece unha ofensiva enerxética colonizadora coa implantación de macro parques eólicos, as empresas poidan seguir destruíndo impunemente o tecido produtivo e os empregos na actividade relacionada con este sector.
Fronte a este espolio, a CIG reclama que se obrigue ás empresas a que a instalación masiva de eólicos leve ligados proxectos industriais para a súa implantación, "de maneira que en Galiza, cando menos, poidamos tirar proveito desta actividade cun papel relevante na fabricación de todos os compoñentes".
Nesta liña, a CIG tamén demanda que lexisle para impedir que compañías como Vestas poidan acometer un despedimento colectivo como este e, ao tempo, seguir levando o mantemento de parques eólicos en Galiza e ser socio tecnolóxico das operadoras enerxéticas.