Sen acordo o ERE de Gabadi, que pretende despedir persoal indefinido mentres subcontrata traballos
Este xoves rematou, sen acordo, o período de consultas do ERE presentado por Gabadi. A empresa, denuncian dende a representación social, mantén a súa intención de despedir traballadores/as e vincula calquera modificación no número de persoas afectadas a que o comité asine recortes laborais como inaplicacións de convenio (cunha distribución irregular da xornada aplicábel en sábados e domingos), mobilidade xeográfica e outro tipo de axustes.
A parte social insiste en que os despedimentos non son necesarios e non están xustificados "xa que a empresa, mentres negocia o despedimento de persoal indefinido está a subcontratar traballos a outras empresas, subcontrata persoal doutras compañías para realizar obras tanto no estranxeiro como nas propias instalacións de Gabadi, e xa está a despedir empregados/as eventuais. Así mesmo, o comité lembra que o elevado número de horas extraordinarias realizadas no último ano, tal e como reflexa o rexistro de xornada.
Concentración-paro o martes 13 de abril
Diante disto, o cadro de persoal acordou en asemblea iniciar mobilizacións a vindeira semana, comezando por unha concentración e un paro laboral diante das instalacións da empresa o próximo martes, 13 de abril.
Na véspera, o luns 12 de abril, a parte social acudirá a unha mediación solicitada pola empresa ao AGA. "Entendemos que isto é máis unha operación de maquillaxe da empresa que un intento real de acadar un acordo, xa que durante o mes que durou o período de consultas non aceptou as propostas do comité e as posturas están totalmente afastadas", denuncian.