Remata o Encontro sindical internacional “A46 anos de revolución, Nicaragua Libre e Soberana”

Internacional - 23 Xul 2025

Desde o día 16  até o día 19 de xullo desenvolveuse en Managua o II Encontro Sindical Internacional “A 46 anos de revolución, Nicaragua libre e soberana”, organizado pola Central Sandinista de Traballadores e Traballadoras (CST) de Nicaragua, e coa participación de máis de 70 delegados/as internacionais de 22 países e 30 delegados/as locais.

Un importante incremento de participación, con respecto á edición do ano pasado, dada a preocupante situación a nivel internacional cunha elevada ofensiva do neoliberalismo, o imperialismo e o fascismo, ante a incapacidade das institucións internacionais para poñer freo ás reiteradas violacións dos dereitos humanos, e ás agresións e inxerencias contra a soberanía dos pobos, as guerras e o xenocidio provocados polo imperialismo norteamericano/sionista, coa complicidade dos países europeos. 

Nos debates e palestras que se desenvolveron durante o encontro, abordáronse os retos que, como sindicatos de clase e contrapoder, as organizacións presentes deben afrontar, para fortalecer non só a acción sindical e política nos respectivos países, senón tamén na unidade de acción sindical, arredor do papel do movemiento sindical, diante deste clima belicista, expansionista e inxerencista do imperialismo, do neocolonialistas e do fascismo.

Ademais da participación de destacadas figuras do Goberno de Nicaragua (foi clausurado por Laureano Ortega, fillo do actual presidente, Daniel Ortega), o Encontro desenvolveuse con distintas exposicións e intervencións. A CIG participou en dúas delas, desenvolvidas baixo o epígrafe “Autodeterminación, soberanía e pobos en resistencia”, e “As loitas antifascistase a resistencia e articulación do movemento social e sindical”.

Outros paneis versaron sobre:

  • Os cambios políticos e económicos a partir dos acordos BRIC.
  • Os desafíos da Revolución Popular Sandinista na actual xeopolítica e xeoeconomía.
  • Alternativas de articulación do movemento sindical e social en América Latina e o Caribe.
  • A guerra comercial e arancelaria. A globalización e o inicio dunha nova orde económica mundial, a cargo de Julio Gambina.
  • Políticas neoliberais e loitas do movemento social e sindical en Latinoamérica.
  • A loita e resistencia do pobo palestino na franxa de Gaza (virtual).
  • Conversa sobre as mulleres e a xuventude nos movementos sociais e sindicais.
  • A crise na cadea de subministro e impacto no emprego.
  • Conversa sobre os dereitos laborais e a migración.

Antes do acto de clausura, aprobouse unha resolución política do encontro, así como outras resolucións de solidariedade con Palestina e o Sáhara Occidental, Cuba e Venezuela, e unha resolución de apoio ás loitas dos movementos  sociais do Salvador, Costa Rica, Panamá e Arxentina.

Diante da preocupante situación que se está a dar a nivel internacional, e a escasa resposta que, segundo a consideración das organizacións presentes, se está a dar por parte dun amplo sector do mundo sindical, considerouse necesario non só repetir este encontro en posteriores edicións, senón articular unha alternativa aberta, á que se sumen organizacións que poidan formar parte das distintas federacións sindicais mundiais, unidas baixo uns obxectivos comúns para facer fronte a esta ofensiva do neoliberalismo e o imperialismo, a través de accións conxuntas e concretas, a nivel local e global, en base aos principios manifestados na resolución política aprobada. Para iso, celebraranse posteriores reunións, que serán coordenadas por unha Comisión da que a CIG formará parte.

Como colofón aos actos celebrados durante eses días, as delegacións asistentes ao encontro, participaron da celebración do 46º aniversario do triunfo da Revolución Sandinista que se celebrou na Praza da Revolución, á que asistiu unha multitude que encheu a praza e os seus arredores.

Managua, a 21 de xullo de 2025

Dpto. de Relacións Internacionais da CIG