Remata o conflito en Tyrma tras o acordo para modificar as condicións de traballo
A representación do persoal de Tyrma, empresa dedicada á reciclaxe de plásticos con sede na mina de Touro-O Pino, vén de acadar un acordo coa dirección a respecto da modificacións substancial das condicións laborais. A compañía abonará un plus de fin de semana e festivos tras aumentar a cinco as quendas de traballo.
O acordo acadado entre a representación sindical de Tyrma, que ostenta a CIG con tres delegados de persoal, e a dirección foi posíbel coa mediación do AGA o pasado luns día 18. Deste xeito ponse fin ao conflito laboral iniciado no mes de decembro tras anunciar a empresa a súa intención de modificar substancialmente as condicións laborais, pasando a traballar en cinco quendas.
A mediación do AGA produciuse a raíz das tres xornadas de folga convocadas na empresa en decembro que foron secundadas por todo o persoal de fábrica e de mantemento, producíndose en consecuencia unha paralización total da produción.
En base ao acordo entre as partes, a empresa abonará a todo o persoal -incluíndo o de ETT- un plus de fin de semanas e festivos a maiores do salario que establece o convenio colectivo: 35 euros por cada quenda de sábado; 40 euros por cada quenda de domingo; e 50 euros por cada quenda de domingo.
Ademais, establécese que as persoas vencelladas con Tyrma a través de ETT serán contratadas directamente pola empresa con carácter indefinido antes do 1 de marzo como consecuencia da implementación das cinco quendas.
Persoal de mantemento
En canto ao persoal de mantemento, o que faga gardas percibirá 40 euros por cada sábado ou domingo e 50 euros por cada garda en festivo. A maiores, cada hora de asistencia ao seu posto estando de garda, así como o tempo empregado en desprazarse dende o seu domicilio, aboarase ao dobre do establecido para a hora ordinaria no convenio colectivo.
Estas contías económicas serán renegociadas a finais de 2021, e no caso de non chegar a un acordo ao respecto garántese que se revalorizarán cada ano en función do IPC.
Finalmente, dende a Unión Comarcal da CIG de Compostela valoran moi positivamente tanto o contido do acordo como o feito de que fose aprobado en asemblea pola práctica totalidade do cadro de persoal. Neste senso, salientan que “cando os traballadores/as se organizan nun sindicato como o noso e participan directamente nas asembleas, nas mobilizacións e nas negociacións a mellor defensa dos seus dereitos está garantida ”.