Reforzar o sistema público de pensións fronte a pretensión de promover plans de empresa
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Paco Sío, compareceron esta mañá en rolda de prensa co deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, para dar conta das emendas que a formación nacionalista ten presentado ao proxecto de Lei de Promoción dos Fondos de Pensións de Empresa, a proposta da central sindical. Emendas que teñen como obxectivo evitar a privatización do sistema público.
Este Proxecto de Lei fai parte do proceso de reforma das pensións que está a levar a cabo o Goberno do Estado, e vai en correlación coa aprobación da non Reforma Laboral que mantén os aspectos máis lesivos das reformas de PSOE e PP. O que pretende é, segundo explicou Rego, “estender un sistema de pensións mixto, semi privado, para que o sistema público de pensións pase a ser o complementario e o sistema privado sexa o fundamental”.
Este novo fondo, vinculado á negociación colectiva, supón diferir parte do salarios das e dos traballadores para un plan colectivo de xestión privado e, polo tanto, sairá dos salarios da clase traballadora. Un modelo que daría entrada ao sector bancario para a administración destes plans de pensións.
Privatización do sistema público de pensións
Nese sentido, o secretario xeral da CIG rexeitou a pretensión do goberno do PSOE e Unidas Podemos de introducir este sistema mixto público-privado porque ten como obxectivo último ir “borrando” o sistema público de pensións e substituílo por un “sistema de capitalización”.
Carril encadrou este novo sistema que se pretende implantar, no mesmo saco que o chamado Pacto de Rendas e o Acordo Estatal de Negociación Colectiva que, denunciou, “teñen como obxectivo a moderación salarial” nun contexto de enorme carestía da vida e coa inflación disparada.
Advertiu que vai supor un “enorme retroceso nas condicións de vida e impedir un final de vida cunha pensión digna”. Máis en Galiza, que ten a segunda pensión media máis baixa do Estado, en 1.057€, pero cunha fenda maior coas provincias do interior, nomeadamente Ourense que, cunha pensión media de 800€, está á cola de todo o Estado e Lugo, onde non chega nin aos 1.000€.
Alertou, por iso, do enorme impacto que terá esta reforma que se pretende acometer e afirmou que con ela preténdese atender a “unha das exixencias da UE para acceder aos fondos Europeos”.
O secretario xeral da CIG acusou aos sucesivos gobernos no Estado de ir “desmantelando o estado de benestar” e de o ir substituíndo por outro “moi inxusto” no que se van eliminando todos os elementos de redistribución.
Considerou que se pretende deixar o sistema público de pensións como un sistema “asistencial, de beneficencia” e que os ingresos principais procedan dese fondo privado. Lembrou que cuns salarios empobrecidos, a clase traballadora xa está contribuíndo á Seguridade Social e denunciou que o que se pretende é “que cobremos menos para contribuír a ese privado”.
Negociación colectiva
O Proxecto de Lei de Promoción dos Fondos de Pensións de Empresa contempla que sexa a través da negociación colectiva como se vaia implantando. Un mecanismo que puxo en cuestión Paulo Carril pola grande estratificación e a precariedade laboral que hai en amplos sectores da clase traballadora en Galiza. Sectores aos que moitas veces “non somos capaces de chegar”, o que impide que teñan bos salarios e, moito máis, boas pensións.
Xunto a isto rexeitou tamén que as entidades depositarias e xestoras deste Fondo sexan do sistema financeiro, do que lembrou o seu papel como causante da crise financeira de 2008. Por iso apostou porque saian adiante as emendas canalizadas polo BNG para “impedir e reducir á mínima expresión esta ameaza”.
Evitar a dinámica de privatización
No relativo ás emendas parciais, Rego explicou que teñen como obxectivo “evitar esa dinámica de privatización” que pretende o executivo estatal e van na liña de que, por exemplo, este fondo sexa xestionado directamente pola Tesouraría da Seguranza Social “en lugar de apostar por darlle esa xestión ás entidades financeiras privadas e aos bancos como axentes que xestionen estes plans de pensións de emprego”.
Demándase ademais que os cartos se depositen nunha entidade pública. “Falamos do ICO porque lamentabelmente no caso do Estado español houbo un proceso de privatización das entidades bancarias e, polo tanto, este organismo é o que pode facer esa función”, destacou o deputado nacionalista no Congreso.
As emendas contemplan ademais que poida existir un control público da xestión destes fondos, en vez de crear novos mecanismos. Como lembrou Rego, “xa existen mecanismos tripartitos neste momento, garantindo que os sindicatos tamén poidan participar destes fondos de pensións de emprego”.