Reformas laborais e efectos na mocidade: temporalidade, precariedade e soldos baixos

A mocidade de 16 a 25 anos pasou de representar o 8,5% no ano 2009, ao 4,7% en 2016
Nacional - 03 Mai 2017

As grandes reformas laborais sempre se aprobaron en épocas de crise pero os seus efectos e medidas permaneceron despois de seren estas superadas. Estas reformas sempre se presentaron polos sucesivos gobernos de PSOE e PP como necesarias para loitar contra o desemprego pero realmente o que conseguiron foi: fomentar o emprego temporal e precario, incrementar as modalidades de contratación en función das necesidades empresariais, facilitar e abaratar o custo do despedimento e, como corolario necesario, baixar os salarios e aumentar as desigualdades sociais. E quen sufriu en maior medida as súas consecuencias foi sempre a mocidade.

* Luís Burgos (Texto da intervención nas XV Xornadas Galegas sobre Condicións de Traballo e Saúde)

Coa reforma laboral de 1984 instáurase aquel contrato temporal sen causa, chamado de fomento do emprego, cunha duración de ata tres anos, cuxa aplicación despois de moitos anos consolidou a cultura empresarial da temporalidade e o que ía ser algo puramente circunstancial pasou a ser un elemento estrutural do mercado de traballo, establecéndose unha clara dualidade ou segmentación entre persoas con traballo fixo e persoas con traballo temporal.

Coa reforma de 1994, a lei -e o que se coñecía como dereito necesario- retírase en moitos aspectos para ser regulados pola negociación colectiva e esta, en moitos casos, marxina a mocidade entre outros temas na antigüidade, no traballo nocturno,ou nas escalas salariais diferenciadas. A temporalidade nesa época era enorme e o Goberno impulsa en 1997 (coa CEOE-CEPYME, CCOO-UGT) un acordo interconfederal  pola estabilidade do emprego, establecéndose un novo contrato dirixido fundamentalmente a persoas entre 16 e 30 anos, cunha indemnización por despedimento máis barata. Pero si en 1997, de cada 100 contratos 93 eran temporais, oito anos máis tarde a temporalidade seguía no 91,2%. Despedimento máis barato si, pero estabilidade no emprego nada de nada.

Coa reforma de 2010 facilítase e abarátase o despedimento e tamén na negociación colectiva se aumenta en moitos casos o tempo máximo dos contratos temporais, na idea de é mellor un traballo en precario que ningún.

O 80% dos empregos perdidos corresponden á mocidade

A lóxica do mercado é implacable e o 80% dos empregos perdidos durante as crises corresponden á mocidade, porque ao empresario sáelle máis barato despedir. É certo que despois foi a mocidade quen máis rapidamente atopou traballo, especialmente os que tiñan estudos recoñecidos, mentres que as persoas de certa idade se instalan no desemprego crónico, pero as súas condicións de traballo, en cada época histórica ou en cada ciclo económico, volven ser peores que as da xeración precedente.

A mocidade foi e segue sendo o destinatario preferente das modalidades de contratación precaria que se adoptaron nas crises, pero que despois tenden a permanecer. Sofren marxinación por parte dos lexisladores pero tamén por parte dunha sociedade que repite unha e outra vez que a mocidade é o futuro, pero que moitas veces actúa só en función de intereses inmediatos e consente que ese futuro sexa na práctica negado, a través dunha precaria incorporación a un traballo mal pago e con escasas perspectivas de estabilidade.

Situación laboral da mocidade galega

 Dos anos 2009 ao 2016, ambos inclusive, perdemos 61.200 persoas como poboación activa, como era de esperar, maioritariamente na mocidade. A mocidade de 16 a 24 anos pasou de representar o 8,5% no ano 2009 ao 4,7% no 2016. E a poboación de entre 25 e 34 anos, que representaba o 27,3% no 2009 pasou a representar o 19,5% no 2016.

Nos anos de crise perdéronse 160.00 empregos. Desde o 2009 ao 2016 temos 124.200 persoas, de entre 16 a 34 anos que perderon a súa ocupación. A ocupación nesa franxa de idade caeu nese período nada menos que 10 puntos, do 33% ao 23%.

Tamén temos que falar da emigración a países estranxeiros, que afecta principalmente á xente moza. Non hai datos estatísticos concretos e directos sobre este feito, e deberíamos reclamalos, pero todos sabemos e coñecemos a parentes e amigos que emigran en busca de posibilidades que aquí non atopan, xente nova e con cualificación profesional. Se non o fixesen, o paro da mocidade aínda sería moito maior.

Pero, ademais, hai que salientar un cambio de tendencia importante con respecto a outras crises, porque a pesar de que nestes dous últimos anos se creou emprego, nas persoas entre 25 e 34 anos seguiu descendendo, concretamente 4.900 no último ano.

O ano 2016 é un ano de creación de emprego pero, como ocorreu noutras crises, 0 95,2% deste é temporal. A taxa global de temporalidade no 2015 era do 25,4% e no 2016 aumentou ao 26,2%. Pero ademais o 33% dos contratos temporais son de duración inferior a unha semana.

Traballo a tempo parcial

E o máis característico deste ano é o aumento do traballo a tempo parcial, que tamén afecta en maior medida á mocidade e, particularmente, ás idades de 16 a 24 anos. A xornada a tempo completo desde o ano 2009 caeu un 133,10%, mentres que a de tempo parcial aumentou un 17,60%. O tempo parcial entre menores de 30 anos supón un 28%, afectando máis ás mulleres que aos homes.

Se falamos de salarios, temos que dicir que en Galiza o grupo de maiores ingresos (máis de 10 veces o SMI) foi o que máis incrementou o salario medio e, ademais somos, despois de Madrid, o territorio onde este colectivo ten o salario medio máis elevado (151.733 euros). Pola contra, o colectivo con ingresos inferiores á metade do SMI é o único que non só reduce o salario medio senón que é o que máis aumenta.

Salarios

Pois ben, as diferenzas por idade son moi elevadas e viñeron incrementándose progresivamente desde o ano 2009. Nese período, os salarios dos menores de 18 anos baixaron un 19%, de 18 a 25 anos un 27,7% e de 26 a 35 anos un 10,6%. A mocidade de 16 a 25 anos ten un salario medio inferior nun 52% ao resto da clase traballadora. E de 25 a 34 a fenda salarial é do 24%.

Pero se consideramos, cos datos da Axencia Tributaria, os ingresos anuais dos menores de 25 anos, vemos que estes non chegan ao 20% do salario medio e os de 25 a 34 anos teñen uns ingresos que só representan o 34% dos ingresos medios.

Parecería que estamos ante un problema de idade, e que co paso do tempo estas persoas deberían ter un salario máis alto. Din que o tempo cura todos os males. Pero non é así, porque o problema está en que as persoas que queren traballar teñen que aceptar empregos de escasa duración e mal pagos, e loxicamente, por lei de vida, a mocidade é absolutamente maioritaria entre quen se incorpora ao traballo. A cuestión radica no tipo de emprego que se ofrece e na necesidade de aceptalos, teñas máis ou menos anos, pero é evidente que afecta en maior medida á mocidade.

A reforma laboral de 2012

A reforma laboral de 2012 trastoca todas as relacións laborais, mesmo na negociación colectiva, dando maior poder e autoridade ás decisións empresariais. Inmediatamente despois, a Lei 11/ 2013 adóptase co obxectivo declarado de solucionar “as fraquezas estruturais que inciden directamente nas cifras do desemprego da mocidade”, “a alta temporalidade e contratación parcial non desexada… e a necesidade de mellorar o autoemprego”.

Porén, esta Lei de medidas de apoio ao emprendedor e do estímulo ao crecemento e creación de emprego, non aborda os problemas estruturais da mocidade á hora de encontrar un emprego, senón que abre unha chea de alternativas flexibilizadoras coa mesma finalidade que outras anteriores, ou sexa, considerar que a única posibilidade de emprego vai ser un emprego precario.

Contrato de formación e aprendizaxe

Desta forma, o contrato para a formación e a aprendizaxe, que sería o medio máis acaído e tradicional de incorporación da mocidade ao traballo, precarízase aínda máis, aumentando tanto o tempo de duración como a idade e dando paso ás ETTs nesta contratación que ata o de agora estaba vedada. Desta forma, e dado que se permite en varios supostos a concatenación de contratos formativos, unha persoa pode estar contratada ata os 30 anos baixo esta modalidade con salarios inferiores ao SMI. Algo parecido ocorre coa reforma do contrato en prácticas, que, a pesar da súa precarización, se amosa incapaz de competir coas prácticas extra laborais e con bolsa.

A pesar de todo, a utilización dos contratos formativos, bonificados e de baixo custo para o empresario, apenas supera o 3% dos contratos rexistrados, o que pon en evidencia o seu carácter marxinal e o fracaso rotundo da reforma.

Beneficios empresariais

E iso ocorre porque aínda que estes contratos son agora máis precarios e con maior bonificación, o empresario dispón doutras moitas alternativas, tamén bonificadas, e con ningún compromiso de formación. Vexamos as máis significativas:

- En primeiro lugar, os clásicos contratos de duración determinada, eventual e por obra ou servizo, que supoñen máis dun 60% dos contratos rexistrados a persoas menores de 30 anos. Pódese contratar a tempo parcial e apenas existen restricións para a rotación, fáciles de celebrar e de extinguir cunha pequena indemnización por parte do empresario.

- En segundo lugar, o contrato de primeiro emprego, para menores de 30 anos que carezan de experiencia laboral ou ben que esta sexa menor de tres meses. Aquí o empresario líbrase de invocar causa ningunha e pode utilizar o contrato tanto para necesidades eventuais como permanentes, xa que o obxecto deste queda totalmente aberto porque se trata da adquisición dunha primeira experiencia profesional. Na práctica lémbranos a aquel contrato de fomento do emprego dos anos 80, aínda que de menor duración, un recurso vello e pouco eficaz para o mantemento do emprego que fomenta a temporalidade e compite con outros contratos máis adecuados, como son os formativos.

- En terceiro lugar, o chamado contrato de apoio a emprendedores, destinado a persoas comprendidas entre 16 e 30 anos e a empresas de menos de 50 traballadores. Este contrato aínda que se define como indefinido a tempo completo ou parcial, implica un período de proba de 1 ano, polo que pode ser utilizado como un contrato temporal máis e sen causa, pero en peores condicións que un contrato eventual ou de obra e servizo, xa que pode ser despedido en calquera momento sen dereito a indemnización ningunha.

- En cuarto lugar, un contrato da mesma modalidade que o anterior pero dirixido ás empresas de menos de 9 empregos, coa diferenza de que a bonificación á seguridade social é do 100% durante un ano, con tal de que se manteña o contrato ao menos 18 meses, en lugar dos tres anos que se esixe ao contrato de apoio a emprendedores.

Con todo, a utilización destas modalidades, agás a contratación de duración determinada, é ben escasa e, como ocorre cos contratos formativos, claramente marxinal.

O fomento da contratación a tempo parcial

A medida verdadeiramente estrela das reformas iniciadas no 2012 vén ser a contratación a tempo parcial. A destrución de emprego centrouse no tempo completo mentres medra significativamente a contratación con xornada reducida, especialmente para menores de 30 anos e ademais a súa expansión está vinculada á contratación temporal, sumándose así a un salario reducido a inestabilidade laboral.

A taxa de parcialidade dos menores de 30 anos, no 2007 era superior en 4 puntos da dos maiores e na actualidade supera os 15. Pero esta situación nada ten que ver coa elección libre das persoas menores de 30 anos, como sinala un Informe do BBVA, de hai dous anos; a mocidade acepta esa contratación porque non ten outra alternativa.

Na franxa de idade entre 20 e 24 anos a parcialidade acada o 60% da contratación. A empresa ante a incerteza económica aposta por esa modalidade que lle supón menor custo salarial e de seguridade social e que, ademais, co xogo das horas complementarias lle ofrece unha flexibilidade case absoluta. A lexislación realmente fomenta esta situación, porque agás o contrato de formación, en todas as outras modalidades para a mocidade cabe o tempo parcial, pero, por se fose pouco, a Lei 11/2013 vén configurar un tipo específico de contrato a tempo parcial con vinculación formativa para menores de 30 anos, con redución de cotas á Seguridade Social.

Os asalariados aos que se destina ese contrato deben de carecer de experiencia laboral, ou ben proceder doutro sector de actividade, ou carecer de título oficial de ensino obrigatorio, ou de certificado de profesionalidade ou de formación profesional acreditada. O campo de actuación é pois tan amplo que ben podemos pensar que estamos realmente ante un novo instrumento de emprego mozo.

Aparentemente parece unha boa cousa que se fomente traballar unhas horas mentres segues a formarte, pero a súa construción xurídica obvia este tema, xa que non se esixe simultaneidade e durante a vixencia do contrato a empresa non ten ningunha obriga formativa e tampouco se esixe que a actividade desempeñada teña conexión ningunha coa formación acreditada ou coa formación que se está a realizar.

Polo tanto, formación e emprego camiñan de forma separada. Este contrato opera tanto en caso de modalidade indefinida como temporal, iso si, con redución do 100% da cota empresarial ata un máximo de dous anos, se a empresa é inferior a 250 traballadores e do 75% se é maior desa cifra.

En resumo, o alto nivel de desemprego e o traballo de mala calidade e mal pago é o que caracteriza a precariedade laboral da mocidade.

As políticas que se están a aplicar non inciden realmente nesta situación, senón que, como vén sendo habitual en todas as crises, responden ao criterio de que é mellor un mal traballo que ningún, o que potencia e consolida a precariedade xuvenil. De feito, nos Orzamentos Xerais do Estado para este ano, contémplase un incremento do PIB do 2,5% , con creación de emprego, xunto a unha caída nos ingresos da Seguridade Social do 3,9%, o que quere dicir que o emprego que se crea é un emprego de baixa calidade e alta rotación que non soluciona o déficit das pensións.

Ademais, a escasa duración dos contratos fai que en moitas ocasións non poidan acceder ao desemprego e, como ten denunciado Cáritas en varios informes, cada vez medra máis o colectivo de mozos e mozas que viven baixo a liña da pobreza.

Unha precariedade que, en definitiva, lles impide emanciparse ou facer plans de futuro a medio prazo. E este feito é non só un problema social senón tamén un atranco para a recuperación económica.

Sindicalismo e mocidade

As crises económicas e as conseguintes reformas laborais a prol da flexibilización das relacións laborais tamén teñen seus efectos específicos no comportamento da mocidade e na súa capacidade de participación e organización.

Na década dos 80, aínda que os sindicatos tiñan un grande prestixio social, a provocada segmentación no mundo do traballo foi arredando a mocidade da organización sindical ante a coacción permanente que supón estar sometido a un contrato temporal.

A mediados da década dos 90, despois da Lei de liberalización do solo de Rodrigo Rato e concretamente coa burbulla inmobiliaria, a mocidade traballadora tamén atopou a súa propia burbulla, abandonando prematuramente os estudos para ter ingresos relativamente fáciles. Pero como os esaxerados prezos da vivenda era un obstáculo demasiado grande para se emancipar, moita xente nova seguía vivindo na casa dos pais e os seus comportamentos vitais derivaban deica o lecer e o divertimento, pensando quizais que esa situación non tiña límite. Os sindicatos e a organización de clase non era cousa deles.

Futuro “negro”

Coa crise de 2007, a mocidade -pode ser que por primeira vez- entende que o futuro é moi negro e desde logo preséntase moito peor que as súas xeracións precedentes. Hai, por iso, un cambio de actitude bastante claro e unha importante sensibilidade e participación política, como se vén demostrando en determinados movementos e comportamentos electorais.

Pero dáme a impresión que se segue a ver os sindicatos como unha organización de maiores, que van ao seu e que, en todo caso, defenden a xente de máis idade e con empregos fixos.

Nuns tempos en que existe un interese desmesurado por desprestixiar os sindicatos e onde ese desprestixio en certa medida abrangue a todos, con culpa ou sen ela, faise máis necesario que nunca multiplicar esforzos para dirixirse á mocidade desde a transparencia e permeabilidade. Duplicar esforzos tamén en canto á participación e visualización de xente nova nas direccións sindicais a todos os niveis. Porque ninguén regala nada e só coa mobilización e organización podemos darlle unha volta a esta situación catastrófica, o que, por outra parte, require diálogo, alianza e unidade de todos e todas como clase traballadora.