A CIG mobilízase contra a "nova reforma laboral" que prorroga os ERTE
A CIG continuou este mércores o calendario de accións mobilizadoras para esixir políticas que permitan unha saída á crise sanitaria, económica e social favorábel á clase traballadora e ás maiorías sociais. Desta volta, a central realizou concentracións diante da Delegación do Goberno na Coruña, das subdelegacións de Lugo, Pontevedra e Ourense, en oficinas do SEPE e do INSS de Vigo e Vilagarcía, no edificio da Xunta en Ferrol e na Praza de Galiza de Santiago, coincidindo co debate e votación no Pleno do Congreso do RDL 18/2020, unha sorte de "nova reforma laboral" que afonda no abuso patronal, non garante os ingresos das familias nin a recuperación do emprego, malia o seu rimbombante título: Real Decreto-Lei de medidas sociais en defensa do emprego.
Este RDL para a prórroga dos ERTE, resultado do chamado Acordo Social, evidencia as mentiras do Goberno a respecto de que esta é a primeira vez que se lexisla a saída a unha crise antepondo o interese das maiorías sociais ao interese do capital. Máis aínda, en vez de derrogar a reforma laboral do PP, o Goberno de coalición presenta unha versión máis agresiva e dura baixo a escusa de salvar as empresas para garantir o emprego. "Estamos ante unha reedición do pacto social como primeira manifestación da renovación dos Pactos da Moncloa, con todo o que significa de imposición de políticas laborais inxustas, anti-obreiras e de profundo españolismo".
Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, este tipo de políticas económicas e recentralizadoras que o Goberno español está a aplicar "son o caldo de cultivo para que a ultradereita e o fascismo poidan medrar". "A ultradereita non se combate con receitas neoliberais que xa se demostraron fracasadas, haina que combater con políticas sociais", asevera.
As garantías de emprego, pura propaganda
Neste senso, Carril lembra que a garantía de emprego da que fala o Goberno é "pura propaganda", como se puido comprobar unha vez publicado o decreto 18/2020 no BOE: a suposta prohibición de despedimentos durante seis meses nas empresas que realizaran ERTE quedou reducida á mínima expresión, xa que só se aplicará aos ERTE por forza maior, non aos que teñen causas obxectivas, e ademais os seis meses comezan a contar cando se reincorpora da suspensión a primeira persoa, non a última.
Pero a maiores, permítese a extinción de contratos temporais; quedan exentas desta garantía de emprego as empresas en risco de concurso; e no caso do despedimento que incumpra a normativa non será considerado nulo, senón improcedente.
Xunto a isto, non se garanten en absoluto os ingresos das traballadoras e traballadores afectados xa que, a partir do 30 de xuño, as persoas en ERTE van comezar a “gastar” o seu desemprego, como acontecía antes. E tampouco é seguro que poidan seguir cobrando a prestación do paro as persoas que estaban percibíndoa sen teren os doce meses cotizados.
"Este decreto apróbase cando hai centos de traballadores e traballadoras que aínda non comezaron a cobrar o paro e cando segue vixente e sen trazos de ser derrogada a reforma laboral e da prestación por desemprego de 2012, que meteu un retallo importante ás contías a percibir, pois a partir do día 181, a porcentaxe da contía que se percibe baixa até o 50% da base reguladora de cotización", alerta.
O Goberno xa demostrou non ter vontade de derrogar a reforma laboral
Sobre este punto, Carril denuncia a nula vontade do Goberno español por anular integramente a reforma do PP, malia no seu momento ser compromiso electoral das dúas formacións que integran o Executivo. "O espectáculo bochornoso do outro día a conta do pacto con Bildu evidencia ás claras que non hai interese por avanzar neste camiño, senón, como moito, tocar determinados aspectos cos que lavar a cara. De feito, no acordo de investidura asinado en xaneiro entre o BNG e o PSOE xa se contemplaba a derrogación da reforma laboral e da negociación colectiva, respectando os marcos autonómicos de relacións laborais, mais até o día de hoxe o Executivo de Sánchez non deu ningún paso neste camiño, senón máis ben no contrario", lembra.
Con este decreto dáselle un "cheque en branco" ás empresas que seguirán decidindo unilateralmente sobre os ERTE: continuidade e ampliación das causas, duración e modalidade que prefiran, sen control público e sen negociación coa representación sindical, deixando na total indefensión e desprotección os traballadores e traballadoras.
E por non se fora abondo, terán novas bonificacións fiscais, manténdoselle a exoneración do pago das cotas á Seguridade Social, que irán a cargo dos orzamentos da Seguridade Social, do SEPE e do Fondo de Garantía Salarial (FOGASA); é dicir, cos cartos que se lle detraen ás traballadoras e aos traballadores.
Novo ataque á Lei Orgánica de Liberdade Sindical (LOLS)
Carril apunta tamén que a Comisión Tripartita Laboral prevista no acordo social para tratar as medidas acordadas é un novo golpe á LOLS, porque xa existen órganos tripartitos institucionais de ámbito estatal, e legalmente constituídos con atribucións propias nestas materias e que responden á representatividade de cada organización. "Con este nova comisión estase vulnerando o dereito á participación institucional que a CIG ten como organización sindical máis representativa en igualdade de condicións que o resto que teñen esa condición", apunta.
Un saqueo que conta co apoio entusiasta do PP e da Xunta
O secretario xeral da CIG critica que este novo saqueo ás maiorías sociais conta co apoio entusiasta do PP e da Xunta de Galiza, co seu presidente Feixoo á cabeza, "indolente ante a grave crise industrial e social que padecemos, máis preocupado por facer electoralismo, satisfacer as demandas patronais e obedecer a Madrid, que por demandar outras políticas para termos unha saída xusta e galega á crise".