• Nova

Reforma laboral: consolida o modelo neoliberal

Manuel Mera - 03 Xan 2022

Con esta nova reforma laboral a gran beneficiada é a patronal, xa que consegue o aval do Goberno e a aceptación dos dous principais sindicatos sistémicos (CCOO e UGT), a medidas que implican a medio prazo unha redución do emprego necesario para desenvolver unha tarefa, ou sexa, dos custos laborais

 O tempo veu a dar a razón máis unha vez á CIG respecto de que non se podía confiar na coherencia da práctica de CCOO e UGT. Así foi en moitas ocasións anteriores, por exemplo cando asinaron o pacto de moderación salarial coa patronal hai agora dúas décadas. No actual acordo aproveitouse a chamada Comisión de Diálogo Social, na que participaban estas centrais, a patronal e o Goberno central, para pactar o SMI, os ERTE e agora unha nova reforma laboral. Polo que, ao final non haberá derrogación, como se esixía dende o conxunto do sindicalismo e se comprometían no seu programa de Goberno o PSOE+UP senón recuperar só algúns dereitos sindicais, regular outros e deixar nas mans da patronal mecanismos esenciais para aumentar a sobreexplotación laboral. Como confirma un editorial do ABC: “O Acordo entre Goberno, sindicatos e CEOE é de mínimos e provén da concesión de todos para contentar a Europa. E por suposto non supón e derrogación da norma do PP de 2012”.

 Este pacto social recupera algúns dereitos, como o da ultraactividade dos convenios. Faino con outros parcialmente e con criterios políticos, por exemplo ao primar o convenio de sector-estatal sobre o de empresa só en materia salarial, mentres que confirma o convenio de empresa para regular todas as demais condicións laborais, un marco no que a patronal normalmente ten máis capacidade para impoñer condicións. Véxase que prioriza os convenios sectoriais estatais, e non aqueles de nacionalidade e provincia, dándolle un forte contido centralista ao acordo, máxime cando a maioría dos convenios do ámbito estatal teñen unhas condicións salariais e laborais inferiores e unha menor capacidade mobilizadora.

 O secretario xeral da CIG avalía ao respecto do pacto: “que en aspectos presentados como novidosos desta reforma, referidos á precariedade, á subcontratación e á temporalidade (...) non se crea nin se asegura ningún dereito, xa que non se pecha a porta a que as empresas sigan facendo abuso da temporalidade e da subcontratación. De feito, na nova regulación, estas cuestións limítanse a unha simple transcrición do que estaba gañándose a través da xurisprudencia”. A resposta á precariedade fiase aos ERTE, contratos de fixos/as descontinuos, etc. Ademais, non é un aspecto secundario que se manteñan as anteriores “reformas” no relativo: á perda dos salarios de tramitación por despedimento, e á redución da compensación económica da contía a recibir cando este é inxustificado, etc. Ademais, “o borrador acordado non recupera a autorización administrativa para os despedimentos colectivos perdida con Rajoy. E modifica a negociación colectiva nun só aspecto: haberá prioridade sectorial-estatal unicamente en materia salarial. Non hai máis cambios” (https://rebelion.org/una-reforma-laboral-al-gusto-de-europa/).

 Para alén destes pequenos avances, algúns xa estaban consolidados pola propia presión sindical, especialmente das centrais non pactistas, o esencial deste acordo é que a patronal consegue pactar unha contía mínima a pagar polos despedimentos inxustificados e mantén abertas as portas para axustar empresa a empresa a xornada e outras condicións laborais. Garánteselle á CEOE o mellor escenario co aval de CCOO e UGT e do Goberno. E isto é estratéxico para a patronal, daquela que fixese algunhas cesións. Non é casual que cada vez máis empresas intenten modificar a xornada, ligándoa ao momento de maior actividade. Búscase aumentar o sobreesforzo laboral, reducir os custos e aumentar os lucros. Daquela que a CEOE non admita modificar nin unha coma no debate parlamentar, para manter seu aval ao texto, temendo que ERC, Bildu, BNG e outros partidos, poidan forzar o PSOE+UP a facer cambios substanciais para apoiar o Decreto Lei.

 Outro aspecto que non se pode obviar é que tanto a CEOE como CEPYME saben que a capacidade reivindicativa da clase traballadora é máis forte no ámbito sectorial, especialmente no marco das nacionalidades e provincias, como se pode constatar ao valorar os convenios. Algo que tamén sucede nas grandes empresas, mais estas son só unha fracción da clase traballadora. Con esta nova reforma laboral a gran beneficiada é a patronal, xa que consegue o aval do Goberno e a aceptación dos dous principais sindicatos sistémicos (CCOO e UGT), a medidas que implican a medio prazo unha redución do emprego necesario para desenvolver unha tarefa, ou sexa, dos custos laborais. Ao que se suma a división do movemento sindical e alentar a sensación de derrota na clase traballadora, fortalecendo o discurso da dereita e da patronal. Lembremos que estes acordos foron aceptados unanimemente polas direccións de CCOO e UGT, renunciando no proceso ás mobilizacións e unha folga se fose necesario. Por outra banda, resulta evidente que este acordo non ten custos internos no PSOE, mais: como responderá a base de Unidas Podemos e dos partidos que a integran a tanta incoherencia? Porque resulta evidente que o pacto nega tanto o programa como o discurso. E todo indica que fortalece as forzas soberanistas de esquerda, incluído o BNG, que tomaron unha postura correcta e rapidamente.

 Tampouco semella casual que este acordo se logre nestas datas festivas, nas que se sabe que a resposta dos sindicatos combativos e da clase traballadora terá limitacións e, en boa medida, terá que ser adiada aos días posteriores ás festividades. Un momento no que seguramente se dará a coñecer o aumento do SMI a mil euros, unha cifra seica simbólica para as centrais sindicais asinantes do pacto (hoxe está en 965), porén afastada aínda do 60% do salario medio. E sobre todo que non ten en consideración que o aumento do IPC anual xa atinxiu o 5,5% en novembro de 2021. Unha inflación que se traduce en perda de poder adquisitivo se temos en consideración o menor crecemento dos salarios, das pensións e do SMI que se propón. E isto dáse nun contexto no que, malia a pandemia e a crise, se está a producir unha concentración moi forte da riqueza nas corporacións e grandes fortunas. O sucedido amosa máis unha vez que a única vía é a mobilización e a loita no eido das ideas, para aumentar o peso do sindicalismo combativo e de clase, e dos partidos que defenden a xustiza social e a soberanía nacional galega.

 

[Galiza, 31 de decembro de 2021]

 

https://obloguedemera.wordpress.com/