Reforma das pensións en Francia: Un proxecto rexeitado masivamente

Léon Crémieux - 20 Xan 2023

A reforma do réxime de pensións anunciada por Emmanuel Macron e a súa primeira ministra Elisabeth Borne supón un novo ataque social contra as clases traballadoras. Esta reforma prevé ampliar a idade de xubilación en dous anos, de 62 a 64. O que pretende Macron é unha nova redución do custo do traballo para as empresas e unha redución do gasto público nos orzamentos do Estado

 Nun contexto en que as clases traballadoras veñen sufrindo as consecuencias dos anos covid: desde a crise do sistema sanitario até a reforma do sistema de desemprego que entrará en vigor a primeiros de febreiro e reduce as prestacións, no que supón un forte ataque aos salarios reais e os ingresos sociais en 2022 e 2023, xunto a unha elevada inflación (especialmente no prezo dos alimentos e a enerxía) que non se ve compensada cos aumentos salariais e os ingresos correspondentes, a reforma das pensións que aprobou o pasado martes o goberno de Macron vaise converter nunha cuestión social e política de primeira orde.

 A reforma do réxime de pensións anunciada por Emmanuel Macron e a súa primeira ministra Elisabeth Borne supón un novo ataque social contra as clases traballadoras. Esta reforma prevé ampliar a idade de xubilación en dous anos, de 62 a 64, de forma global e rápida, tanto para o sector público como para o privado. O proxecto de lei votarase nos próximos dous meses mediante un procedemento de debate urxente (Art. 47-1 da Constitución, só 20 días de debate na Asemblea a partir do 8 de febreiro, con 50 días para que sexa adoptado polas dúas cámaras: Asemblea e Senado).

 Este proxecto tamén pretende suprimir toda unha serie de réximes especiais de pensións en distintos sectores, nos que as condicións de saída son máis favorábeis (electricistas, traballadores do gas, RATP, etc.).

 Por último, para poder acceder a unha pensión completa, propón pasar das 42 anualidades actuais a 43 (anos traballados ou equivalentes). A anterior reforma, realizada baixo o Goberno socialista en 2013, propuña alcanzar este último obxectivo en 2035 (un cuarto de extensión cada tres anos); co proxecto actual o obxectivo alcanzaríase oito anos antes, en 2027 (un cuarto máis cada ano).

 En definitiva, trátase dun proxecto global de regresión social que, tras un discurso oficial que fala de xustiza social e de salvar o sistema francés de repartición, agravará aínda máis as desigualdades.

 Na maioría dos países industrializados, os sistemas de pensións foron obxecto de numerosos ataques, sobre todo desde a viraxe liberal dos anos oitenta.

 Francia non escapou a esta tendencia e, desde 1993, os sucesivos gobernos, encabezados polos socialistas e os gaullistas, levaron a cabo catro reformas contra o sistema de pensións. Hai trinta anos, as persoas traballadoras por conta allea, xa fosen funcionarias ou do sector privado, gozaban dunha pensión completa (tipo íntegro) aos 60 anos, tras cotizaren 37,5 anos. Se se aproba o proxecto, chegaremos moi axiña aos 64 anos de idade e aos 43 de cotización, 44 para vidas laborais longas.

 Isto representaría un novo ataque social, que golpearía particularmente a quen desenvolva unha vida laboral profesional intercalada con períodos de desemprego ou de traballo a tempo parcial, especialmente as mulleres e, en xeral, a quen empezou a traballar antes dos 20 anos, persoas cunha baixa cualificación. Isto tería o dobre efecto de obrigalas a traballar máis aló dos 64 anos, a cambio de pensións máis baixas.

 Este proxecto de reforma inscríbese no plan global de Macron orientado a facer "traballar máis", segundo un dos temas da súa campaña de 2022, e aumentar, polo menos sobre o papel, o número de persoas activas atrasando a idade de xubilación, presionando as persoas en paro mediante a redución dos seus dereitos, e mesmo de presionar a quen percibe o RSA (ingreso activo de solidariedade [similar á RGI], para os que esgotaron o subsidio de desemprego, 1,88 millóns de beneficiarios en xuño de 2022) condicionando a súa percepción a un período de traballo voluntario de 15 a 20 horas ao mes. Evidentemente, estas medidas presionan sobre os salarios dos e as traballadoras, diminúen a calidade dos empregos e aumentan o desemprego e a precariedade dos traballadores e traballadoras de máis idade.

 En canto ao atraso da idade de xubilación de 62 a 64 anos, un estudo do OFCE (Observatoire français des conjonctures économiques -Sciences politiques)[1] estima, baseándose nos resultados da reforma de 2010, que o retroceso da idade de xubilación a 64 anos reduciría o número de persoas xubiladas en 600.000 en 2027, das que 240.000 continuarían traballando, 215.000 estarían desempregadas e o resto nunha "esclusa de precariedade" constituída pola invalidez, a enfermidade ou a inactividade. Isto levaría a un 75% de desemprego e inseguridade! Só os empregados e directivos máis cualificados, as categorías menos suxeitas a un traballo arduo e vidas laborais interrompidas, permanecerían cun emprego estábel.

 O mesmo cómpre dicir dos ataques a quen goza do subsidio de desemprego. Segundo o DERES, de xuño de 2008 a xuño de 2021 pasouse do 68% ao 47,4% de persoas desempregadas con prestación. Peor aínda, en setembro de 2021, a duración do período traballado para ter dereito ao subsidio pasou de 4 a 6 meses. E a última reforma, que entra en vigor a primeiros de 2023, reduce nun 25% o período durante o cal unha persoa desempregada pode recibir unha indemnización. A partir de agora, a duración máxima será de 18 meses, e de 27 meses en lugar de 36 para as persoas maiores de 55 anos.

 Todas estas decisións van na mesma dirección: golpear cada vez máis duramente os sectores das clases traballadoras que máis sofren as crises actuais.

 Máis que o aumento real do número de persoas asalariadas, "unha nova forza de choque para desenvolver o crecemento" segundo o discurso oficial, o que pretende Macron é unha nova redución do custo do traballo para as empresas e unha redución do gasto público nos orzamentos do Estado.

 A outra razón fundamental pola que o Goberno presentou con urxencia este proxecto de reforma das pensións non ten nada que ver coas perspectivas do sistema de pensións de aquí a 10 ou 20 anos, senón coa redución do déficit das finanzas públicas de aquí a 2027. En maio de 2022, a Comisión Europea restableceu as normas do Pacto de Estabilidade, as normas de Maastricht, suspendidas durante a pandemia. O Comisario europeo de Economía, Paolo Gentiloni, anunciou que, de aquí a finais de 2023, os Estados membros deberán cumprir as normas sobre déficit e débeda públicos cun máximo do 3% e o 60% do PIB, respectivamente. E aconsellouse a Francia que reducise a súa débeda e reformase rapidamente o seu sistema de pensións.

 En xullo, o Goberno francés presentou, como cada ano, o seu programa de estabilidade, as perspectivas económicas até 2027, á Comisión Europea. Nel, Bruno Le Maire prometeu que o déficit público baixaría do 4,9% do PIB en 2022 a menos do 3% en 2027. Francia comprometeuse a aumentar o seu orzamento só un 0,6% anual: "A sustentabilidade das finanzas públicas non se logrará mediante un aumento das exaccións obrigatorias... O control do gasto público baséase principalmente en reformas estruturais, en particular a reforma das pensións... [tal e como] prometeu o presidente da República durante a campaña electoral”. A reforma das pensións é, pois, o alicerce da redución do gasto público para cumprir as normas europeas e manter unha opinión favorábel das axencias de cualificación. Bruno Le Maire espera liberar 17.700 millóns de aquí a 2030, é dicir, máis do 5% do gasto en pensións. Ao mesmo tempo, o Goberno segue recortando os impostos ás empresas. Así, a CVAE (contribución sobre o valor engadido das empresas) que pagan as empresas que facturan máis de 500.000 euros, que achegou 18.000 millóns en 2019, desaparecerá por completo en 2024.

 Se as autoridades europeas e os capitalistas europeos insisten tanto na reforma das pensións en Francia, é porque estas teñen a particularidade de resistir máis ao esgazamento que noutros países europeos.

 Por suposto, os ataques anteriores xa tiveron e terán aínda máis consecuencias en termos de caída do poder adquisitivo das persoas pensionistas e de redución do número de anos de xubilación. Porén, Francia é un dos países onde máis axiña se pode xubilar e, xunto con Italia, un dos países onde máis diñeiro se gasta en pensións, en torno ao 13,5% do PIB, principalmente gasto público, no marco dos réximes de pensións colectivos e obrigatorios. Moitos expertos capitalistas insisten en que este nivel intolerábel impón unha fiscalidade obrigatoria demasiado elevada ás empresas. O que se sinala con menos frecuencia é que esta gran parte dedicada ás pensións tamén permite a Francia ser un dos países da Unión Europea onde a taxa de pobreza dos maiores de 65 anos é máis baixa: un 10,9% fronte ao 16,8% de media e o 19,4% de Alemaña.

 Este sistema segue a representar un importante punto de resistencia, unha cuestión de modelo social, nun país onde máis do 60% de persoas en activo desexarían xubilarse aos 60 anos ou antes.

 Este modelo de sociedade é tan ou máis importante que os argumentos pouco convincentes esgrimidos por Macron e os expertos que se suceden nos medios de comunicación. O propio Conseil d'Orientation des Retraites (COR), organismo oficial encargado de supervisar o sistema, publicou o verán pasado un informe no que presentaba proxeccións para os próximos corenta anos que mostraban un sistema equilibrado. A observación, de sentido común, de que cada vez haberá máis pensionistas e menos traballadores (o cal é certo) non conduce a un aumento incontrolábel do gasto. Pola contra, o gasto en porcentaxe do PIB manteríase moi estábel entre o 13 e o 14% de aquí a 2070. Son os ingresos os que diminuirían pola diminución dos pagamentos do Estado ás e aos empregados públicos. En todas as hipóteses, as contas só darían un pequeno déficit en relación co importe dos ingresos e os gastos. O sistema tivo superávit os dous últimos anos (4.000 millóns en total) e rexistrará un déficit máximo de 10.700 millóns en 2027, fronte a 350.000 millóns de gasto. Todo isto figura no informe do COR, que afirma explicitamente que a situación non é catastrófica... contrariamente ao que di o Goberno. Ademais, o Goberno afirma que necesita máis persoas empregadas activas, mentres que a taxa de emprego actual das persoas de 50 a 65 anos é só do 56%, debido aos plans de reestruturación, as enfermidades e a imposibilidade de atopar traballo.

 Así pois, o Goberno xa perdeu unha batalla, a de xustificar unha reforma para preservar e salvar o sistema, e non poderá convencer diso a ninguén nos próximos dous meses. Do mesmo xeito, existe a profunda convicción de que, se hai que financiar un déficit limitado nos próximos anos, non hai razón para que esta carga recaia sobre os asalariados e asalariadas, especialmente as máis pobres e sometidas a condicións de traballo máis difíciles.

 Fronte a estas medidas, o Goberno afirma regularmente que, para garantir o crecemento, non quere aumentar as cotizacións patronais aos fondos da Seguridade Social (entre eles, ao fondo de pensións), e que quere reducir as deducións obrigatorias e baixar todos os impostos sobre a produción e as empresas. Isto ocorre nun contexto de explosión dos beneficios das grandes empresas, de repartición masiva de dividendos e de enriquecemento individual do sector máis rico da poboación. En 2022, as empresas do CAC 40 [o IBEX35 francés] obtiveron 172.000 millóns de beneficios (un 34% máis que en 2021) e distribuíron 80.000 millóns aos seus accionistas en forma de dividendos ou recompra de accións. Así que se trata dunha reforma de clase... E iso está á vista de todo o mundo.

 Todas as sondaxes realizadas nos últimos meses, mesmo desde o anuncio da reforma, mostran unha hostilidade maioritaria a esta reforma, aínda que este rexeitamento é menor entre executivos... e pensionistas. O 80% das persoas enquisadas móstrase hostil ao atraso da idade de xubilación aos 64 anos, o 60% aproba a mobilización sindical contra este proxecto e o 46% está disposto a mobilizarse.

 Todos os sindicatos (CGT, CFDT, FO, FSU, Solidaires, UNSA, CFTC) rexeitaron o proxecto de lei durante as conversas co goberno, mesmo aqueles que, como a CFDT, a UNSA, a CGC ou a CFTC, son máis proclives a aceptar as reformas liberais e apoiar as políticas gobernamentais. Todos os sindicatos convocaron unha primeira xornada de folgas e manifestacións para o 19 de xaneiro, cun único lema: a retirada do proxecto do Goberno. No seu último congreso confederal, a dirección da CFDT recibiu mesmo o mandato expreso de rexeitar calquera prolongación da idade de xubilación, fosen cales fosen as contrapartidas.

 Noutros proxectos de reforma das pensións, sobre todo en 2003 e 2010, os gobernos bateron cunha fronte sindical equivalente á actual, con todas as centrais sindicais opóndose frontalmente ao proxecto. No entanto, hai que sinalar que, en 1995, a CFDT non formou parte do movemento contra o plan Juppé, que pretendía equiparar ás e os asalariados do sector público cos retrocesos impostos aos do sector privado en 1993. Con todo, Juppé tivo que retirar o seu plan ante a mobilización xeral e unha longa folga da SNCF. En 1995 a CFDT sufriu unha grave crise e o abandono de varios dos seus sindicatos a Solidaires ou á FSU. Do mesmo xeito, en 2003, o movemento sindical que partiu unido contra a reforma de Fillon dividiuse e a CGC e a CFDT uníronse ao proxecto durante o seu debate parlamentario, que durou 6 meses. En 2010, a mobilización durou 9 meses, de marzo a novembro, diseminada en 14 días de folgas e manifestacións. En 2013, a CFDT tamén apoiou a reforma de Touraine do Goberno socialista. Desde 1995, o movemento social non logrou bloquear unha reforma das pensións, salvo en 2020, cando Macron tivo que aprazar o seu proxecto de reforma coa chegada da pandemia.

 Este ano, o debate parlamentario reducirase a 50 días, coa posibilidade, ademais, de que o Goberno recorra a decretos e ordenanzas. Ademais, o Goberno tamén pode recorrer ao artigo 49-3, que lle permite pechar o debate e impor un voto de confianza. En calquera caso, a configuración do debate parlamentario é bastante clara. A minoría macronista (170 deputados máis 80 aliados) pode contar polo menos co groso dos deputados do grupo republicano (62 deputados). A maioría é de 286 votos. Por tanto, practicamente non hai risco de que o proxecto poida ser rexeitado, xa que a política da dirección republicana é apropiarse deste proxecto que corresponde ao seu programa e que mesmo modificaran, facéndoo "menos brutal", pasando a idade de xubilación de 65 a 64 anos. As demais oposicións, xa sexa NUPES ou RN, opóñense totalmente ao proxecto, pero só poderán levar a cabo un debate moi limitado.

 Así pois, o que queda é a capacidade do movemento social, sindical e político para organizar unha verdadeira mobilización popular unitaria, con manifestacións, e a construción dunha relación de forzas que reflicta a hostilidade das clases traballadoras, a través de mobilizacións prolongadas en varios sectores profesionais. Isto significa construír conscientemente este movemento e non propor unha serie de xornadas de folga inconexas. Ademais, a brevidade do debate parlamentario impón a construción dun movemento unitario e ofensivo.

 É necesario impulsar a posta en pé localmente de estruturas intersindicais amplas que organicen a converxencia dos sectores en folga, estruturas unitarias que agrupen a sindicatos, asociacións e partidos. A NUPES e o NPA tomaron a iniciativa de mobilizacións unitarias en determinadas cidades. O 21 de xaneiro, dous días despois do primeiro día de folga intersindical, terá lugar unha manifestación nacional en París.

 O clima case xeral nas cúpulas sindicais é de rexeitamento a unha coordinación entre sindicatos e partidos. Desde o verán pasado, a actitude prepotente da France Insoumise non contribuíu a cambiar este clima. Porén, será necesario construír unha fronte unida, especialmente a nivel local. Isto é tanto máis importante canto que a amplitude da fronte sindical non se basea nunha práctica común real nin nun corpo común de reivindicacións fronte ao proxecto gobernamental. En varios sectores profesionais, os sindicatos anunciaron un calendario de folgas continuadas ou de varios días seguidos. É o caso dos sindicatos da rama Petróleo da CGT (24 horas o 19, 48 horas o 26, 72 horas o 6 de febreiro), sindicatos que xa realizaron varias semanas de folga salarial este outono. Olivier Besancenot, portavoz do NPA, tamén propuxo a idea de varios días consecutivos de folga xeral, en lugar dunha serie de xornadas dispersas.

 Tamén é crucial que a mobilización nos permita reunirnos ao redor das preocupacións inmediatas como os salarios e o custo da vida e os ataques contra os dereitos das persoas en paro, vinculando a loita contra o proxecto de lei ás reivindicacións contra o alto custo da vida, pondo no punto e mira os beneficios capitalistas.

 As últimas semanas de decembro viron, tras un movemento de folga dos condutores da RATP, un importante movemento dos controladores da SNCF, ao redor dos salarios e a carreira profesional. As numerosas folgas salariais non cesaron e volverán desenvolverse co novo ciclo de renovación de convenios nas empresas. O aumento exponencial do prezo do prezo da enerxía e a electricidade tamén provocou un descontento crecente nos últimos días, mesmo mobilizacións como a de panadeiros, restauradores e outros pequenos comerciantes e artesáns, que se enfrontan a situacións de quebra ou de falta de pagamento.

 O movemento que se pon en marcha debe ser capaz de expresar o descontento crecente das clases traballadoras, á vez que propoña reivindicacións anticapitalistas e constrúa un amplo movemento de apoio na poboación. O RN [extrema dereita] quere polarizar este descontento rexeitando evidentemente estas reivindicacións anticapitalistas e o desenvolvemento de folgas obreiras. Por tanto, tamén hai un interese decisivo en diminuír o seu peso.

 A posta en pé deste movemento prolongado non se fará sen que varios sectores profesionais constrúan unitariamente a relación de forzas contra o goberno, mesmo cando Olivier Véran, o seu portavoz, segue estando seguro de si mesmo e se manteña na súa. Estamos convencidos que os próximos días lle demostrarán que está errado.

_____________________________________________________________________________

Nota:

[1] Policy Brief, 21 de xullo de 2022.

_____________________________________________________________________________

 

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 14 de xaneiro de 2023]