REFESA despide por segunda vez un exdelegado da CIG que xa gañara a nulidade no xulgado do social
A dirección de Remolcadores Ferrolanos (REFESA) vén de despedir, por segunda vez, a un traballador nunha clara represalia polo súa actividade sindical. O afectado ostenta nestes momentos a condición de delegado sindical e fora elixido delegado do persoal pola CIG nas eleccións celebradas no ano 2016, ostentando esta condición até xullo de 2020.
Cómpre subliñar que esta é a segunda ocasión que a empresa despide a este traballador, pois nun intento de evitar que se presentara ás eleccións do ano 2016 pola CIG, xa procedera á rescindirlle o contrato. Este despedimento foi declarado nulo polo xulgado do Social dado o seu evidente carácter represivo.
"A actividade sindical do compañeiro nunca foi asumida pola empresa", alerta Beatriz Fernández, da FGAMT-CIG de Ferrol. REFESA, engade, "está acostumada a facer o que lle peta e a non ter contestación por parte do persoal, sendo o acoso ao compañeiro constante no tempo e tendo un novo episodio de grave acción antisindical neste segundo despedimento, imputándoselle feitos ad hoc para tentar xustificar a medida".
A FGAMT-CIG de Ferrol denuncia este tipo de prácticas antisindicais "e mais propias de tempos pasados" que emprega a dirección de REFESA. "Non podemos máis que criticar e rexeitar esta acción antisindical e ruín da empresa que pretende destruír persoal e laboralmente a unha persoa polo feito de defender a legalidade e os dereitos dos seus compañeiros e compañeiras".
A CIG ten convocada unha concentración para o vindeiro luns, 25 de outubro, diante dos xulgados de Ferrol coincidindo coa celebración do xuízo polo despedimento, en solidariedade co traballador e para rexeitar as actuacións desta empresa "prepotente que pensa que o persoal é propiedade súa e que pode mandar e ordenar sen asumir a existencia dunha representación sindical reivindicativa como a da CIG".