Redúcese o persoal sanitario e o horario de atención no aeroporto de Santiago
Juan Manuel González Méndez, enfermeiro do aeroporto e representante da CIG no comité, lembra que o 1 de agosto deste ano a dirección do aeroporto impuxo ao colectivo sanitario unha modificación substancial do horario laboral e remitiu aos traballadores un escrito segundo o que “para evitar situacións de incertidume, sobre se hai servizo de sanidade ou non, ante unha incidencia e/ou accidente que requira a intervención dun TMA: ATS, considera necesario que, para garantir un servizo axeitado, rápido e continuado dentro dunha franxa horaria, durante os 365 días do ano, é necesario modificar o horario habitual deste colectivo”.
Porén, transcorrido menos dun mes este obxectivo non se está cumprindo porque “a dirección do aeroporto non está contratando persoal para cubrir baixas, permisos e demais, malia estar así contemplado no convenio colectivo”, afirma o representante da CIG.
González Méndez explica que “con cinco traballadores facemos unha cobertura continuada de 18 horas. O problema é que neste momento hai unha persoa de vacacións e dúas de baixa polo que somos incapaces de cubrir todas as quendas quedando así moitos servizos descubertos”. A isto engade que “isto contradí claramente as razóns esgrimidas pola dirección para impor o cambio de xornada”.
Para a CIG-AENA esta situación é moi preocupante porque precisamente agora, no mes de agosto, é cando máis fluxo de pasaxeiros hai. Fluxo que ademais se incrementou nun 10,6% no último ano. “Hai franxas horarias, como de 7:30 a 10:00h, 14:00 a 16:30 ou de 20:00 a 22:30 horas, nas que podemos estar falando de máis de 3.000 persoas circulando a un tempo por Lavacolla entre chegadas e saídas”, matiza.
O representante da CIG no comité explica que “se estamos nós calquera incidencia sanitaria que ocorra no aeroporto atendémola de xeito inmediato e segundo sexa a gravidade solucionámola in situ ou avisamos ao 061. O problema é que se a incidencia ocorre nos horarios non cubertos, non queda outra que chamar a emerxencias”.
Lembra que o tempo medio de resposta e chegada do 061 ao aeroporto é duns 20 minutos, que “de ser unha incidencia leve estaríanse malgastando medios públicos e que, porén, de ser unha incidencia grave, como un infarto, habería que agardar eses 20 minutos para atendelo, co grave risco que isto supón para a vida da persoa afectada, mentres que tería atención inmediata se estamos nós”.
Diante desta situación a CIG-AENA demanda que desde a dirección do aeroporto se garanta a cobertura completa do servizo e o persoal necesario para que funcione coa continuidade necesaria para garantir a mellor atención sanitaria posible nas instalacións do noso aeroporto os 365 días do ano.