Recorte sen precedentes en secundaria: a Consellaría vai máis alá do efecto Covid e reducirá docentes ao respecto do ano 2019
Tal e como vén denunciando a CIG-Ensino nestes dous últimos meses, constátase o plan de liquidación dos actuais cadros de persoal dos centros educativos, especialmente de secundaria (ESO e Bacharelato). Os informes que a Inspección educativa solicitou no mes de maio ao centros para acomodarse a unha redución das distancias a 1,2m teñen agora as súas consecuencias na comunicación formal ás direccións dos centros da cota de profesorado do que disporán para o curso 2021/22.
Este retallo, apunta a CIG-Ensino, está a crear un enorme malestar en moitas direccións e mesmo nalgúns integrantes da inspección educativa que non aforran críticas en privado por unha cifras de profesorado que non só supoñen un risco de cara a afrontar coa máxima seguridade o curso escolar entrante, senón que van máis alá, implicando un recorte sobre as cotas de profesorado de 2019/20, o último curso ordinario.
No estudo realizado polo sindicato maioritario no ensino público galego evidénciase que con carácter practicamente universal os recortes levan por diante a práctica totalidade do persoal docente co que se contou a maiores no curso 2020/21. "Nun momento no que vemos como hai determinadas administracións educativas noutras comunidades autónomas, tamén da mesma cor política dos conservadores á fronte da Xunta, na que se blindan os cadros de persoal covid, a Consellaría confirma unha redución brutal dos cadros de persoal", denuncia a CIG-Ensino.
Un recorte sen precedentes
A redución pode chegar a preto do 10% do profesorado que impartiu docencia nos IES no curso 2019/20, unha porcentaxe superior mesmo á contratación de reforzos covid, o que implica rebaixar a cifra de profesorado do curso anterior, nunha estimación polos datos recabados pola CIG-Ensino que pode implicar a redución do 4% do persoal docente que tiñan os centros no curso 2019/20. Nalgúns IES dáse o caso de que a redución de docentes vén acompañada dun aumento da matrícula e incluso dos grupos, o que cualifican de "impresentábel".
Desde as direccións e o profesorado dalgúns dos centros afectados salientan que o recorte imposto pola Consellaría de Educación vai implicar serios problemas para o correcto e normal funcionamento dos centros educativos. Así, destacan o seguinte:
• Hai centros que xa lle alegaron á Inspección educativa que coa cota docente imposta non poderán cumprir o protocolo, sobre todo pola reducida dimensión das aulas e as ratios elevadas.
• Hai ofertas educativas que se viñan dando nalgúns centros que non se poderán manter, desde o programa CUALE a mesmo algún PMAR (programas de mellora de aprendizaxe e o rendemento).
• Imposibilidade de organizar agrupamentos flexíbeis nin apoios ou desdobres de laboratorios, o que leva a que se deixe de impartir unha parte do currículo. Esta inviabilidade dos recortes tamén afecta a desdobres en linguas ou matemáticas nos primeiros cursos da ESO.
• Os recortes tamén afectan nalgúns centros á optatividade que viñan ofertando en 4º da ESO e no Bacharelato.
• Redución das horas de garda do profesorado para levar ao límite a carga lectiva, o que supón a nivel laboral un empeoramento das condicións de traballo do profesorado e a nivel organizativo unha complicación da xestión de ausencias breves e imprevistos.
• Hai centros que vén reducido o seu profesorado, tanto das especialidades xerais de secundaria como de mestres de PT, malia contar con informes contundentes sobre alumando con necesidades especiais e específicas de apoio.
Algúns centros perderán máis de cinco docentes
Hai numerosos centros que perderán unha boa parte do profesorado co que contaron neste curso 2020/21. Así, todos os seguintes centros perderán máis de 5 docentes (chegando a superar o dobre nalgúns casos e excepcionalmente o triplo desa cifra):
IES de Pastoriza, IES Fermín Bouza Brey, IES San Tomé de Freixeiro, IES Ramón Otero Pedrayo, IES Xoán Montes, IES Carlos Casares, IES de Melide, IES de Rodeira, IES Xunqueira I, IES A Sangriña, IES Arcebispo Xelmírez II, IES Perdouro, IES Lama das Quendas, IES Illa de Arousa, IES María Soliño, IES Armando Cotarelo Valledor, IES de Monterroso, IES de Soutomaior, IES Porto do Son, IES Terra de Turonio, IES Fontem Albei, IES Monte Castelo, IES Auga da Laxe, IES Manuel García Barros, IES Rosais 2, Ies San Rosendo.
Outros moitos centros tamén responderon ao estudo da CIG-Ensino e con reducións importantes en función das súas necesidades e da dimensión do claustro docente, con perdas de 3 ou 4 docentes.
Un elemento común a case todos os centros é que a redución vai máis alá de retirar as contratacións motivadas pola covid, chegando a fixar reducións de cota superiores a 5 docentes ao respecto do curso 2019/20.
Perda de emprego e de calidade educativa
As cifras proporcionadas polos IES consultados non admiten dúbidas: o recorte de profesorado pode ser enorme en secundaria e as condicións nas que se traballará nos IES e nos CPI van ser moito peores. "Parece ser que a máxima pronunciada polo conselleiro de Educación cando se refería ao peche de aulas en Infantil e Primaria (“faremos o que teñamos que facer”) é xa a marca do actual equipo da Consellaría á hora de afrontar a xestión do sistema educativo galego: recortar o que faga falta para que lle cadren as contas que lle fixa Feijóo", critican.
A CIG-Ensino alerta, por tanto, das repercusións destas medidas sobre o persoal interino e substituto, que claramente se verá reducido no curso que entra, máis alá do efecto das oposicións, que non conta con ningún pacto de estabilidade e quen tan só terá expectativas de conservar parte dos postos de traballo en función do maior ou menor número de xubilacións.
Unha resposta necesaria
Desde o sindicato faise un chamamento a todos os sectores implicados na defensa do ensino público para redobrar esforzos na loita contra quen, desde a Xunta, pretende agravar aínda máis as carencias dun sistema educativo habitualmente relegado polo PP desde as institucións.
Tamén se anima ás persoas que integran os equipos directivos a que, como aconteceu no comezo do curso 2020/21, tomen parte na resposta con todas as consecuencias, mesmo presentado a dimisión en bloque se non se produce unha rectificación no plan trazado pola Consellaría de Educación para liquidar os actuais cadros de persoal.
A CIG-Ensino fai, por último, unha chamada á responsabilidade -se algo diso queda- das persoas á fronte da Consellaría para frear esta sangría e pactar o mantemento dos cadros de profesorado necesarios non só para manter a atención ordinaria previa á covid, agora posta en cuestión, senón tamén os reforzos que a incerteza actual evidencian como aínda precisos.
A CIG-Ensino non cesará en denunciar todas as agresións ao ensino público e promoverá mobilizacións a comezos de setembro se non se producen os cambios que non só o sindicato senón toda a comunidade educativa demandan.