Recollida de sinaturas para pedir á Fiscalía que investigue se policías falsificaron firmas na denuncia a un sindicalista da CIG
Ligazón para asinar: Dille á fiscalía que inicie investigacións pola falsificación de sinaturas na Comisaría de Pontevedra
A Defensora do Pobo, Soledad Becerril, emitía a suxerencia de que o organismo estatal actuase de oficio tras a queixa presentada por Dereitos Civís. Na mesma, instábase a Dirección Xeral da Policía, dependente do Ministerio de Interior, a iniciar un procedemento sancionador a funcionarios policiais da Comisaría Provincial de Pontevedra para determinar, tras practicar as oportunas probas caligráficas, as responsabilidades nas que poderían ter incorrido ao tramitar as denuncias diante da Subdelegación do Goberno.
Na súa resolución incidía en que o propio informe remitido pola Comisaría pontevedresa sinala que o denunciado -Xabier Aboi, da FGAMT-CIG- “ao observar que as sinaturas dos axentes denunciantes que constan na denuncia e na ratificación semellaban non ser iguais, acudiu á vía xudicial alegando unha presunta falsificación das mesmas e conseguindo que a sanción fose revogada”.
A pesar da recomendación, a Dirección Xeral da Policía decidiu non iniciar ningunha investigación. Do mesmo xeito, a Delegación do Goberno en Galiza tamén acordou non abrir unha investigación sobre os feitos denunciados.
Fronte a esta impunidade, Dereitos Civís entende necesario que a Defensora do Pobo remita a información recollida durante a súa investigación á Fiscalía e que esta actúe segundo dereito.
Persecución de sindicalistas
Cómpre lembrar que a Unión Comarcal da CIG de Pontevedra presentara denuncia na Fiscalía solicitando unha investigación sobre a posíbel falsificación de sinaturas de axentes co obxectivo de que prosperasen sancións contra sindicalistas da central nacionalista.
Expediente que a Fiscalía arquivou, a pesar de que a Sentenza 73/2014, de 15 de abril, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra revogou a resolución sancionadora tras o ditame da perito calígrafo ao constatar a existencia de irregularidades nas firmas dos axentes que aparecen nas actas-denuncia, na ratificación e na nota informativa.
Entón, o Secretario Comarcal da CIG de Pontevedra, Marcos Conde, denunciaba que “o grave disto é que a Fiscalía demostra que ten dúas varas de medir, por unha banda solicitan e apoian condenas a sindicalistas, pero cando se trata de feitos escandalosos e recoñecidos en sentenza como ‘posíbel delito de falsidade documental en documento público’, decide non investigar”.
Peritaxe caligráfica
O proceso remóntase ás multas administrativas coas que a Subdelegación do Goberno en Pontevedra tentaba punir unha concentración realizada en 2012 contra o rescate á banca, e nas que aducía a existencia duns inexistentes “disturbios”. Á hora de presentar alegacións, o avogado da CIG decatouse de que as sinaturas dos axentes que asinaban as denuncias non coincidían cos que ratificaban a mesma, un feito comprobado posteriormente na peritaxe caligráfica, e que logrou que a sanción decaese mediante sentenza do contencioso-administrativo.