Reclámanlle á Xunta unha moratoria indefinida para as novas plantacións de eucalipto

Unha decena de organizacións, entre elas a CIG, veñen de asinar un manifesto conxunto perante a fin da actual prohibición ao remate do ano
Santiago - 15 Abr 2025

Un total de 10 organizacións relacionadas coa xestión do medio rural, ambientalistas e sindicais, entre elas a CIG, reclámanlle á Xunta de Galiza unha moratoria indefinida para as novas plantacións de eucaliptos en todo o país perante a fin da actual moratoria a 31 de decembro deste ano. As entidades promotoras desta iniciativa veñen de asinar un manifesto conxunto no que ademais demandan a prohibición desta especie na Rede Galega de Espazos Protexidos e a posta en marcha dun programa de redución progresiva da superficie ocupada por eucaliptos e outras especies exóticas invasoras presentes no noso monte.

Así o anunciaron hoxe en rolda de prensa representantes dalgunhas das organizacións asinantes, que son -ademais da CIG- Adega, Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Federación Ecoloxista Galega (FEG), Fruga, Galicia Ambiental, Instateco, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e SLG. 

A actual moratoria non serviu para nada e a pretensión do Goberno galego de reducir nunhas 200.000 hectáreas a superficie plantada a eucalipto de cara a 2040 está moi lonxe de se cumprir

Entre as accións que lle solicitan á Consellaría de Medio Rural antes de que expire a actual moratoria salienta prohibición indefinida para novos plantíos de Eucalyptus até que se elabore una normativa específica para a ordenación das masas de eucalipto no territorio galego, e prohibición desta especie na Rede Galega de Espazos Protexidos (RGEP).

Prohibir tamén as novas plantacións de Eucalyptus nitens e de repoboacións con robinias, acacias, pawlonia e bambús, e outras especies invasoras. E a súa erradicación na RGEP. Un programa de redución progresiva da superficie ocupada por eucaliptos e outras especies exóticas invasoras presentes no monte galego: robinias, ailantos, cortaderias, calas, hortensias, bambús, crocosmias, etc. E outro programa de eliminación das plantacións ilegais en terras agrarias e bosques autóctonos, que contemple opcións alternativas ao uso do eucalipto para os e as titulares do monte.

Finalmente, propoñen a constitución dun grupo de traballo que teña como obxectivo a elaboración dunha normativa para a ordenación das masas de eucaliptais, conformado, entre outras, polas entidades e organizacións que viven, traballan ou xestionan o monte e o medio rural. Esta normativa terá que ter de conta que os espazos susceptíbeis para a plantación do xénero Eucalyptus deberán estar ordenados e xestionados, reservando unha parte da superficie ocupada para producir madeira de calidade.

Falta de transparencia

Tal e como explicaron durante a comparecencia diante dos medios de comunicación e figura no comunicado conxunto, o Consello da Xunta decidiu en febreiro de 2021 regular con carácter temporal as novas plantacións de eucalipto nas zonas que naquela altura non se encontraban plantadas e permitir unicamente as repoboacións con esta especie naquelas parcelas nas que xa existían. O 2 de xullo dese mesmo ano entraba en vigor a anunciada moratoria de cinco anos encadrada dentro da primeira revisión do Plano Forestal da Galiza 2021-2040, que a maiores pretendía reducir nunhas 200.000 hectáreas, en 20 anos, a superficie plantada con eucalipto.

Mais a realidade posta de manifesto polo Inventario Forestal Continuo da Galiza (IFCG) é que a superficie dedicada ao eucalipto non deixou de medrar: tomando como referencia o Inventario Forestal Nacional (IFN IV) de 2011 comprobamos que naquela altura había 370.000 hectáreas plantadas con eucalipto; en 2023, e de acordo co IFCG, había xa unhas 409.000 hectáreas. “A tenor destes datos fican claras dúas cousas: a moratoria non serviu para nada e a pretensión manifestada polo Goberno galego do PP de reducir nunhas 200.000 hectáreas a superficie plantada a eucalipto de cara ao ano 2040 está moi lonxe de se cumprir". 

Advirten que non sería posíbel abastecer a planta de Altri sen incrementar substancialmente a área ocupada por plantacións de eucalipto

Ao mesmo tempo denuncian que con estes antecedentes o último ano da moratoria adoece dunha absoluta falta de transparencia, avaliación e coñecemento público das actuacións realizadas e das plantacións ilegais eliminadas por parte da Consellaría, “o que nos fai desconfiar dunha verdadeira acción real da Xunta para facer valer esta moratoria e sancionar as plantacións ilegais de eucalipto”.

Outra cuestión sobre a que fan fincapé ten que ver co proxecto de instalación dunha nova celulosa de grandes dimensións promovida por GREEFIBER SL (Altri máis Greenalia). Atendendo ás consideracións feitas polo Consello da Cultura Galega (CCG), nomeadamente sobre a súa incidencia na competencia das plantacións de eucalipto sobre a superficie agraria, conclúese que durante o pasado século existiu unha forte relación entre as plantacións forestais e as necesidades da industria da transformación. En particular, o CCG sinala que durante a segunda metade do século XX a expansión das plantacións feitas con especies de crecemento rápido, en particular de eucalipto, non se pode comprender sen ter en conta a demanda industrial, en especial a da pasta de celulosa.

Esta situación mantense no momento actual, no que a industria da pasta de celulosa consume aproximadamente o 70 % das cortas de eucalipto no Estado español (o 80 % tendo en conta que a maioría do eucalipto exportado a Portugal tamén ten similar destino). “Nese contexto, resulta curioso que un proxecto como o analizado, que incrementaría a demanda de eucalipto para a industria da pasta de celulosa en case un 50 %, non acabe de aclarar de onde procederá a materia prima necesaria e se protexa baixo a afirmación -a todas luces equivocada- de que o eucalipto en Galiza non conta cun mercado real e hai oferta suficiente”.

Por iso consideran que os datos expostos abondan para afirmar que non sería posíbel abastecer a planta de Altri sen incrementar substancialmente a área ocupada por plantacións de eucalipto, ou ben sen importar un volume considerábel de madeira desde o sur de América. “As dúas conclusións parecen opostas aos intereses da política pública galega, xa que a primeira entra en clara contradición cos obxectivos do Plan Forestal de Galicia actualmente en vigor e a segunda negaría a pretendida conexión entre o sector forestal galego e a nova industria”.

Novo modelo de xestión

Perante esta situación é fácil deducir que o incremento da superficie de eucalipto vese favorecida por un modelo de aproveitamento do monte intensivista e forestalista, que aposta pola produción de madeira de pouca calidade e de baixo valor acrecentado. Este modelo é tamén o caldo de cultivo para os lumes no espazo rural, favorecidos pola mudanza climática e o carácter maioritariamente pirófilo das especies empregadas, nomeadamente o eucalipto, con consecuencias catastróficas, mesmo en vidas humanas. 

Consideran necesario mudar pasar dun modelo de xestión do monte intensivo e forestalista a un baseado na diversidade de hábitats e especies e a multifuncionalidade de usos

Os monocultivos, ben sexan para madeira, pasta ou biomasa, ademais de intensificar as condición propicias para a extensión dos incendios, inciden na contaminación de terras, ríos e rías con produtos agroquímicos. “Vertidos como os das celulosas empobrecen a biodiversidade e favorecen o avanzo da erosión provocando perdas económicas, situación que se ve agravada polo proceso de envellecemento e de perda poboación das zonas rurais como consecuencia da tendencia á concentración da poboación arredor dos núcleos urbanos, así como pola falta de expectativas tanto sociais como económicas das persoas que habitan e traballan no rural”.

Por todo isto consideran necesario mudar a visión e a orientación da política para o monte, transitando desde un modelo intensivo e forestalista, en base ao monocultivo de eucalipto, cara a un monte que siga como principios reitores a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais, a creación de emprego e a sustentabilidade económica e social.