Reclámanlle a Citroën que paralice o proceso de desescalada até garantir a seguridade do persoal
As seccións sindicais da CIG e da CUT en PSA Citroën reclámanlle á dirección que paralice o “proceso unilateral de desescalada” das medidas de protección fronte á COVID-19 até que non se garanta a saúde e seguridade do cadro de persoal. No caso de que a empresa non rectifique, barallan convocar paros e protestas.
As centrais rexistraron hoxe peticións de xuntanzas con distintas administracións e organismos oficiais para expoñerlles as dúbidas a respecto da seguridade e saúde das persoas traballadoras. Neste senso, apelan á Inspección de Servizos Sanitarios, ao ISSGA, á Inspección de Traballo, ao Sergas e á propia Consellaría de Sanidade a que actúen e paralicen este proceso “no que se prima o rendemento económico e a produción sobre a saúde do cadro de persoal”.
Denuncian que as medidas aplicadas por PSA buscan unicamente unha redución de custes, xa que priorizan o económico sobre a saúde das persoas traballadoras, e tendo en conta a capacidade de contaxio da COVID-19, sobre a saúde de toda a comunidade.
En concreto, explican que o proceso unilateral de desescalada que PSA iniciou o martes 9 de xuño consiste na redución das gamas de limpeza, tanto dos útiles e ferramentas usadas nos diferentes postos de traballo como da limpeza e desinfección de zonas comúns. “Ao noso entender queda fóra de toda lóxica que mentres nunha cafetería se desinfectan as mesas e sillas logo de cada uso, nunha empresa na que traballan máis de 7000 persoas, nos poucos lugares que temos para poder comer o bocadillo sentado, se faga só tres veces por semana”.
Tamén aplicaron unha redución nas pausas, pasando dos tres minutos adicionais a só un, que desaparece tamén no mes de xullo. Lembran que no protocolo de arranque establecíase un tempo adicional de tres minutos en cada pausa para poder manter unha hixiene persoal acorde á situación que estamos a vivir, lavado exhaustivo de mans, manipulación correcta das máscaras, distancias de seguridade nos desprazamentos, etc. “Tempo máis que necesario tendo en conta que se limitou o aforo dos servizos e se reduciron á metade os lavabos dispoñíbeis; pero agora xa ninguén pode manter esas medidas dado que a cadea arrinca e non hai tempo”.
Ao mesmo tempo, eliminouse o plus de transporte de dous euros diarios, complemento que se abonaba por ter que utilizar o transporte individual. “A escusa para retiralo é que agora xa se pode utilizar o aforo completo no transporte colectivo; o problema é que debido ao cambio nos horarios de entrada e saída das quendas nos diferentes sistemas resulta imposíbel organizar autobuses e incluso compartir transporte privado con outras persoas; a todo isto temos que engadir todos os dereitos adquiridos que nos foron retirados a consecuencia desta situación”.
Estrés térmico
Ademais, denuncian que seguen as limitacións do uso dos vestiarios e das duchas, tendo que acudir ao centro xa vestidos coa roupa de traballo; o acceso os servizos, tendo que facer cola durante as pausas “e decidindo si mexamos ou nos lavamos as mans”; o uso das áreas de descanso, onde só se poden sentar os primeiros en chegar; e o acceso ás zonas de vending, o que na práctica fai imposíbel tomar un café durante as pausas.
Estamos a traballar a ritmos pre-pandemia, cando nos vemos obrigados a usar EPI específicos
Ademais, fan fincapé no aumento da velocidade das cadeas. “Estamos traballando a ritmos e velocidades pre-pandemia, cando nos vemos na obriga de usar EPI específicos (máscara e gafas ou pantalla)”. E critican que non se tivese feito a correspondente avaliación de riscos destes EPI como establece a lexislación vixente. “Coñecemos a penosidade de ter que usalos pero descoñecemos as consecuencias na nosa saúde de facelo traballando ao mesmo ritmo que antes”.
A maiores, teñen solicitado do servizo de prevención que realice a avaliación de riscos específica do estrés térmico, así como a participación do delegado de prevención na elaboración do protocolo de altas temperaturas para a aplicación das medidas preventivas, tendo en conta o incremento do estres térmico polo uso da máscara na época do ano coas temperaturas máis elevadas e polo incremento da carga de traballo, que require un maior esforzo físico e unha maior osixenación, provocando unha maior carga metabólica.
Diante disto, reclámanlle á empresa a paralización inmediata do plan de desescalada posto en marcha, “e máis tendo en conta que non negociou coa representación legal das persoas traballadoras”. Polo que solicitan a apertura dun proceso negociador de cara a mellorar os erros e incomodidades do actual protocolo. Así como a negociación dun novo protocolo de altas temperaturas que trate de corrixir a penosidade do traballo portando os novos EPI durante os días máis quentes. “Ou a empresa rectifica, ou comezaremos accións sindicais sen desbotar calquera medida de presión ou paralización”.