Reclaman que o profesorado interino e substituto en corentena ou illamento tome posesión con plenos dereitos

A CIG-Ensino pide que se lle dea de alta, cotice, acumule antigüidade e cobre o salario
Nacional - 03 Set 2020

A CIG-Ensino remitiulle un escrito ao director xeral de Centros e Recursos Humanos no que se fai eco das numerosas dúbidas recibidas estes días por parte de persoal docente interino e substituto que se atopa en situación de corentena ou illamento preventivo, “que non pode verse discriminado por cumprir as medidas sanitarias”. Por iso reclaman que ante a situación excepcional de pandemia, a Consellaría de Educación ten que tratar a este colectivo como fai coas persoas que están de permiso de maternidade ou paternidade, ás que se lles dá de alta, cotizan, acumulan antigüidade e cobran o salario que lles corresponde.

No escrito remitido á Consellaría de Educación solicítase que non discrimine na contratación de comezo de curso ao persoal interino que se atope en corentena, “ben por ter dado positivo ou por ter contacto con un caso e estar en situación de illamento preventivo”.

Na central consideran que ante as numerosas dúbidas e consultas ao respecto, a Administración debera concretar cal é o protocolo a seguir por parte deste persoal, “xa que pola súa situación particular non pode acudir presencialmente aos centros para a toma de posesión, polo que se lle debe facilitar este trámite a través de medios electrónicos”. 

Discriminación

O trámite de toma de posesión ten que facilitarse a través de medios electrónicos

Con respecto aos dereitos retributivos e laborais, entenden que este colectivo ten que recibir o mesmo tratamento que as persoas que están en situación de permiso de paternidade ou maternidade.

“É dicir, que sexan contratados/as, que ese tempo no que non se poden incorporar conte a todos os efectos (trienios, servizos prestados para oposicións, xubilación, etc) e que perciban o salario íntegro”.

Do contrario, estaríase discriminando a un grupo de docentes que se limita a cumprir as normas sanitarias e de prevención de contaxios que marcan as autoridades e evitaría as reticencias que se poidan producir a realizarse o test serolóxico polas consecuencias laborais que un resultado positivo poida acarrearlles. “Esta medida debería ser extensible a calquera outra persoa que ao longo do curso vaia ser contratada como substituta e se atope nesta mesma situación”.