Reclaman que o persoal das brigadas helitransportadas sexa contratado en exclusiva e directamente pola Xunta
O sector de Autonómica da CIG-Administración de Ourense remitiu escritos á dirección xeral de Ordenación Forestal e á secretaría xeral técnica do Medio Rural solicitándolles que a contratación do persoal das brigadas helitransportadas sexa asumida en exclusiva e directamente pola Xunta de Galiza “para chegar a un sistema onde todos os helicópteros transporten unicamente brigadas conformadas por bombeiros/as do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF), tal e como se fixo en anos pasados”.
Dende a central lembran que levan anos alertando a Consellaría do Medio Rural do novo escenario que presenta a actual tipoloxía dos incendios forestais, cunha evolución máis complexa e meirande capacidade destrutiva que nas décadas pasadas. Os lumes de interface -lumes no espazo forestal que entran tamén nos núcleos de poboación- xa son máis que habituais, e todo indica que van a ir en aumento dado que os condicionantes que os orixinan lonxe de ser atallados tamén se incrementan.
Os índices FWI (Fire Weather Index) que se producen en moitas zonas do país sitúanse moi frecuentemente por riba do 39 sobre 100, isto quere dicir que superan -ou poñen ao límite- a capacidade de calquera dispositivo de prevención e extinción. O actual mapa dos incendios forestais condúcenos a megaincendios, con potencias caloríficas que superan os 15000kv/hora. Neste novo escenario cumpre atacar circunstancias de orixe e básicas tales como:
-Actuar sobre o abandono do rural. É imprescindíbel retornar á paisaxe mosaico que combina a paisaxe agrícola intercalada entre o núcleo rural ou poboacional e os terreos forestais -paisaxe de maior resistencia ao lume- e reducir ou eliminar os monocultivos de especies pirófitas.
-Unha maior profesionalización e formación dos dispositivos de prevención e extinción contra incendios forestais.Unha prevención axeitada e un uso ponderado das queimas controladas para reducir as cargas de combustíbel.
-Mellorar a rapidez na resposta e a calidade da mesma diante dunha intervención, xa que neste tipo de lumes os erros en inicio poden desembocar en circunstancias fatais. É na fase inicial cando unicamente se poden reducir a meirande parte dos perigos que provocan este tipo de lumes, sobre todo cando as condicións do terreo e atmosféricas favorecen a súa rápida propagación.
Criterios economicistas
Sosteñen que o sistema galego de brigadas helitransportadas funcionou moi ben na década dos 90 e na primeira década do século XXI. Aínda sabendo que daquela os incendios non eran tan complexos como a día de hoxe o tempo de reacción é unha das claves para poder sufocar con éxito e en inicio incendios que logo se volverán incontrolábeis. “Baseándonos en datos do Magrama comprobamos como diminúen nos últimos anos o número de lumes, pero aumentan o numero de hectáreas por incendios”.
Segundo explican, temos un SPDCIF cunha enorme experiencia, logo de máis 30 anos de loita contra o lume, “e facemos esta proposta para mellorar o actual sistema de brigadas helitransportadas -en boa parte, salvo tres bases, conformado por brigadas de empresas privadas-, xa que experiencia dos traballadores/as do dispositivo garantiría a máxima eficacia, como tamén se garantirían unhas contratacións máis xustas e obxectivas”.
Entenden que deste xeito desaparecerían os criterios economicistas, “e ao ir acompañados de funcionarios/as públicos/as poderían reforzar a dirección do incendio e adaptarse en todo momento ás necesidades do mesmo diante dun escenario cambiante en moitas ocasións”.