
Reclaman melloras laborais e salariais no servizo de mantemento do hospital Provincial de Pontevedra

O cadro de persoal de Veolia, concesionaria do servizo de mantemento do hospital Provincial de Pontevedra, desenvolveu hoxe unha concentración diante da porta principal do centro médico para reclamar a negociación dunha serie de melloras laborais despois dun ano intentando sen éxito manter unha xuntanza coa dirección da empresa.

Dende a CIG-Industria explican que a compañía aplica o convenio do metal da provincia de Pontevedra, mais este non se axusta ás funcións que desenvolve o persoal (gardas localizadas, traballo en quendas, horario nocturno, etc). Polo que demandan melloras laborais e salariais por riba do convenio, coas que si conta por exemplo o persoal de Veolia que traballa no mantemento dos hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo ou comarcal do Salnés.
“Hai un mes mantivemos unha reunión con responsábeis da área sanitaria para solicitarlles que a Xerencia facilitase un encontro coa empresa para abordar estras cuestións, pero a día de hoxe aínda non temos noticias”, critican dende a central sindical.
A intención das persoas traballadoras de Veolia é que estas melloras se incorporen ao prego de condicións do concurso, cuxa concesión remata este ano, co obxectivo de que se consoliden e sexan respectadas pola empresa que asuma o servizo.