Reclaman máis seguridade fronte á covid para as traballadoras/es da limpeza do Campus de Ourense
A Unión Comarcal da CIG de Ourense alerta da situación de “absoluta indefensión” na que se atopa o persoal de limpeza do Campus da Universidade en Ourense en plena segunda crise da pandemia do coronavirus. Dende a central reclaman a contratación de máis persoal, protocolos claros de actuación, probas PCR e seguimento dos métodos de traballo.
Segundo denuncian, as traballadoras/es encargadas/os da hixiene do Campus ourensán están a ver como o cadro de persoal mingua considerablemente e teñen que facer o seu traballo sen medidas de protección e sen pautas nin protocolos precisos de actuación “nun momento no que as autoridades sanitarias recomendan encarecidamente o reforzo da limpeza en locais e edificios públicos e privados, e cando se pon a lupa no sector universitario”.
Neste senso, lembran que o prego de condicións da concesión establece a obrigatoriedade de ocupación de 19 persoas, mais actualmente só prestan servizo un total de 14, e unha delas está de baixa médica. Sinalan que esta escaseza de persoal obedece á non cobertura de xubilacións (e menos aínda de baixas por enfermidade). “Isto significa que, en términos numéricos, o cadro de persoal está a menos do 75% do que tiña que estar obrigatoriamente segundo o prego”.
Ao mesmo tempo, fan fincapé na ausencia de protocolos de actuación, así como no feito de que non se teñan realizado probas PCR. “Por non ter nin teñen equipos de protección individual adecuados ao seu traballo nesta situación de especial risco”.
Sen resposta
Por todo isto a CIG tense dirixido con anterioridade tanto á empresa concesionaria (Limpezas SAMYL) como á propia Universidade de Vigo, “pero recibimos a calada por resposta no caso da empresa, e a plena satisfacción polo servizo no caso da Universidade”.
Polo que, unha vez máis, esixen a inmediata cobertura do persoal que falta (arredor do 25%), o reforzo do servizo con máis contratacións, protocolos claros e precisos de actuación, control médico con probas PCR e seguimento dos métodos de traballo por parte da Consellería de Sanidade.
“Facemos responsábel á empresa concesionaria, e nomeadamente á Universidade de Vigo, das posíbeis afectacións á saúde do persoal de limpeza e das persoas que teñan contacto co mesmo, tanto universitarios/as como persoal docente e non docente; non é admisíbel que unha entidade como a Universidade mire cara a outro lado nun asunto de saúde pública como o que estamos afrontando”.