
Reclaman máis investimento, carga de traballo e novas incorporacións en Navantia Ferrol

A representación de CIG e MAS no estaleiro de Ferrol reclama máis investimentos, carga de traballo e novas incorporacións para mellorar a planificación, modernizar as instalacións e “seguir sendo referencia mundial”. A maioría da representación social sinala que a actual carga de traballo e as previsións futuras fan necesario “un plan de emprego real e ambicioso, para seguir dotando o centro dos e das mellores profesionais, reducindo o alto nivel de subcontratación”.
Inciden na importancia de conta cun cadro de persoal axeitado para garantir a entrega dos programas tanto en tampo como no nivel de calidade requirido. “Isto tense que facer sabendo con antelación o número de persoas a empregar para unha mellor planificación”. Por iso, exixen con urxencia a convocatoria de novas prazas de ingreso que poidan paliar este déficit “para que non suceda o que sucedeu no plan anterior”.
Neste senso, ambas seccións sindicais saúdan a aprobación da construción dun BAC integramente na ría de Ferrol polo importante volume de carga de traballo que supón: 1800 empregos, tanto directos e indirectos. Un contrato que, entenden, evidencia a capacidade do cadro de persoal dos estaleiros da ría, “comprometido e cualificado e que fai realidade os buques tecnoloxicamente máis avanzados, a pesar de levar anos sen mellorar as condicións laborais cun convenio que non se dá pechado”. Exixenlle á dirección de recursos humanos que estea a altura “para que o esforzo das traballadoras e traballadores se vexa compensado cun marco laboral máis axustado e xusto”.
Así mesmo, CIG e MAS reclaman un compromiso real, tanto de Navantia como da SEPI e das diferentes administracións públicas, cos investimentos necesarios para a modernización do estaleiro. A CIG reitera a necesidade de que se dea luz verde á orde de construción dos diques e que se fagan investimentos en turbinas e reparacións. “Deste xeito poderemos seguir sendo referencia mundial en construción de buques militares, fundamentalmente de mediano e gran porte, e líder mundial en reparación de gaseiros e grandes transformacións”.