Reclaman da fiscalía a apertura de dilixencias polos lumes forestais en Reservas da Biosfera e Rede Natura

Considera “especialmente preocupante” que algunhas queimas foran ordenadas por administracións
Nacional - 20 Abr 2021

A plataforma “Por un Monte Galego con Futuro” vén de se dirixir á Fiscalía de Medio Ambiente e Urbanismo de Galiza para solicitar que se practiquen “as dilixencias oportunas e necesarias” para clarexar o acontecido nos incendios forestais producidos nos últimos meses e que afectaron a zonas integradas na Rede Natura 2000 ou Reservas da Biosfera.

A plataforma, conformada por máis de 50 entidades, explica que por medio de diversos asociados/as, polo persoal forestal e pola información recollida da prensa e das redes sociais, vén advertindo que nos meses de marzo e abril deste ano produciuse, de maneira cotiá, a queima de montes e ecosistemas forestais dun alto valor medioambiental, mesmo en zonas que integran a Rede Natura 2000 ou Reservas da Biosfera.

Unha situación que consideran “especialmente preocupante”, xa que algunhas das queimas destes ecosistemas de incalculable valor foron “realizadas por institucións públicas como son a consellaría de Medio Rural, da Xunta de Galiza, coa colaboración da unidade da UME do exército español”, afirma.

Aínda máis preocupante consideran que “nalgúns casos, estas queimas autorizadas e xestionadas pola administración pública acabaran derivando en incendios forestais”.

A modo de exemplo sinalan o acontecido o día 6 de abril de 2021 na parroquia de Hórreos, en Folgos do Courel, na Serra do Courel (Lugo), que afectou unha superficie considerable da Rede Natura 2000 ou o ocorrido o día 7 de abril, logo dunha queima realizada pola consellaría de Medio Rural e pola UME, que calcinou un ecosistema de alto valor ecolóxico no Monte Muradal, parroquia de Pacios, concello de Fonsagrada, en plena Reserva da Biosfera de Oscos-Fonsagrada-Terras de Burón.

Por un Monte Galego con Futuro advirte ademais que nesta época do ano a fauna está en pleno proceso de apareamento e cría e que estas queimas afectan gravemente ao normal desenvolvemento da bioloxía dos animais e que estes incendios teñen unha grave incidencia nos ecosistemas, na biodiversidade, na perda de solo –erosión-, na contaminación atmosférica, na saúde humana ou no cambio climático, entre outras cuestións.

Xunto a isto denuncia que son moitas as queimas producidas nos últimos anos, “tanto oficiais como autorizadas pola Xunta de Galicia a particulares”, que teñen producido incendios forestais polo escape do lume, co conseguinte risco para as poboacións, estragos aos ecosistemas e incluso a morte de persoas.

Alternativas

A Plataforma afirma que existen alternativas ao uso tradicional do lume para o manexo dos ecosistemas, máis seguras e respectuosas co medio, que entende que “se deben fomentar por parte da Xunta de Galicia e que deben implementarse cando os condicionantes climatolóxicos ou de superficie, localización e época de actuación desaconsellen a realización de queimas”. Alternativas e actuacións que, apuntan, “se teñen posto en práctica noutros territorios da Unión Europea”.

Explican que para a extinción dos incendios provocados por estas "queimas controladas" programadas e realizadas pola Xunta de Galicia e pola UME, tense producido un forte gasto de diñeiro público así como tamén se ten posto en risco a poboacións, aos traballadores e traballadoras do servizo de extinción e ao patrimonio natural.  

Neste sentido afirman que “só para o control do incendio forestal da Serra do Courel do pasado día 6 de abril se tiveron que mobilizar 5 helicópteros, 2 avións de carga en terra, buldózeres, varias autobombas, brigadas forestais, axentes ambientais”, entre outros.

Condicionantes meteorolóxicos

Advirten ademais que non se están tendo en conta pola Xunta de Galicia os condicionantes meteorolóxicos de finais de marzo e principios de abril, xa que se permitiron queimas en días co índice de risco de incendio forestal extremo nas zonas que se levaron adiante 3 estas prácticas. “Días nos que este tipo de queimas estaba prohibido noutras comunidades da Cornixa Cantábrica, como Asturias e Cantabria”.

Denuncian que nalgunha das queimas oficiais teñen ardido ecosistemas de interese comunitario recollidos e protexidos na Directiva Hábitat 92/43/CEE (concretamente, hábitat 4030 matogueiras secas europeas). E entenden que os feitos e danos relatados poderían ser consecuencia dunha “actitude e actuación sistematicamente neglixente por parte da Administración pública, ao omitir ou non prestar suficiente atención aos condicionantes meteorolóxicos e de carácter ambiental” á hora de outorgar autorizacións para queimas “controladas”, ou por non aplicar debidamente as precaucións necesarias para evitar que estas queimas “controladas” (dirixidas pola propia Administración) acaben derivando con frecuencia en incendios forestais incontrolados, especialmente prexudiciais nas zonas de recoñecido valor ambiental e ecolóxico”.

Conclúen pois que a “falta de coidado e previsión manifestamente recorrente” por parte da Xunta de Galicia á hora de autorizar e/ou executar queimas controladas no monte galego, que acaban descontrolándose e derivando en incendios forestais “podería ser constitutiva dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, segundo o artigo 325 do Código Penal”.

Por iso reclaman que a Fiscalía de Medio Ambiente e Urbanismo de Galiza aclare o acontecido para concretar “posibles responsabilidades penais e civís que puideran existir”.