Reclaman cunha protesta máis persoal e medios no Concello de Redondela
Traballadores/as municipais e veciños/as de Redondela mobilizáronse o pasado venres ás portas do consistorio convocados/as polos tres sindicais con representación no Concello para reclamarlle ao Goberno local que contrate máis persoal e dote os empregados/as dos medios necesarios para desenvolver con eficiencia o seu labor e evitar "a morte dos servizos públicos".
Dende as centrais CIG, UGT e CSIF denuncian a “nula transparencia” do Concello de Redondela en materia laboral; a falta de recursos humanos, ao non cubrirse os postos de traballo vacantes nin as baixas médicas do cadro de persoal; a escaseza de medios materiais, cunha maquinaria e un parque móbil “do século pasado”; e a falta de comunicación co Goberno local, que mesmo asina convenios “tan sensíbeis” como o novo Protocolo de Violencia de Xénero “sen ter en conta a opinión profesional da Policía Local nin se dispón dos medios para dar o servizo cunhas mínimas garantías”.
Segundo critican, a falta de organización en xeral que existe no Concello supón a ralentización na prestación dos servizos públicos, “o que xera entre a cidadanía unha sensación de desatención e desconfianza, que demoniza os funcionarios/as ao verse imposibilitados/as para poder prestar un mellor servizo”. Situación que, tal e como critican, é aproveitada polos/as responsábeis municipais para externalizar e privatizar servizos “que acaban saíndo moito máis caros”.
Agradecemento da CIG
No que ten que ver coa escaseza de medios, sinalan que uns os últimos problemas que tivo que padecer o persoal aconteceu na fin de semana do 17 de abril, cando se atopou sen vehículos do Servizo de Emerxencias ao non pasar ningún dos dous a ITV. “Por non falar da camioneta do Servizo Eléctrico, que non sae do taller, con facturas de miles de euros, e que calquera día mata a un traballador/a ao fallar o sistema de elevación”.
Finalmente, dende a sección sindical da CIG no Concello de Redondela agradecen o apoio e a solidariedade amosada tanto pola veciñanza que participou na protesta como polos compañeiros/as da federación de Administración e doutros sectores que tamén estiveron presentes na mobilización.