Reclaman a xestión pública do transporte sanitario para rematar co “descontrol” e mellorar o servizo
A CIG insiste na necesidade de que a Xunta rescate de xeito progresivo o transporte sanitario urxente do 061 e do programado de ambulancias para rematar co “descontrol” e garantir a calidade do servizo mediante a xestión pública. Delegados/as da central sindical no sector estiveron onte no Parlamento galego durante a presentación dunha Proposición non de lei por parte do BNG na que se recollen todas estas demandas.
Representantes da CIG nas ambulancias de Vigo, Pontevedra, A Coruña, Santiago, Ferrol e Lugo seguiron a sesión na que a portavoz de sanidade da fronte nacionalista demandou tamén a elaboración dun estudo para analizar as necesidades de dimensionamento do transporte sanitario terrestre, tanto no ámbito territorial como de recursos, rematar cos “déficits históricos” que colapsan o servizo por falta de vehículos e equipos humanos e constituír unha “mesa de traballo” coa presenza dos cadros de persoal para “abordar o novo deseño e o proceso de reversión ao sistema público”.
Dende a central sindical lembran que levan anos reclamando a xestión pública para mellorar o servizo e prestar unha asistencia de calidade, polo que trasladaron o seu apoio a esta iniciativa, ao tempo que insistiron na necesidade de rematar co “descontrol” e cos “continuos problemas” existentes no transporte sanitario como consecuencia da falta de medios e de persoal nas empresas que se fan cos concursos públicos. “É necesario reverter ao público o que hoxe está privatizado”, incidiu Xavier Aboi, da FGAMT-CIG de Pontevedra.
O PP, en contra
O responsábel sindical lamentou que durante a sesión parlamentaria dende o PP manifestasen unha vez máis a súa oposición a calquera proposta destinada a mellorar o servizo de ambulancias e censurou que se dediquen a reproducir o argumentario do 061. “Que é o mesmo que sostén o conselleiro de Sanidade: a solución para o transporte sanitario pasa por ter ambulancias sanitarizadas cun só técnico/a e cun só enfermeiro/a para abaratar custes; pero todo o mundo sabe que o 061 non está a cumprir os servizos que ten que facer”. Para a CIG esta medida non garante a calidade do servizo, “tal e como demostran os datos”.
Como tampouco o fai ter ambulancias básicas cun só técnico/a e cun desfibrilador nas zonas rurais, “porque en caso de infarto como é posíbel que unha soa persoa poida atender o doente e ao mesmo tempo trasladalo de xeito urxente a un centro médico”, pregúntase Aboi. Neste senso, denuncia que con estas medidas “están a xogar coa vida das persoas”.
Fronte a isto, na central sindical entenden que a solución pasa por dotar de ambulancias de soporte vital básico con persoal médico e técnico a todas as comarcas do país, con ambulancias medicalizadas en zonas como Barbanza, Deza, Morrazo ou Baixo Miño. Finalmente, Aboi adianta que a CIG seguirá “na batalla” até lograr un servizo de transporte sanitario urxente e programado de calidade ao servizo das persoas “e non ao do negocio das empresas que se lucran a costa da nosa saúde”.