Reclaman a rectificación da reforma da Xunta na Lei de Saúde como resposta ás agresións no ámbito sanitario

CIG, CCOO e UGT denuncian a exclusión do sector do transporte sanitario das negociacións e a ausencia de medidas preventivas
Nacional - 22 Mai 2025

Representantes da CIG, CCOO e UGT compareceron esta mañá en rolda de prensa para manifestar o seu rexeitamento á proposta de reforma da Lei de Saúde de Galiza impulsada polo Partido Popular e a Xunta. Esta reforma, presentada como unha resposta ás agresións no ámbito sanitario, foi cualificada como “un fracaso desde o seu inicio” polos sindicatos, que critican a exclusión das e dos traballadores e das súas representacións, a falta de medidas preventivas efectivas e a visión reducionista do problema.

Ernesto López, representante da CIG, foi contundente ao sinalar que a Xunta “incumpre a lei” ao non consultar ás organizacións sindicais nin á Comisión Sectorial de Saúde Laboral do transporte sanitario na elaboración do anteproxecto. “Exclúen ao colectivo máis importante, que é un dos que pode ser obxecto de agresións. Se non se aborda este problema con prevención, non se solucionará con nada”, explicou.

Segundo o representante da CIG, a Xunta opta por medidas reactivas, como sancións penais ou administrativas, que só actúan cando o sistema xa fallou, en lugar de priorizar a prevención para evitar que as agresións se produzan. “Falar coa Fiscalía despois dunha agresión brutal, como a do Hospital Universitario da Coruña, non é a solución. O camiño é actuar antes”, engadiu, en referencia ao caso que deixou un celador e un traballador de seguridade gravemente feridos.

Os representantes sindicais consideran que o anteproxecto “nace coxo” ao non incluír a totalidade do persoal afectado, como o de transporte sanitario, limpeza, seguridade ou mantemento. “Deixa fóra aspectos básicos como a formación, a prevención e a atención psicolóxica para as vítimas de agresións”, explicaron.

Presentación de alegacións

Xunto a isto sinalaron que a reforma non contempla as agresións que ocorren fóra dos centros sanitarios, como na vía pública ou nos domicilios, que representan unha “porcentaxe moi alta” dos incidentes. E anunciaron, por iso, que CIG, CCOO, USO e UGT presentarán en prazo un documento conxunto de alegacións, instando á Consellería de Sanidade a ampliar o prazo de debate e a incluír todas as partes implicadas.

Para os representantes sindicais é necesario coordinar as actividades empresariais, un concepto regulado por lei desde 2001 pero que a Xunta non desenvolveu. Por iso preguntáronse por que a Xunta non quere sentarse a coordinar esta reforma con todos os equipos afectados. Cuestión á que eles mesmos responderon que semella que “non queren un espello que reflicta as deficiencias da súa proposta”.

Salientaron, fronte a isto, que os protocolos actuais, elaborados polos sindicatos, xa abordan a prevención de riscos laborais, pero son ignorados pola administración. “Non hai un estudo actualizado sobre as agresións, pero sabemos que un 70% dos traballadores do ámbito extrahospitalario sofren agresións verbais e un 35% físicas. Isto require un mecanismo de coordinación que a Xunta non quere poñer en marcha”, lamentaron.

Os sindicatos coinciden en que a solución pasa por crear un órgano por cada área sanitaria que coordine as avaliacións de riscos de todas as empresas implicadas —sanitarias, de limpeza, seguridade, mantemento e transporte sanitario—, coa participación activa dos representantes dos traballadores e do Sergas. “A coordinación de actividades empresariais é a clave. Nunha mesma mesa deben estar todos os actores, incluíndo os técnicos de prevención e as empresas concorrentes, para garantir unha prevención eficaz”, defendeu Ernesto López.

Esta proposta, segundo os sindicatos, permitiría abordar as agresións desde a raíz, evitando que escalen desde insultos ou tensións verbais ata episodios de violencia grave, como o ocorrido na Coruña.

Outro punto crítico é a xestión da Xunta tras a agresión no Hospital Universitario da Coruña. López denunciou que o informe de investigación tardou dous meses en publicarse, mentres que a Xunta anunciou medidas inmediatas, como reunións coa Fiscalía, sen coñecer as causas do incidente. “É un mundo ao revés. Primeiro falan de solucións e despois investigan. Esta é a Xunta que temos”, criticou. Ademais, os sindicatos alertaron de que o rexistro de agresións creado pola Xunta exclúe a traballadores de transporte sanitario, limpeza, seguridade e mantemento, limitándose ao persoal do Sergas, o que consideran “un erro de sentido común”.

Atención psicolóxica

As organizacións sindicais tamén sinalaron a insuficiencia do anteproxecto en aspectos como a atención psicolóxica. “Se un traballador de transporte sanitario sofre unha agresión, non terá dereito á atención psicolóxica que si recibe o persoal do Sergas. Isto é inaceptable”, denunciaron.

Concluíron, ante isto, facendo un chamamento á Xunta para que rectifique a súa estratexia e abra un proceso de diálogo real. “Esperamos que a Consellería teña en conta as nosas alegacións e amplíe o prazo para debater este anteproxecto en condicións, coa participación de todos os implicados”.