Piden cambiar o orzamento do contrato de seguridade privada da Xunta para garantir calidade do emprego
A CIG presentou alegacións ao concurso de licitación do servizo de vixilancia e seguridade dos edificios da Xunta de Galiza reclamando a modificación do orzamento para garantir a calidade do emprego do cadro de persoal. Dende a central denuncian que a cantidade fixada no prego de cláusulas administrativas que rexerán o proceso de contratación é insuficiente para manter as actuais condicións laborais.
O responsábel de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, incide na necesidade de introducir cambios no presuposto co fin de que poida cubrir como mínimo o valor de todas as cargas económicas legalmente previstas en materia laboral que deberá asumir a empresa adxudicataria do servizo a respecto do persoal con dereito a subrogación, un total de 167 traballadores/as. “É absolutamente prioritario modificar o orzamento de licitación, xa que o fixado no prego de condicións do concurso non garante as condicións laborais e económicas actuais”, sostén.
Pérez lembra que a Xunta sacou a concurso o pasado mes de novembro o contrato do servizo de vixilancia e seguridade privada dos edificios administrativos nun único lote e cunha duración de 18 meses prorrogábeis por un valor estimado de 22.056.584,45 euros e que a data límite de presentación de ofertas rematou o 26 de decembro.
Ao proceso presentáronse catro empresas, resultando admitidas todas. Entre elas atópanse Sinergias de Vigilancia y Seguridad SA y Novosegur Seguridad Privada SA (antiga Marsegur), “coñecidas no sector como compañías low cost especialistas en precarizar as condicións laborais do persoal, non cumprir eficientemente os contratos cos clientes e reducir até un 40% os salarios con convenios de empresa para garantir os seus beneficios”.
Iniciativas parlamentares
O responsábel sindical explica que xa puxeron esta situación en coñecemento da Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ao tempo que lle solicitaron que rectificase o orzamento de licitación (punto C do prego de condicións).
Alén disto trasladáronlle a problemática ao BNG, que presentou varias iniciativas parlamentares reclamando a paralización do procedemento de contratación do servizo e a negociación coa representación sindical dun novo prego de cláusulas administrativas que garanta o respecto aos dereitos laborais e salariais.