Reclaman a mobilización das brigadas do SPDCIF e de Seaga para combater primeiro gran lume do ano
Os comités de Seaga da Coruña, Lugo Ourense e Pontevedra veñen de reclamar publicamente a mobilización dos máis de 500 bombeiros forestais da empresa pública que se atopan na casa para loitar contra o primeiro gran lume do ano, que xa arrasou 500 hectáreas na provincia da Coruña.
Dende a representación sindical lembran que a Consellería de Medio Rural retiroulle a Seaga a encomenda de incendios “en aras dunha suposta unificación do servizo que non dá chegado”, polo que máis de 500 bombeiros forestais de Seaga “experimentados/as e profesionais” están na casa.
O incendio forestal afectou xa a máis de 500 hectáreas, pero a única solución que aporta a Consellaría de Medio Rural é o despregue da UME
Denuncian que os traballadores/as de Seaga do distrito IV -onde se localiza o lume de Dodro-Rianxo que está a ameazar vivendas- coñecen o terreo “coma a palma da man”, pero non son chamados a traballar. “O incendio afectou xa a máis de 500 hectáreas, pero a única solución que aporta hoxe a Consellería para frear esta vaga de lumes é o despregue da UME”, critican.
Diante disto, pregúntanse se a Xunta está a agardar a que a situación estea fóra de control para mobilizar as brigadas do SPDCIF e de Seaga. “Está claro que se se fixo en outubro do 2017 tamén se pode facer agora; a eficacia dos compañeiros/as que traballan e coñecen os terreos que están a arder e indiscutíbel”.
Indican que no que vai de 2019 xa arderon máis hectáreas que en todo o 2018, polo que instan o conselleiro de Medio Rural a tomar as medidas oportunas para apagar o lume. Ao mesmo tempo, pregúntanse que fará o responsábel autonómico en xuño coas 600 novas prazas de reforzo e amosan o seu convencemento de que non van ser cubertas polos brigadistas de Seaga.
Modificación do decreto
Culpan disto ao feito de que a modificación do decreto que debera puntuar a experiencia na extinción está parada en Función Pública, e pregúntanse se existen intereses ocultos para que non se publique co obxectivo de que o persoal de Seaga quede fóra do servizo de extinción.
“Por que non se cumpre con aquela afirmación da Consellería de que queren contar cos traballadores/as con máis experiencia? Os responsábeis autonómicos teñen que explicar que queren facer co servizo de extinción, porque está claro que improvisan e que queda moito que facer para ter un servizo único, público e de calidade no SPCDIF”, rematan.