Reavívase o conflito laboral docente cos “martes en loita” e peches rotatorios en centros educativos por todo o país
Despois do enterro simbólico do ensino público galego realizado en Compostela a finais do primeiro trimestre, o conflito laboral que mantén o profesorado coa Consellaría entra noutra fase na que as organizacións convocantes das mobilizacións pretenden “resucitalo” tamén simbolicamente. “Ao igual que no día a día é o persoal docente o que mantén vivo o ensino público malia a súa situación agonizante, as accións que se propoñen antes do Entroido van na liña de facerlle ver a toda a sociedade, fundamentalmente á máis afectada polos recortes, alumnado e profesorado, que estamos a tempo de revivilo unindo as nosas demandas e mantendo a tensión fronte á Consellaría.
Neste tempo, e malia cinco convocatorias de folga e mobilizacións multitudinarias, o único que fixo o conselleiro foi redobrar a propaganda con vídeos nas redes sociais cada semana e visitas a centros mesmo cando non teñen ningún obxectivo, como a que fixo o día 2 de xaneiro a un instituto de Caldas en obras na que, por certo, lle faltou ao respecto a todo o profesorado dicindo dúas veces que traballa pouco”, comenta Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino.
Malia este silencio e o desprezo polo sentir maioritario do profesorado galego, o sindicato maioritario é optimista e chama a non resignarse. “Temos que manter o espírito co que arrancamos esta loita, Rectificar, Recuperar, Recoñecer: é preciso recuperar os dereitos perdidos, que se rectifiquen as políticas de recortes e que se recoñeza o profesorado como se merece. Os obxectivos están intactos. Sabemos, porque así nolo dixeron cando lles propuxemos unirse ás mobilizacións, que os sindicatos asinantes do acordo están negociando medidas coa Consellaría e queremos denunciar como se está a facer”, criticou Arroxo.
Reunións opacas e sen o sindicato maioritario
A secretaria da CIG-Ensino considerou “absolutamente impresentábel que se estean producindo esas reunións xa non só porque se deixa de lado a representación maioritaria do profesorado, senón porque non se informa de que é o que está enriba da mesa. Fálase da recuperación do horario lectivo de secundaria e outras ensinanzas a 18 horas por exemplo. O profesorado ten claro que isto coa CIG nunca pasaría porque sempre que estamos nunha negociación publicamos as propostas que fai a administración para recibir achegas e imos informando de cada paso que se dá. Nunca negociamos ás escondidas. É unha falta de respecto por todas as partes e deslexitima a función que debe ter a verdadeira representación sindical, aínda que hai ben tempo que no ensino público estas organizacións non actúan como tales”, apuntou Arroxo.
Peches rotatorios abertos a toda a comunidade educativa
A primeira das medidas que propoñen CIG e STEG “para descentralizar aínda máis o conflito” son peches rotatorios a partir de media tarde nos propios centros de ensino. Serán os martes, mércores e xoves das dúas vindeiras semanas e realizaranse en centros da Coruña, Cee, Ferrol, Lugo, Monforte, Viveiro, Compostela, Pontevedra, Vilagarcía, Lalín, Vigo, Cangas, Ponteareas e Ourense, a falta de que se poida sumar algunha outra localidade.
Trátase dunha medida para chamar a atención e visibilizar diante das familias e do alumnado as consecuencias da política de recortes da Consellaría e explicar que as demandas do profesorado son as de toda a comunidade educativa. Os peches darán comezo a partir de media tarde para facilitar a participación da maior xente posíbel e neles prevese realizar asembleas abertas, elaborar material reivindicativo para colgar nos centros, debater sobre futuras accións a levar a cabo... Á mañá seguinte farase unha acción informativa na entrada ás aulas.
De loito polo ensino
Ademais, a vindeira semana tamén dará comezo outra iniciativa que pretenden impulsar as organizacións convocantes das mobilizacións e que leva por título “martes en loita”, co fin de manter o espírito do lema que vén acompañando todo este conflito “profesorado en loita”. “De novo, xogando co ensino en loito e en loita, propoñemos ao profesorado que acuda os martes a traballar vestido de negro, se concentre con mensaxes reivindicativas e que lle comente tanto ao alumnado como ás familias nas titorías as problemáticas que ten no seu centro e que afectan directamente á calidade educativa. A idea é ir máis alá e levar esta vestimenta tamén fóra do centro para unha maior visibilización social”, explica a responsábel da CIG-Ensino.
Esta acción desenvolverase até o Entroido tendo o día 10, o martes anterior a este período, unha significación especial. “Para visibilizar todas estas accións é obvio, e máis na sociedade na que vivimos, que é necesario que o profesorado faga fotos e vídeos desas concentracións e as comparta tanto con nós como nas súas redes sociais”. Isto farase cada martes pero o último, antes do Entroido, que en moitos centros se traballa cos mandatos do Meco ou directamente se acode a traballar disfrazado, propoñen que sexa unha xornada especialmente reivindicativa neste sentido.
Entroido reivindicativo
Será pois a antesala dun entroido reivindicativo nos centros educativos da que debe quedar a máxima constancia a nivel gráfico para facerlle ver á Consellaría a magnitude do malestar do profesorado ao que non pode seguir ignorando nin xogando con el por cálculo político “porque no caso da recuperación das 18 horas parece que o único que está agardando é a ver se hai algún movemento por parte do goberno central para vender que se adianta ou se finalmente a proposta do Ministerio vai quedar en nada, aforrar calquera avance”, sinala Arroxo.
Con todo, o sindicato maioritario non descarta máis convocatorias de folga nos próximos meses e espera que estas e outras accións sorpresa que se van levar a cabo lle sirvan como ultimato á Consellaría para que sente a negociar dunha vez por todas coa representación sindical maioritaria e que está liderando estas mobilizacións.