Rearmar Europa

Fabrizio Verde - 25 Mar 2025

O plan RearmEurope non só é inútil, senón tamén fondamente prexudicial. Gastar unha cantidade astronómica de diñeiro para rearmar Europa significa quitar recursos vitais a sectores chave como a educación, a saúde, as pensións e a innovación tecnolóxica

 Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, impulsa un plan que non só é irresponsábel senón potencialmente catastrófico para o futuro de Europa: o chamado RearmEurope, un proxecto de 800.000 millóns de euros para rearmar o continente en nome dunha suposta ameaza rusa.

 Con todo, este plan non só se basea en premisas cuestionábeis, senón que corre o risco de arrastrar a Europa a unha espiral de tensións e conflitos que ninguén desexa, desviando recursos preciosos de prioridades urxentes dada a crise económica na que esmorece o vello continente.

Unha ameaza inexistente

 A idea de que Rusia representa unha ameaza inminente para Europa é unha narrativa que necesita ser desacreditada. Rusia non ten intención de atacar os países europeos. Non habería ningunha razón lóxica, estratéxica ou xeopolítica para iso. Pola contra, Moscova expresou reiteradamente o seu desexo de estabelecer un diálogo e normalizar as relacións con Occidente.

 A retórica belicosa alimentada por algúns líderes europeos, incluída Von der Leyen, non só é infundada, senón que corre o risco de crear unha profecía autocumprida, impulsando unha nova guerra que prexudicaría a todos, nomeadamente os cidadáns europeos. Un conflito que podería ter consecuencias catastróficas.

 En lugar de investir 800.000 millóns de euros en armas e sistemas militares, Europa debería centrarse en reconectar con Rusia, promover o diálogo, a diplomacia e a cooperación económica. A historia ensina que o illamento e a militarización non conducen á paz, senón só a maior división e conflito. A historia ensina non ten alumnos, advertiu Antonio Gramsci.

Un plan tolo e contraproducente

 O plan RearmEurope non só é inútil, senón tamén fondamente prexudicial. Gastar unha cantidade astronómica de diñeiro para rearmar Europa significa quitar recursos vitais a sectores chave como a educación, a saúde, as pensións e a innovación tecnolóxica. Nun momento en que Europa se enfronta a desafíos sen precedentes angustiada por un peso chamado euro, investir unha cantidade tan grande de fondos en armas é un luxo que non se pode permitir.

 Ademais, este plan corre o risco de alimentar unha carreira armamentista que vai desestabilizar aínda máis o continente. Rusia, percibindo unha ameaza crecente, podería responder fortalecendo o seu propio arsenal militar, creando un círculo vicioso de medo e hostilidade. Europa, en lugar de ser un actor de paz e mediación, corre o risco de se converter nun foco de tensións, con consecuencias impredicíbeis para a seguridade global.

 Con todo, máis aló das premisas cuestionábeis deste proxecto, cómpre botar luz sobre a figura da propia von der Leyen, cuxo pasado está inzado de escándalos e ineficiencias que a fan completamente inadecuada para liderar unha iniciativa desta magnitude.

O escándalo dos consultores: un precedente inquietante

 Durante o seu mandato como ministra de Defensa alemá (2013-2019), Ursula von der Leyen estivo no centro dun dos maiores escándalos da política alemá recente: o Berateraffäre, o escándalo dos consultores. Unha comisión de investigación do Parlamento alemán descubriu que o Ministerio de Defensa, baixo o seu liderado, outorgou contratos multimillonarios a consultores externos sen unha supervisión axeitada, violando así as normas de contratación pública. Entre 2015 e 2016, o Ministerio gastou até 150 millóns de euros en consultores externos, mais oficialmente só declarou unha parte: uns 2,9 millóns. Esta discrepancia xerou serias dúbidas sobre a transparencia e a integridade da xestión de von der Leyen.

 En moitos casos, os contratos adxudicáronse a través dunha rede de conexións persoais, favorecendo a empresas como Accenture e KPMG. Por exemplo, Timo Noetzel, un executivo de Accenture, tiña vínculos persoais con Katrin Suder, a daquela subsecretaria de Estado do Ministerio de Defensa. Ambos coñecíanse desde os seus días en McKinsey, e esta relación levantaba sospeitas de favoritismo. Aínda que non hai evidencia directa da participación persoal de von der Leyen nestas irregularidades, transcendeu que o seu ministerio levou a cabo unha investigación interna superficial e defectuosa, que moitos parlamentarios cualificaron como un intento de encubrir o caso.

 Von der Leyen admitiu cometer "erros" na xestión dos consultores, atribuíndo estes á neglixencia e a sobrecarga de traballo do persoal. Porén, esta xustificación non convenceu os críticos, que sinalaron que a falta de disciplina e transparencia permitiu que floreza unha rede de favoritismo. Matthias Höhn, membro do partido Die Linke, cualificou a xestión do asunto por parte de von der Leyen como «unha flagrante falta de liderado» e sinalou que a falta de medidas disciplinarias enviara unha mensaxe equivocada ao ministerio: que as regras se poden ignorar sen consecuencias.

Ineficiencias e malgasto: un pesado legado

 Ademais do escándalo dos consultores, o mandato de von der Leyen como ministra de Defensa estivo marcado por unha serie de ineficiencias e malgasto que danaron aínda máis a súa reputación. Durante o seu mandato, as forzas armadas alemás enfrontaron numerosos problemas, incluída escaseza de equipos, atrasos nos proxectos de modernización e unha burocracia ineficiente. Por exemplo, o proxecto de compra de novos helicópteros e vehículos blindados atrasouse repetidamente e os seus custos disparáronse.

 Von der Leyen tentou xustificar estes fracasos argumentando que o Ministerio de Defensa era unha organización obsoleta que necesitaba unha reestruturación radical. Con todo, o seu enfoque, baseado no uso masivo de consultores externos, non produciu os resultados prometidos. Máis ben, creou un sistema no que os consultores adquiriron unha influencia excesiva sobre as decisións estratéxicas do ministerio, con frecuencia a expensas da eficiencia e a transparencia.

 En resumo, demostrou que non ten capacidade para xestionar os recursos públicos de maneira transparente e eficiente. A súa defensa do uso de consultores externos, a pesar de claras irregularidades, e o seu fracaso á hora de garantir unha supervisión axeitada das contratacións públicas son sinais preocupantes. Confiarlle a dirección dun proxecto como RearmEurope é como lle dar as chaves dun deportivo a un piloto que xa demostrou que non sabe conducir.

 O plan RearmEurope é un erro colosal e Ursula von der Leyen non é a persoa axeitada para liderar a Europa nesta dirección.

_____________________________________________________________________________

*Artigo orixinal en L’Antidiplomatico.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 19 de marzo de 2025]


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.