Reactívase a Plataforma Galiza con Catalunya en apoio do proceso soberanista
Unha representación de varias das organizacións que integran Galiza con Catalunya, entre elas a CIG, anunciaron hoxe a reactivación da Plataforma en solidariedade co proceso soberanista catalán e co obxectivo de recabar apoios de cara ao referendo sobre a independencia do 1 de outubro. O colectivo organizará un acto simbólico de apoio ao proceso o vindeiro 25 de xullo en Santiago, coincidindo coa celebración do Día da Patria Galega.
No acto de presentación da nova andaina da Plataforma, que tivo lugar na Libraría Couceiro de Santiago, participou a secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez, quen sinalou que o referendo do vindeiro 1 de outubro supón abrir a vía de independencia de Catalunya e amosou o apoio das organizacións que forman a Plataforma ao proceso soberanista iniciado polo pobo catalán.
Ao mesmo tempo, adiantou que nos vindeiros meses organizarán distintas actividades solidarias, comezando polo próximo 25 de xullo, Día da Patria Galega. Nesa xornada terá lugar un despregamento simbólico das bandeiras das dúas nacións -a galega e a catalá- nas escaleiras da Alemeda de Santiago a partir das 16:00 horas, e darase lectura a un manifesto.
Explicou que a Plataforma reactívase coa pretensión de darlle soporte ao proceso iniciado en Catalunya “para o seu cambio no status político, unha vontade sempre contestada polo Estado español con negativas, ameazas e represión”. Finalmente, indicou que as organizacións que fan parte de Galiza con Catalunya “aspiramos a mirarnos no seu espello e agardamos que máis pronto que tarde aquí tamén teñamos a posibilidade de abrir unha vía de expresión da vontade popular que nos leve a un novo status político”.