Ratificados os acordos das auxiliares, que pasan a incorporarse ao convenio de maneira indefinida
Esta mañá, a 'Asociación de empresas do sector naval público da Ría de Ferrol' e as organizacións sindicais ratificaban os acordos alcanzados o pasado mes de novembro para o sector. Deste xeito, os acordos laborais e salariais pasan a incorporarse no convenio colectivo do metal da Coruña como disposición adicional, adquirindo toda a forza normativa e a ultraactividade deste último.
Durante o acto, as partes acordaron tamén constituír unha comisión de seguimento para o control da correcta aplicación dos acordos, que terá a súa primeira reunión o día 13 de marzo.
A CIG organiza un acto que incluirá actuacións musicais
Á saída do acto, que tivo lugar na Facultade de Ciencias do Traballo de Ferrol e contou coa mediación da presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, os representantes da CIG-Industria valoraban o enorme éxito que supón para o conxunto dos traballadores e traballadoras das auxiliares da comarca este avance, que só foi posíbel grazas á forza, unidade e determinación do persoal na loita pola recuperación do seus dereitos.
Para conmemorar este fito, a CIG-Industria está organizando un gran acto para o sábado 30 de marzo, que incluirá un xantar e concertos musicais pola tarde. "Ultimamente a clase obreira ten pouco que celebrar e o logro conquistado polos traballadores e as traballadoras das auxiliares ben merece unha celebración, que sirva ademais para coller folgos para seguir con novas reivindicacións", afirman. Así, animan a todo o persoal a participar neste acto que contará coas actuacións do grupo de música tradicional "Os Carecos", a banda ferrolá de folk irlandés e escocés "BÖJ" e a banda tributo a AC/DC, "Riff Raff".
Unha longa loita do persoal da auxiliares
"Este será a merecida homenaxe á longa loita que tiveron que levar adiante os traballadores/as das auxiliares para regular as súas condicións laborais e económicas e que se recoñeceran plenamente os seus dereitos", aseveran. Neste senso, CIG-Industria lembra que no ano 2001 e tras unha intenso conflito laboral, sindicatos e empresas asinaron unhas táboas salariais e laborais para equiparar e regular as condicións de todos os operarios e operarias das auxiliares que traballan dentro nos estaleiros públicos. Porén, baixo a escusa da crise e aproveitando a baixada dos contratos de Navantia, as compañías comezaron a inaplicar de xeito unilateral os acordos, xa que non tiñan rango de norma.
Dende entón, o persoal retomou a loita para esixirlle ás empresas que pagaran polos acordos e para dotalos de eficacia normativa, intensificándose a conflitividade ao non dárselle resposta a esta reivindicación na sinatura do convenio provincial do metal. Neste contexto, a CIG, atendendo ao mandato das asembleas de traballadores/as, convocara en outubro de 2017 unha folga nas auxiliares que mantivo paralizado o naval da ría durante 22 días.
Esta folga demostrou a madurez do sector para pelexar e manter vivas no tempo as súas demandas e hoxe, tras alcanzarse un acordo na Mesa do Naval de Ferrol e tras superar as reticencias da patronal provincial, por fin conclúe o camiño para dotar de eficacia normativa os acordos e rematar coa desregulación no sector.