Ramona Penedo: “Con salarios de miseria, sacamos do noso lombo os cartos para ir traballar, isto non pode ser”
As traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar de toda Galiza están, desde o día 2 de novembro, en folga indefinida. Na xornada deste venres, como en todas as xornadas anteriores, volveron a mobilizarse. O seu obxectivo é impedir que se faga efectivo o preacordo de convenio asinado por CCOO e UGT coa patronal, que suprime o dereito, recoñecido no anterior, a ver actualizados os seus salarios, ano a ano, en función do IPC; que crea unha dobre escala salarial e que tan só incrementa en 0,4 céntimos/quilómetro a compensación en concepto de gastos en combustíbel.
Como en xornadas anteriores, as traballadoras das distintas localidades da comarca de Santiago dábanse cita esta mañá -á mesma hora á que se estaban mobilizando outras centos de traballadoras, de punta a punta do país-, diante da casa do concello de Ames, en Bertamiráns, para saír despois en manifestación.
Unha marcha que sorprendeu a unha veciñanza que non está afeita a este tipo de actos de protesta e que paraba ao seu paso para miralas, con curiosidade, desde as beirarrúas. Ao tempo, desde algunhas fiestras, mans anciás separaban as cortinas para esculcar ás participantes e, desde outra, unha parella de maiores abría de par en par a súa xanela para agasallalas cun entregado aplauso. Unha mostra de agradecemento pola axuda diaria que lles prestan estas traballadoras que, alzando a mirada cara eles, devolvíanlles, á súa vez, outro longo e agarimoso aplauso.
O inasumíbel custo do combustible
Na manifestación, Ramona Penedo, traballadora do SAF de Teo queixábase dos moitos quilómetros que leva xa enriba e do gasto que isto supón, non só en gasolina, senón tamén no coche. Porque estas mulleres, ademais de ir de casa en casa a prestar os coidados que precisan as persoas dependentes, poñen os seus propios vehículos para desprazarse.
Así Ramona contaba como da súa casa ao primeiro domicilio ten que facer 6 quilómetros. De alí arranca cara outro domicilio que está a 9,5 quilómetros; despois fai outros 8,5 até o terceiro; 4,8 para o cuarto e 4,7 para o quinto.
Por iso considera insuficiente a suba que contempla o preacordo. “Iso supón un custo enorme. Desde 2010 a quilometraxe non se nos subiu para nada, tiñámola a 0,18€/qm e agora subiron a 0,22, pero sempre e cando o combustíbel non baixe de 1,60€/litro. Se baixa, volven ao 0,18. E xa non é só o combustíbel, son rodas e todo o demais. O coche cada x anos tes que cambialo, porque non é fiábel para ir traballar porque che deixa tirada cada dous por tres”.
Un custe que cualifica de “insufríbel”, mais que considera que é mesmo abusivo para as compañeiras que teñen contratos a tempo parcial. Nese caso, afirma, “é inasumíbel”.
A traballadora do SAF de Teo calcula que pode haber unhas 15 compañeiras con contrato a tempo completo, das 35 que son. “Logo son todos contratos a tempo parcial, que teñen mesmo xornada partida, porque da empresa din que non poden facelo doutra maneira”. Os custos increméntanse ademais porque “os quilómetros desde a túa casa ao primeiro domicilio non se computan, tanto sexa de mañá, como se é de tarde, sácanse do teu lombo”, afirma.
A CIG-Servizos vén insistindo nesta cuestión e lembrando que nos Servizos de Axuda no Fogar non hai un centro de traballo da empresa. O centro de traballo son os domicilios das persoas usuarias e hai que desprazarse todos os días a eles e ao longo de toda a xornada laboral.
Por iso Ramona rexeita a mísera suba salarial pactada no preacordo, o raquítico incremento por quilometraxe e a precariedade á que se ven abocadas. “Temo unhas carestía que é imposible de afrontar para os salarios tan baixiños que cobramos. A tempo completo estamos en 1.042€. Agora subiron o IPC do 6,5% en algunhas empresas, non en todas, e estamos en 1.110€, pero brutos, isto sen os descontos. De aí sacamos os cartos para todo. A nós cústanos cartos ir traballar e iso non pode ser”.
A traballadora do SAF de Teo ten claro que o problema é que no negocio da atención a domicilio de persoas dependentes “hai tanto intermediario que os cartos se quedan polo camiño. Se isto se fixera público e non o externalizaran, iría moito mellor”.
Xornadas a tempo parcial, partidas
Pola súa banda, Ana María Autrán, do SAF do concello de Boqueixon comenta que o máis dificultoso, no seu caso, “é que nos poñen casas moi afastadas unhas de outras”. Iso implica para ela facer uns 700 quilómetros ao mes.
Tamén neste concello son moitas as traballadoras que están a tempo parcial. “Eu mesma estiven até o mes de marzo. Desde aquela estou a tempo completo”, explica. “Pero mentres estiven de tempo parcial ao mellor tiña só 5 horas, pero estaba empantanada todo o día porque facías unha parte pola mañá e outra de tarde. Téñolle dado queixas á empresa. De feito tiña unha hora pola tarde e, como era a primeira, non che computaban os quilómetros porque contan a partir de aí”.
Por lei, segundo o convenio aínda vixente, as traballadoras a tempo parcial non poderían ter xornada partida. “Pero a eles non lles importa”, asegura Ana María. “Temos pedido fichar desde o concello, pero non lle interesa. Por encima temos que fichar desde o noso teléfono, que non me parece normal que teñamos que ter a app no noso teléfono, porque a app pídeche entrar en todos os teus datos”.
A auxiliar do SAF de Boqueixón lamenta que non teñen axuda para facer un traballo que, por veces, é difícil e penoso. Nese sentido explica que “ás veces pides grúas e, ou non cha poñen, ou hai familiares que non a queren porque non lles colle. Igual coas camas, pedimos unha cama articulada para un usuario porque a que tiña era moi baixiña e eu, como son moi alta, teño que agacharme moito para atendelo. O concello poñíalles a cama, pero non a quixeron e ti tes que te fastidira”.
No seu caso, esta situación, como lle ocorre a moitas outras traballadoras, deriva en afeccións músculo-esqueléticas que, ademais de provocarlles dor, dificulta o desenvolvemento da súa actividade diaria.
Familias que buscan un servizo de limpeza
Pola súa banda Marifé Novo, do SAF de Ames, recoñece que a situación das traballadoras neste concello é mellor que noutros. Desde a súa casa até o primeiro domicilio hai 10 quilómetros, pero este mesmo ano conseguiron que se computara a quilometraxe a partir dos primeiros 5 qm. Aínda así seguen tendo a compensación a 0,18 e tampouco consideran abondo a suba contemplada a 0,22€. Por iso denuncia que o coche “non é só gasoil” e súmase á crítica das xornadas partidas porque non se fan as oito horas seguidas. “Eu empezo ás oito e media da mañá e termino ás oito e media da noite”.
No seu caso, as principais queixas veñen polo incumprimento do contrato, no que respecta ás súas funcións, mais tamén polo trato que lles dan as familias dalgúns usuarios e usuarias. “Non se está cumprindo o 80-20 que figura no convenio”, denuncia. Isto significa que as auxiliares de axuda no fogar teñen que destinar un 80% do tempo á atención da persoa usuaria e un 20% a tarefas de limpeza, para que poidan vivir nunhas dignas condicións de habitabilidade e hixiene.
Porén, asegura que “hai domicilios nos que vas simplemente a limpar”. Nese sentido critica que haxa familias que demandan este servizo “porque teoricamente é esencial, pero despois até pasan o dedo para ver se quedou todo impecable. Levo indo 20 anos a unha casa, figura que teño que asear á señora, pero a familia só quere limpeza e o noso traballo non é para iso”.
Dobre escala salarial
Marifé Novo cualifica “de película” que poida haber dúas táboas salariais, como se contempla no preacordo de convenio. “Iso o que fai é enfrontarnos entre compañeiras e, ao mellor, tendo a mesma empresa”, advirte.
Como exemplo pon os concellos limítrofes de Ames e Brión, que ademais comparten empresa. “Que nun lado poñan o 1% de incremento e no outro un 3,5%, non me parece normal”. Por iso chama a todas as compañeiras a loitar por unhas condicións xustas, por un convenio digno e porque se recoñeza o labor que fan todos os días en cada unha das casas que visitan.