Radiografía do sector público: transvase de cartos á empresa privada, destrución de emprego e negocio a conta das paradas/os
Aínda que os casos máis coñecidos de privatizacións se dan na sanidade e no ensino, a entrega a capitais privados das porcións do “pastel público” está afectando a todos os eidos da administración: estatal, concellos, deputacións, sector de correos, universidades, xustiza ou a administración autonómica. Así o explicaron en rolda de prensa a Secretaria nacional da da CIG-Administración, Maricarme López Santamariña, o Secretario de CIG-Administración da Coruña, Eduardo Freire, e a responsábel comarcal do sector da administración do Estado da CIG, Elisa Rodríguez.
Na comparecencia tamén participou o Secretario da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, quen enmarcou este deterioro dos servizos públicos nas políticas de recortes aplicadas polos gobernos nos últimos anos. “Precisamente foi no sector público onde primeiro se ensaiaron os recortes e as medidas antiobreiras que logo se aplicarían ao conxunto da clase traballadora”, apuntou. Neste senso, informou que este ano a central sindical conmemora o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, baixo o lema “Reformas Laborais e Lei Mordaza, anulación xa!”. E con tal motivo, a CIG ten convocada mañá, xoves, unha concentración de delegados e delegadas ás 12:00 horas diante da Delegación do Goberno.
Destrución do emprego público
Un exemplo desta destrución de traballo e de servizos públicos atopámolo na diminución do censo de persoal funcionario da Xunta na provincia da Coruña, onde se perderon 366 postos entre os anos 2011 e 2015. Se nos fixamos no cómputo global do traballo no sector público (incluída a sanidade e a educación), neses anos, só na cidade da Coruña perdéronse 5.100 postos (no mesmo período, no sector privado foron 3.200 os empregos destruídos).
A estes datos, Maricarme López engadiu que na comarca da Coruña, en xaneiro de 2009, había 38.423 traballadores/as da Xunta. Porén, en xaneiro de 2015, esta cifra descendera até as 36.809 persoas; é dicir, 1.630 traballadores/as menos. “Paralela á perda de emprego prodúcese unha suba esaxerada da temporalidade, con contratos lixo de fins de semana ou mesmo por horas, especialmente en sectores tan sensíbeis como os servizos sociais, trasladándose o modelo de contratacións precarias do SERGAS ao resto da administración autonómica”, denunciou López Santamariña.
Elisa Rodríguez engadía que na Administración do Estado na provincia da Coruña foron 726 os efectivos perdidos dende xullo de 2011 a xullo de 2015. Ademais, destacou que o actual cadro de persoal ten unha idade media elevada, polo que nunha década se podería xubilar até o 60% dos traballadores/as “e non se convoca oferta de emprego público para substituír a este persoal”.
A este respecto, Eduardo Freire, sinalaba que o reparto dos servizos públicos en mans privadas permite ademais xustificar a amortización das prazas existentes. Unha perda de postos de traballo á que hai que engadir a imposición da taxa de reposición 0 durante varios exercicios, que impediu a cobertura, entre outras ausencias, das xubilacións. É dicir, onde antes había un emprego público estábel agora ou non o hai, ou está sen cubrir, ou directamente foi entregado a unha empresa privada, co conseguinte axuste das condicións laborais e salariais.
As contratas a empresas privadas refírense aos máis diversos servizos. Na Xunta afectan dende tarefas de limpeza, á xestión dos comedores escolares, servizo de consumo, tratamento dos expedientes da Lei de Dependencia, atención telefónica no Servizo de Valoración de Discapacidades, encomendan diversas na Subdirección Xeral de Meteoroloxía, Agader, etc.
Na administración estatal temos o caso do Catastro, fragmentado e repartido en múltiples contratos, a dixitalización dos expedientes de xubilación da clases pasivas ou mesmo a privatización da recollida de datos e o estudo das mostras das principais enquisas do INE: a EPA e os Presupostos Familiares. Incluso a atención telefónica da Tesourería da Seguridade Social ou da Axencia Tributaria foron externalizadas. Nesta última os servizos de cita previa, a información tributaria básica e a atención ao/á contribuínte ,“polo que agora cando un/ha contribuínte chama a esta administración non é atendido por un funcionario ou funcionaria, senón por un/ha teleoperador/a que, supomos, recibiu un cursiño rápido de formación”, advertiu Elisa Rodríguez.
Na Xustiza están externalizados os servizos de tradución e mesmo as peritaxes e as taxacións xudiciais, dándose casos tan esperpénticos como que non se poida sacar a poxa un ben embargado polo xulgado xa que a empresa adxudicataria non fai a taxación porque di que a Xunta non lle paga.
Fragmentación dos contratos para evitar o concurso
Para escapar da fiscalización, as distintas administracións recorren á fragmentación dos contratos para non ter que convocar un concurso para a adxudicación (como ordena a lexislación vixente) e así asignar a obra ou o servizo de xeito directo á empresa elixida. Este exceso de contratacións e a picaresca dos gobernos para escapar da fiscalización é tan palpábel que até foi denunciada polo Tribunal de Contas en diversos informes.
A maraña de contratos é de tal calibre que, nun ano, a Seguridade Social chegou a facer até 20.270 contratos menores por valor de 36.58 millóns de euros. A Dirección Provincial do INSS da Coruña no mesmo día chegou a adxudicar 2 contratos diferentes polo importe de 23.479 euros á mesma empresa pola vixilancia nocturna.
A Autoridade Portuaria da Coruña rizou o rizo contratando a unha empresa de Valencia para desenvolver a coordinación de actividades dentro do Porto da Coruña. “É dicir, para realizar unha actividade de índole empresarial polo interior do peirao hai que falar con Valencia, pero non en galego, que non te entenden”, aseverou Freire.
Entrada de ETTs e Axencias de Colocación no SEPE
Neste marco de baleirado do público, resulta absolutamente escandalosa a suplantación –permitida legalmente polo goberno de Mariano Rajoy mediante o Decreto 1796/210- da funcións propias dos servizo públicos de emprego por parte de empresas privadas, convertendo o desemprego nunha mina de cartos para estas axencias de colocación.
O BOE do 24 de xuño de 2014 publicaba o nome das 80 axencias privadas seleccionadas para colaborar co SEPE, nun contrato cun valorado en 200 millóns de euros a repartir en catro anos, e ás que a administración pagará unha contía fixa por cada persoa que consigan inserir no mercado laboral e por persoa cuxa inserción lle recomende con independencia do resultado.
Ademais, abonará un incentivo por especial dificultade de inserción, outro polo mantemento do emprego e mesmo se estabelece un pago de até o 15% do pago por inserción se se inicia un procedemento que conclúa coa imposición dalgunha sanción á persoa desempregada. Isto é, sométese aos parados e paradas a grupos de presión, onde o SEPE se pode converter no verdugo ou colaborador necesario na criminalización dos sectores máis vulnerábeis.
• Prezos máximos por desempregado ou desempregada
Rango de idade |
Tempo de paro | |||
Menos 6 meses
| De 6 meses a 1 ano | De 1 a 2 anos | Máis de 2 anos | |
De 25 e menos | 300€ | 575€ | 1.100€ | 1.850€ |
De 26 a 29 anos | 300€ | 575€ | 1.100€ | 1.850€ |
De 30 a 44 anos | 300€ | 625€ | 1.250€ | 2.300€ |
De 45 a 54 anos | 350€ | 725€ | 1.850€ | 3.000€ |
55 ou máis anos | 600€ | 1.275€ | 3.000€ | 3.000€ |
As persoas anotadas no SEPE repártanse por lotes entre as empresas seleccionadas. Segundo as cantidades descritas na táboa superior, no suposto dun destes lotes conformado por 1.904 persoas, das que 1.826 teñen entre 26 e 44 anos e con menos de 6 meses de paro, a empresa adxudicataria pode obter un monto de máis de 547.000 euros (máis os incentivos que poidan percibir).
En definitiva, un negocio moi apetecíbel. Por iso, Elisa Rodríguez indicou que se está a dar unha pugna entre as grandes empresas seleccionada para facerse con estes contratos. Do listado das 80 empresas, realmente “só catro ou cinco son as beneficiadas”, matizou. No primeiro contrato do Ministerio (valorado en 40 millóns), resultaron adxudicatarias Adecco, Manpower, Telefónica, Eulen Flexiplan e a Asociación Salesiana de Tecnoloxía e Innovación. As pequenas empresas recorreron e houbo que reformular a adxudicación.
Para evitar esta situación, o contrato número 2 (tamén por outros 40 millóns de euros) foi directamente asignado polo Consello de Ministros/as -mediante o procedemento negociado sen publicidade- a catro empresas convidadas: Adecco, Eulen Flexiplan, Manpower e a Asociación Salesiana. “Quedou fóra outra das grandes multinacionais, Randstad, que impugnou o proceso”, aclarou Rodríguez.
“Estamos ante un mercadeo descarado porque non hai que esquecer que empresas como Eulen ou Adecco, ademais de cobrar por colocar a persoas desempregadas, tamén teñen adxudicados millonarios contratos para a prestación de servizos na administración”, denunciou.
Presións das empresas ás persoas desempregadas
Por se facer negocio a conta do drama do paro e dos cartos públicos non fora abondo, as pautas de actuación destas empresas xa foron denunciadas por desempregados e desempregadas nas oficinas dos servizos públicos de colocación pola súa agresividade. As empresas envían cartas ou chaman por teléfono ás persoas designadas instándoas as presentarse na data hora e lugar indicado, mesmo ameazando con perder a RISGA de non se presentar.
De feito, xa se deron casos de desempregados/as que, alarmados por estas comunicacións, chamaron á oficina de emprego denunciando a existencia do que pensaban que era unha estafa.
Unha vez personados no lugar da cita, a axencia colaboradora manda á persoa desempregada cubrir unha e ficha e, cunha clave e contrasinal, acceder á páxina web da empresa para buscar ofertas de traballo. Non hai máis citas co parado/a, seguen os seus movementos pola páxina web.
“E a facer caixa. É unha maneira de coller cartos públicos sen ter achegado nada ás persoas desempregadas e aínda por riba pódense lucrar mediante dun réxime sancionador presionante se chantaxista. Así disfrazan o problema do paro, situando a problemática na persoa desempregada non na falta de postos de traballo”, advertiu Eduardo Freire.
Fronte a isto, a CIG-Administración recalca que sempre defendeu o papel da administración como creadora e custodia do grande nicho de emprego público e tamén como prestadora dos servizos públicos directamente á cidadanía. Por iso instaron á devolución de todos os servizos privatizados, “porque cremos no público como sinónimo de calidade, de solidariedade, porque é dende o público onde se loita contra a corrupción, os abusos de poder, as estafas sociais e os roubos”.