Rachan as negociacións do convenio dos urbanos de Ourense e os traballadores/as súmanse ás protestas do persoal municipal

A empresa négase a continuar coas conversas mentres non se resolva a licitación do servizo
Ourense - 30 Out 2024

No día de onte racharon as negociacións do convenio colectivo para renovar o convenio colectivo da empresa Autobuses Urbanos de Ourense, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Ourense. A dirección négase a continuar coas conversas mentres non se solucione a nova licitación do servizo, que hai poucas semanas presentou o Goberno local.

Dende o comité critican a inoportuna proposta do Concello, ao sacar un novo concurso na metade dunhas negociacións, “aínda máis se temos en conta que a concesión leva dende o ano 2015 en precario”. 

Os traballadores/as asistirán á concentración convocada polo persoal municipal este xoves 31

A representación do cadro de persoal considera que esta “manobra” do Concello aboca a un final de difícil solución xa que a empresa saínte se nega a negociar, e a posíbel gañadora da licitación faría que os traballadores/as da concesionaria pasaran ao convenio provincial de Transporte de Viaxeiros/as, moi inferior ao convenio actual de empresa.

“É por isto que dende este comité xa lle avisamos á compañía e ao Concello que non permitiremos a perda de dereitos, que tanto custa gañar, e actuaremos en consecuencia”.

Por iso hoxe mesmo celebrarán asembleas de traballadores/as para informar polo miúdo da situación a actual, ao tempo que comezarán a traballar nunha folla de ruta que lles permita asinar un convenio digno.

Ademais, o comité anuncia que asistirá á concentración convocada polos traballadores/as municipais mañá xoves 31 diante do Concello ás 12:00 horas.