Queremos Galego mobilízase en Lugo contra a sentenza do TS contra o galego
Queremos Galego manifestou este xoves, cunha concentración diante do concello de Lugo, a súa repulsa pola sentenza “ideolóxica” coa que o Tribunal Supremo (TS) rexeitou o recurso presentado polo Concello de Lugo contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que anulaba parcialmente a ordenanza de normalización lingüística da cidade, aprobada por unanimidade polo pleno da corporación en 2012 e ratificada polo pleno tras a sentenza do TSXG.
A plataforma cidadá denuncia que “o TS pretende pór limites á oficialidade da lingua galega e impedir que poida manter calquera situación de igualdade respecto ao castelán” xa que estabelece uns máximos que o galego non debe traspasar baixo ningún concepto.
A sentenza ilegaliza ademais, segundo Queremos Galego, unha posición social maioritaria no conxunto do pobo galego, a de que “a lingua propia de Galiza é o galego, que é o noso principal elemento de identidade colectiva e que se atopa nunha absoluta situación de desprotección, aínda cunha lexislación que no mellor dos casos non se aplica e se vulnera constantemente”.
Fronte a isto, a plataforma cidadá denuncia que que o mesmo tribunal “non actúa contra as máis de 500 disposición legais que garanten a presenza absoluta do español e sitúan o galego en situación de inferioridade”.
A sentenza avalada polo TS ponlle o carimbo de legalidade e lexitimidade á discriminación de usuarias e usuarios de servizos públicos privatizados por razón de lingua, “ao primar o suposto dereito de descoñecemento do galego por parte das empresas emprestadoras de servizos á administración municipal fronte ao dereito a empregalo e ser atendido en igualdade de condicións por parte das e dos cidadáns”.
Este aspecto, segundo Queremos Galego contravén ademais o contemplado no parágrafo 3 da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas, que sinala o compromiso de “garantir que as linguas rexionais ou minorizadas se empreguen na prestación dun servizo” tanto polas autoridades administrativas como “polas persoas que actúen no seu nome”.
“Con esta sentenza o TS e o TSXG renegan de ser de Xustiza”, insisten desde Queremos Galega. “Que xustiza hai nunha sentenza que pretende manter a exclusión histórica do galego, a súa invisibilización e mantela inaudíbel e invisível na administración local e en todos os servizos que ofrece a través de empresas privadas?”. “A maioría das galegas e galegos, falantes ou non de galego”, afirman, “queren a súa lingua e queren que a administración actúe para repola e rehabilitala, como pretendía facer minimamente o Concello de Lugo a través da ordenanza” e lembran que “foi aprobada por unanimidade en correspondencia coa posición manifestada por todas as forzas políticas ao aprobaren o Plan xeral de normalización da lingua galega”.
O TSXG deixa clara a liberdade para a administración municipal utilizar o galego sempre que se manter como lingua secundaria e que non se pretenda un mínimo estatus de igualdade. “Esa é a visión que teñen de Galiza e do galego”, indica Marcos Maceira, voceiro da entidade de defensa da Lingua. “Que liberdade hai de empregar o galego se as empresas concesionarias da administración non teñen que ofertala? A única liberdade que vén de recoñecer o TS é a destas empresas para excluír aos falantes de galego de servizos públicos”.
Embora a lexislación e acordos favorábeis á lingua galega sexan poucos e limitados, a vontade xeral por repor, rehabilitar e normalizar o noso idioma, “fica claramente reflectida en textos como o Estatuto de autonomía de Galiza, a Lei de normalización lingüística, a Lei de uso do galego como lingua oficial polas entidades locais, o Plan xeral de normalización da lingua galega, e mesmo tratados internacionais como a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas, ratificada polo Estado Español en 2001, ou outros acordos como a Declaración universal de dereitos lingüísticos”.