Queremos Galego chama a "desconfinar" a nosa lingua o 17 de maio, Día das Letras
Queremos Galego chama a sociedade a "desconfinar" a nosa lingua, o 17 de maio, pendurando de xanelas e varandas a bandeira galega e cartaces co lema Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión como os que a plataforma ofrece desde a súa web, listos para descargar e imprimir en diferentes formatos. A plataforma cidadá, composta por máis de 600 entidades, estende o convite a todas as persoas que queren a Galiza e que saben que a lingua nos fai ser e existir como pobo, advertindo que "a súa normalización é necesaria para os avances sociais e democráticos".
As persoas usuarias das redes sociais poden participar partillando mensaxes escritas, vídeos, fotografías ou audios coas etiquetas #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego #Eufalogalego.
"A lingua é cohesión social", recordou esta mañá en rolda de prensa virtual Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, "unha lingua normal é falada por todas as persoas independentemente de calquera diferenza social, política ou de idade." Maceira denuncia a "inacción dos poderes públicos, galegos e estatais en relación ao galego" e esixe que se garanta "a presenza e a dispoñibilidade total do galego en todos os espazos e circunstancias: xustiza, ensino, administración pública, ambito socioeconómico, canles de información ou saúde".
A Xunta insiste no desprezo á nosa lingua
"É incríbel", lamenta o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización, "que despois de máis dunha década de mobilizacións e da alerta por parte da sociedade da emerxencia lingüística que vive a nosa lingua, a Xunta insista en desprezar o galego". "O goberno galego deberíase avergoñar", abunda Maceira, "despois de recibir os posicionamentos do Consello de Europa e da ONU".
A plataforma cidadá reclama ao goberno da Xunta que actúe e que se poña á cabeza. "Ao actual e ao que viñer", apunta Maceira. "É obriga legal da Xunta, mais por riba de todo é unha necesidade para avanzarmos colectivamente coa cohesión social tan necesaria sempre e máis en momentos como o actual". "A sociedade non pode ficar soa na defensa da lingua", remata.
Ofrenda floral no busto de Carvalho Calero
Un pequeno grupo de persoas representantes das entidades que forman parte da xestora de Queremos Galego celebrará, o mesmo día 17 ás 11.30 da mañá, unha ofrenda floral no busto de Carvalho Calero de Santiago de Compostela, onde darán lectura ao manifesto, unha carta aberta a Carvalho da profesora Pilar García Negro. Levarán elementos de seguranza persoal e manterán o debido distanciamento.