Quen pagará a crise?

Manuel Mera - 20 Mai 2020

Non se pode desbotar unha repetición do guión das crises anteriores, con cambios mínimos e retrocesos sociais, porque aínda aumentado as contradicións entre clases e territorios, unha transformación progresista é practicamente imposíbel que sexa feita polas mesmas forzas que dende a dereita e esquerda do sistema o viñeron sustentando politicamente durante décadas

 Sen dúbida as persoas que faleceron pola covid-19, e as súas familias, serán as que paguen os maiores custos, tamén en boa medida aquelas que estiveron afectadas polo virus, porén esta pandemia tamén terá consecuencias moi distintas segundo a clase social e o territorio. En ambos os casos dependerá da clase social e do grao de dependencia, de subordinación.

 No referente ás repercusións sobre a clase traballadora, non será igual a situación dunha persoa en paro ou cun contrato temporal que aquela que ten un emprego fixo. Ttampouco é o mesmo se hai un só ingreso na familia ou existen varios, se depende en exclusiva do salario ou ten outro tipo de rendas, así como se ten piso propio ou o aluga, se vive na cidade ou na periferia. A realidade é moi complexa, e só partindo desta caracterización seremos capaces de dar respostas que eviten situacións de pobreza e marxinalidade, mais tamén que impidan a recepción fraudulenta de subsidios. Estas picarescs son casos minoritarios que desprestixian a solidariedade, e son sempre aproveitados polos que se opoñen ás axudas e á superación do capitalismo para ligar a xustiza social con dilapidación dos cartos públicos. O obxectivo sempre debe ser repartir equitativamente o traballo e a riqueza, e ser solidarios con aquelas persoas que por distintos motivos son dependentes (idade, eivas físicas, etc).

 Todo indica que nesta nova fase de desescalada estes aspectos van cobrar gran importancia no debate, especialmente por parte da dereita. Dende a esquerda sistémica a argumentación vai ser máis sutil, e en principio positiva, xa que non cuestiona, mesmo alenta, o apoio (necesario) mediante todo tipo de axudas aos sectores máis golpeados pola crise económica como consecuencia da pandemia (desemprego, os ERTE, etc). Mesmo acepta nesta conxuntura o papel central do sector público. Daquela que colla unha tanxente para chegar a onde realmente quere, e comece a reclamar a través de analistas e medios próximos que estes custos se asuman “solidariamente” tamén polos funcionarios públicos e pensionistas (como na crise do ano 2008). Evidentemente excluirán a sanidade, policía, exército, etc. No primeiro caso carecerían de argumentos despois de consideralos heroes; dos segundos necesitan súa complicidade para poder aplicar medidas impopulares.

 Estas ideas neoliberais xa están a sementar na conciencia colectiva co obxectivo de abrir camiño ás propostas do Goberno neste sentido. Claro que resulta contraditorio que non poñan o acento nas grandes empresas e fortunas, especialmente naqueles sectores que se lucran coa pandemia (farmacéuticas, telecomunicacións, banca, etc.). Mais non semella casual; facelo sería cuestionar o sistema, a hexemonía dos Estados Unidos e outras potencias. Daquela que, por esta vía, o seguinte paso será, como no 2008, ampliar a toda a clase traballadora os custos da crise, así como á parte máis débil das persoas autónomas e pequenas empresas, deixando fóra do foco máis unha vez as grandes fortunas e empresas, mesmo rescatando moitas delas con diñeiro público para despois devolvelas ao capital privado saneadas (tal como esixe nunha recente declaración a Unión Europea). Por este camiño: reduciranse os salarios, crecerá a precariedade, aumentará a xornada e os ritmos de traballo... medrará a desigualdade e a pobreza... coa única finalidade de salvar o capitalismo, a cobiza, a lei do máis forte, ou sexa, que todo siga igual.

 Utilizarase como escusa que o peche das grandes empresas afectaría ao emprego de milleiros de persoas e tería un efecto de arrastre grandisimo, xa que son sectores estratéxicos, ou que se poderían trasladar a outros países, etc. Nos casos máis graves, que amosan un maior grao de subordinación, como nas novas tecnoloxías (Amazon, Facebook, Google, Microsoft, Apple, etc) seguirían pagando impostos mínimos pola ameaza de Washington de impoñer sancións que seica afectarían ao comercio exterior; sempre existe unha escusa para favorecer o gran capital. Polo tanto, escoitando a canción que xa comeza a soar, todo fai pensar que o guión da crise do coronavirus será moi semellante ao de 2008, no referente a quen terá que pagar os custos, malia que a orixe e a situación sexa moi distinta, e que o sector público saia prestixiado e a globalización cuestionada nesta primeira fase.

 Daquela, non se pode desbotar, malia a gravidade da situación, unha repetición do guión das crises anteriores, con cambios mínimos e retrocesos sociais, porque aínda aumentado as contradicións entre clases e territorios, unha transformación progresista é practicamente imposíbel que sexa feita polas mesmas forzas que dende a dereita e esquerda do sistema o viñeron sustentando politicamente durante décadas, arroupando esta desfeita. A reconstrución económica, de novas formas de vida, de relación entre as persoas e cos ecosistemas, só se pode realizar por partidos e organizacións sindicais e sociais que cuestionen o capitalismo. Ou sexa, necesitan dun cambio na correlación de forzas, e dun suxeito transformador que supere o capitalismo en todos os aspectos:  económico, laboral, social, ecolóxico, democrático, da igualdade de xénero, do respecto por todas as culturas e linguas, ou sexa, que loite contra a explotación de clase e a opresión nacional. Só forzas revolucionarias, na teoría e na práctica, que conten co apoio e a complicidade do pobo, poden levar adiante estes cambios tan radicais, urxentes e necesarios. Un cambios que non serán consecuencia dunha rectificación por responsabilidade coa sociedade e a natureza por parte das clases dominantes, nin cedidos sen confrontación.

 

[Artigo tirado do blog do autor, maio de 2020]