Que vén o lobo! Sobre o ascenso da extrema dereita na República Francesa
As eleccións lexislativas francesas convocadas por Macron despois duns resultados históricos da extrema dereita no Parlamento Europeo deixan un escenario incerto en canto á gobernabilidade. Unha análise dos resultados electorais, da proposta da Nova Fronte Popular e os retos de futuro para unha clase traballadora francesa para a cal a extrema dereita segue a ser un problema
As irrelevantes eleccións europeas do pasado 9 de xuño abriron a caixa dos tronos en Francia. A non tan sorprendente vitoria do Rassemblement National (RN) de Marine Le Pen tivo como reacción a convocatoria inmediata e pouco meditada de eleccións lexislativas por parte do presidente da República, Emmanuel Macron. Se cadra, fíxoo pensando que collería a contrapé a esquerda e que o sistema de elección dos deputados por circunscricións pequenas e a dobre volta permitiría aos de Macron enfrontar directamente a candidatura da extrema dereita na segunda volta. Tratábase de matar dous paxaron dun tiro: sacar a suposta extrema esquerda de La France Insoumisse da ecuación e vencer o Rassemblement National (RN) axitando o medo ao ascenso da extrema dereita e a bandeira da defensa dos valores republicanos, estratexia empregada unha chea de veces e que a medio prazo deixará con toda probabilidade de ser funcional. A formación, a última hora, do Nouveau Front Populaire (NFP), reunindo a práctica totalidade das forzas de esquerdas e progresistas (a mesma France Insoumisse, o Partido Socialista, o PCF e os ecoloxistas) cambiouno todo, sendo o bloque que acabou para obter a maior cantidade de deputados á Asemblea Nacional. A meritoria e flamante vitoria do NFP foi acollida con esperanza como o sinal desexado dun rexurdimento da esquerda e do inicio da fin da extrema dereita. Aínda así, hai que matizar esta lectura por excesivamente optimista: os meses que veñen estarán cheos de dificultades para a esquerda e a extrema dereita prepárase para afiar as gadoupas.
A do NFP é unha vitoria pírrica, obtida, ademais, grazas ao «pacto republicano» co macronismo e a dereita de Les Republicains. O abandono da gran maioría de candidatos das forzas que integraban este pacto nas respectivas circunscricións favoreceu a forza que quedara mellor situada e permitiu aglutinar o voto contra o RN, que na inmensa maioría de circunscricións foi derrotado. Naturalmente, malia as reticencias liberais e conservadoras para actuar deste xeito cando se favorecía nalgunha circunscrición un candidato de La France Insoumisse (LFI), o cordón sanitario contra a extrema dereita acabou para ser efectivo só grazas ao sistema de elección dos representantes á Asemblea Nacional, que prima as grandes maiorías no territorio en detrimento da representatividade proporcional. Aínda así, esquécese de maneira sorprendente que tamén a segunda volta das eleccións lexislativas foi gañada en número total de votos pola extrema dereita do RN. Se na primeira volta o RN e os seus aliados da facción de Les Republicains (LR) encabezada por Éric Ciotti obtiveran 10.647.914 de votos (representando o 21,58% do censo e o 33,22% da participación, obtendo de maneira directa 38 representantes por gañar con máis do 50% dos votos emitidos nas respectivas circunscricións), na segunda volta os votos da extrema dereita só diminúen relativamente, obtendo 10.109.044. Pero se temos en conta que na segunda volta xa non votaban as circunscricións onde se escolleron deputados pola vía directa, podemos observar que os resultados da extrema melloran sensibelmente, obtendo o 23,33% dos votos sobre o censo e o 37,05% dos votos emitidos. En número total de votos, o NFP queda moi atrás da extrema dereita, cun 25,68% dos votos emitidos (máis de once puntos porcentuais por baixo da extrema dereita) e os macronistas de Ensemble recollen un 23,14% (case 14 puntos por baixo)(1). Para entendérmonos, en función dun sistema electoral proporcional e con lei D’Hondt, o resultado obtido achegaría o RN á maioría absoluta. En caso dun sistema a primeira volta (como o británico), o RN obtería unha ampla maioría absoluta. Ollo, pois, ao triunfalismo, porque unha lectura que non se fai é que o RN, con Fronte Republicana ou sen ela, posúe máis dunha terceira parte dos sufraxios. Este feito non os levou ao poder nesta ocasión, pero a extrema dereita só ten que esperar que a froita estea madura para cultivala. Chégalle ben con vomitar o seu discurso demagóxico e esperar os erros e as contradicións dos outros.
Cómpre termos moi en conta tamén que a estratexia da Fronte Republicana na segunda volta beneficiou sobre todo o macronismo e a dereita conservadora de Les Republicains, que conseguiron aglutinar boa parte do voto progresista e de esquerdas para facer fronte á extrema dereita nas circunscricións onde tiñan unha certa vantaxe e puideron salvarse do naufraxio (a pesar de que o partido de Macron perdeu nin máis nin menos que uns oitenta deputados). Esta lóxica non sempre foi a mesma, en moitas circunscricións, cando se tratou de beneficiar o candidato da esquerda nos casos en que este era o mellor situado (especialmente se pertencía a LFI) fronte ao RN. Deste xeito, cando se enfrontaban candidatos da dereita republicana e a extrema dereita, o 70% dos electores do NFP da primeira volta votaron a LR na segunda volta; cando eran os macronistas de Ensemble os que se enfrontaban co RN, obtiveron un 72% dos votantes do NFP. En cambio, o cordón sanitario foi menos eficaz cando se tratou, polos votantes liberais e de dereitas, de apoiar o candidato do NFP: nas circunscricións onde este era un candidato socialista, comunista ou ecoloxista, só un 54% dos votantes de Ensemble e un 29% dos votantes de LR optaron para apoialo; esta porcentaxe é aínda inferior cando o candidato a apoiar pertencía a LFI, obtendo só o 43% do apoio dos votantes de Ensemble e o 26% dos votantes de LR.
Estes apoios tradúcense nunha distribución moi desigual de deputados. Os candidatos da extrema dereita perderon os enfrontamentos directos contra a esquerda en 90 circunscricións e obtiveron a vitoria en 62 delas; cando se enfrontaron a candidatos de Ensemble, en cambio, perderon 105 circunscricións e só gañaron 23; esta relación é aínda máis desequilibrada no caso de enfrontamentos con LR, sendo derrotada en 32 circunscricións e gañando só 7. Nas circunscricións onde non houbo abandonos e se produciu unha segunda volta con tres candidatos (esta situación deuse sobre todo polas reticencias «republicanas» a apoiar candidatos de LFI), a extrema dereita gañou en 11 circunscricións e só perdeu nunha delas(2). Unha aprendizaxe que se pode tirar destas cifras é que a evidencia que o cordón sanitario republicano funcionou para derrotar a extrema dereita non nos ten que levar a enganos: acabou sendo, ao mesmo tempo, un bote salvavidas para un centrodereita e unha dereita á valga. Só así se poden chegar a entender a sobrerrepresentación de Ensemble e de LR. A partir de aquí, pódese debater sobre a necesidade estratéxica dun tal sacrificio. É certo, doutra banda, que non había demasiadas alternativas ao alcance para evitar o peor, pero este debate necesario non se ten que revestir de autoengano.
A unidade da esquerda é circunstancial e non está baseada nun programa común realmente compartido e asumido. A debilidade da fronte unitaria xa se fixo patente co experimento da Nouvelle Unité Populaire Ecologique et Sociale (NUPES), marca con que concorreu a esquerda ás lexislativas do 2022 e que lle permitiu facer fronte ao macronismo e á extrema dereita. Ben axiña se constatou incapacidade de levar a cabo unha estratexia e un programa común, tamén a hostilidade do PSF, o PCF e os ecoloxistas cara a LFI e o seu líder, Jean-Luc Melenchon. Se temos en conta como quedou a distribución de deputados dentro do NFP podemos ver que dos 180 deputados obtidos LFI obtivo 71, o PSF 64, os ecoloxistas 33 e o PCF 9. Así pois, o PSF parece renacer das súas cinzas, obtivo un maior peso específico dentro da Nova Fronte Popular, en boa parte porque a distribución de circunscricións e a segunda volta favoreceuno especialmente, confirmando os bos resultados obtidos ás últimas eleccións europeas despois de anos de travesía do deserto. Pódese anticipar con total seguridade que o PSF conseguirá impoñer a súa axenda dentro da coalición e condicionar as alianzas co resto de forzas republicanas cara á reconstrución dun centro político que, visto o desgaste do macronismo, prevé hexemonizar. As presións disgregadoras do PSF dirixidas contra LFI e os elementos máis á esquerda da coalición é aínda máis previsíbel cando nin máis nin menos que François Hollande, expresidente da República e artífice da inmolación do PSF en 2017, foi escollido deputado e manobrará, como bo cabalo de Troia, para facer fracasar toda viraxe á esquerda.
O primeiro escollo que terá que superar o NFP será atopar un candidato de consenso que sexa do gusto de LFI e o PSF, cousa que parece realmente difícil (lembremos que o PSF e outras forzas políticas que compoñen o NFP vetaron Melenchon e que este se tivo que tragar o sapo e morder a lingua para afrontar con garantías as eleccións lexislativas). O segundo escollo será que este candidato sexa aceptábel para Macron, para o seu partido e para o capital financeiro que representa. O terceiro escollo será que o goberno que consiga formar este candidato poida formar unha maioría parlamentaria estábel. Os 180 deputados do NFP quedan moi lonxe da maioría absoluta de 289 deputados na Asemblea Nacional, aínda que sumemos a ducia de deputados de esquerdas non adscritos, polo que cumpriría buscar apoios sólidos para evitar o bloqueo. Todo isto se o presidente Macron decide outorgar á esquerda a oportunidade de formar goberno, xa que é só el quen decide discrecionalmente a elección do primeiro ministro. Só unha forte mobilización popular e a ameaza de incendio político e social ás portas dos Xogos Olímpicos de París podería inclinalo a tomar unha tal decisión cando ten outras posibilidades sobre a mesa.
Así pois, hai que asumir que a distribución de deputados na Asemblea e os fráxiles equilibrios internos do NFP non permiten que poida haber un goberno de esquerdas que faga políticas de esquerdas. Descartadas totalmente outras alianzas, unha posibilidade para a esquerda sería un pacto co macronismo, que significaría porén o enterro do programa socializante con que o NFP se presentou ás eleccións e a aceptación das grandes liñas políticas neoliberais impulsadas polos gobernos de Macron durante os últimos 7 anos. A pesar de que se comentou, parece improbábel que se poida fragmentar o campo macronista a partir dun basculamento dos seus elementos provenientes do PSF cara a un hipotético goberno de esquerdas: é máis, só hai que ter en conta cal é o seu historial político desde a traizón de 2017 até hoxe para entender que non aceptarían a maior parte do programa do NFP. En todo caso, un pacto co macronismo comportaría probabelmente a marxinación de LFI e, a medio prazo, unha nova inmolación da esquerda, á cal correspondería levar a cabo un programa liberal cun certo acento social, que non conseguiría, así e todo, eliminar a carraxe e o resentimento acumulados polas clases populares francesas ante as políticas antisociais de Macron e o seu autoritarismo: máis combustíbel, por tanto, que podería ser convenientemente empregado pola extrema dereita. Outra das posibilidades que se apuntan é que Macron, cando se poña de manifesto o bloqueo, opte para nomear un primeiro ministro de perfil máis técnico, co apoio de macronistas, socialistas e ecoloxistas (e vai saber se tamén do PCF).
Sería, de feito, unha opción viábel, posto que contaría co apoio firme de 260 deputados da Asemblea Nacional (269 se sumamos os comunistas). A pesar de que este goberno non chegaría a ter o apoio da maioría absoluta de 289, tería unha gran marxe de actuación buscando votos aquí e acolá entre os 66 da dereita conservadora e os 25 non adscritos a ningún bloque (entre os cales hai ex-macronistas e socialistas). Outra variábel desta opción sería a formación dun gran bloque de centro, con Ensemble, LR e PSF, coalición que contaría pola parte baixa co apoio asegurado de 293 deputados, ampliábel aos deputados non adscritos. A non aceptación da dimisión do primeiro ministro Gabriel Attal por parte de Macron e as declaracións de varios expoñentes significativos do centrismo parece debuxar cando menos esta posibilidade: facer correr o tempo para evidenciar a imposibilidade dun acordo para nomear un primeiro ministro elixido de forma consensuada polo NFP, deixar que se produzan as contradicións internas e, ante a situación de bloqueo, presentar unha alternativa de «salvación republicana» apadriñada polo presidente da República. Lembramos, porén, que a recorrencia a tales solucións técnicas acabaron para derrubar a credibilidade da democracia en Italia e todos sabemos que foi o resultado. En todo caso, boa parte do electorado do NFP non entendería tampouco unha saída así, e non hai que dicir que sería un factor desmobilizador de primeira orde pola esquerda sociolóxica.
Macron caracterizouse polo seu autoritarismo e desprezo polas clases populares, non en van as súas políticas e a súa intransixencia prenderon as rúas en varias ocasións; pero tamén soubo xogar habilmente a carta de se presentar como única alternativa republicana á extrema dereita de Marine Le Pen e isto permitiulle, a pesar das súas credenciais, ser elixido dúas veces Presidente da República. Ante a finalización do seu mandato, se a esquerda non é capaz de articular un programa político ambicioso e realmente compartido, ábrese ao horizonte, de maneira case inevitábel, a chegada ao poder da extrema dereita da RN. É indubidábel, se hai que escoller entre a esquerda e a extrema dereita, cara a quen irán as simpatías e o apoio da clase capitalista francesa.
Ante o escenario de auxe da extrema dereita, de maneira totalmente oportunista, as forzas liberais e mesmo liberal-conservadoras adoitan subir ao carro da loita contra extrema dereita, reducindo a antifascismo a unha simple defensa dunha democracia representativa que eles mesmos contribúen a minar. No entanto, a pesar dunha certa retórica antifascista presuntamente compartida e consensuada, a extrema dereita púidose integrar de pleno dereito no establishment político. O ascenso da extrema dereita pon de manifesto a ampliación do campo de xogo para a dereita liberal (que alternativamente pode adoptar boa parte do programa e o discurso da extrema dereita ou presentarse como única posibilidade de defensa dos valores liberal-democráticos), a centralidade crecente da extrema dereita e a tendencia ao acantoamento da esquerda, xa sexa electoralmente ou a través de posteriores renuncias programáticas para contentar os seus «socios» liberais. Se imos máis aló de lecturas en chave estritamente parlamentaria, este escenario é claramente beneficioso para a clase dominante. O desgaste das forzas liberais tradicionais sempre poderá ser suplido temporalmente por forzas de extrema dereita que aplicarán políticas económicas idénticas e que xogarán a carta de capitalizar a frustración de boa parte da poboación a través da demagoxia, a xenofobia e o chovinismo. Sexa como for, o problema da esquerda neste novo campo de xogo radica na súa aceptación fatalista do novo escenario e na súa incapacidade de se rearmar ideoloxicamente e volver a unhas coordenadas de loita de clases. Un antifascismo consistente só se pode articular desde unha estratexia política de acción que vaia máis aló do estrito marco institucional, como ben nos ensina a experiencia histórica. A advertencia da chegada do lobo, repetida xa demasiado veces, está a esgotar a súa credibilidade e a capacidade de mobilización. O lobo foi disuadido de momento, polo menos en Francia, pero lambe as feridas e está cada vez máis preparado para chegar e morder. A ver se non atopa aliados inesperados que lle faciliten a chegada.
_____________________________________________________________________________
(1) Font: “Publication des candidatures et des résultats aux élections Législatives 2024,” Ministeri d’Interior del Govern Francès.
https://www.resultats-elections.interieur.gouv.fr/legislatives2024/ensemble_geographique/index.html
(2) Font: “Législatives 2024 : comment les reports de voix du “front républicain” ont joué contre le RN, selon notre sondage,” France Info, 8 de juliol de 2024. https://www.francetvinfo.fr/elections/legislatives/legislatives-2024-comment-les-reports-de-voix-du-front-republicain-ont-joue-contre-le-rn-selon-notre-sondage_6652164.html
____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web catalán Catarsi, do 16 de xullo de 2024]