Atinxido un acordo para a mellora das condicións laborais e sociais no transporte sanitario non urxente de Ferrol
A asemblea de traballadores e traballadoras que prestan os servizos de traslado hospitalario e programado na área sanitaria de Ferrol, adxudicada á Ferrol Transporte Sanitario 2021 UTE, ratificou en asemblea o acordo acadado entre a empresa e os delegados da CIG. Na asemblea tamén se acordou a desconvocatoria das xornadas de folga previstas para os días 7, 8 e 11 de outubro
Este acordo, ao que se chegou tras varias xuntanzas da representación da CIG coas empresas que integran a UTE, contempla sete puntos que suporán unha mellora substancial das condicións laborais e sociais do persoal, mais tamén do propio servizo. Así, establécese un protocolo para a cobertura das gardas e permisos, regulando a orde de chamamento e o sistema de compensación polo exceso de xornada; e que se programarán as rutas de maneira que se respecten os descansos entre xornadas legalmente establecidos.
A UTE tamén garantiu a entrega das novas uniformidades completas ao persoal antes deste 10 de outubro e dar a segunda equipación en xaneiro do próximo ano.
Mellora dos vehículos e as instalacións
Xunto a isto, o acordo recolle melloras a respecto do estado das ambulancias e das instalacións, comprometéndose a empresa a ter a flota de vehículos operativa ao completo antes do 15 de novembro e a que todos os vehículos que se utilicen para servizos alleos ao contrato co SERGAS sexan devoltos nas condicións hixiénico-sanitarias adecuadas.
A maiores, as empresas da UTE realizarán as obras necesarias nas bases de Vilar do Colo e do Hospital Naval para dotalas de vestiarios separados, armarios para o persoal, salas de descanso ou zonas axeitadas para realizar as correctas desinfeccións das ambulancias.
A FGAMT-CIG de Ferrol vixiará que a UTE cumpra e respecte os termos do acordo na súa integridade e reafirma o compromiso na defensa dos dereitos dos traballadores e das traballadoras do sector. Neste senso, tamén critica a pasividade coa que a EOXI de Ferrol estivo actuando "permitindo que se vulneren dos dereitos do persoal do transporte sanitario".