Que perdeu Latinoamérica na Cimeira dos BRICS+ de Kazan

Rafael Bautista S. - 28 Out 2024

Coa non incorporación de Nicaragua e Venezuela, sobre todo, o que fai Brasil e a súa postura diplomática (que xa non se xera desde Itamaraty senón desde Washington) entrelázase coas manobras de inxerencia que realizan os EUA nos propios membros do BRICS+ para, dese xeito, restarlle ao bloque capacidades estratéxicas no xogo global enerxético

A fractura xeopolítica que sinalabamos nun texto anterior, terminou de facerse realidade na última Cimeira dos BRICS+ realizada en Kazán.

 Esta fractura empezou co aliñamento de Lula e Petro coa retórica da mitoloxía democrática ianqui. Pero co veto do presidente brasileiro á incorporación de Venezuela e Nicaragua ao bloque de países BRICS+, evidénciase un plan deseñado para minar, entre outras cousas, a posibilidade de que Latinoamérica se converta en actor estratéxico do novo taboleiro xeopolítico global, ademais de impedir tamén que ese bloque (coa ausencia de Venezuela) poida determinar as marxes de produción e os prezos do petróleo e o gas.

As manobras dos EUA

 É dicir, os EUA puideron conseguir, mediante as súas múltiples influencias que, Lula, facendo de cabalo de Troia, deixase fóra a Venezuela do bloque das potencias emerxentes con poder disuasivo ante o decadente G7.

 A situación é clara. Lula non desexa enfrontarse a Washington e tampouco permitir un actor que poida disputarlle o seu liderado en América do Sur.

 Con Venezuela, os BRICS+ teñen unha carta operativa de desencaixe paulatino da xeoeconomía do dólar, por conseguinte, maior poder disuasivo de contención da orde imperial unipolar. En cambio, a aposta de Lula é tipicamente conservadora e en sintonía coa bolsa de São Paulo; o dólar é demasiado influente nesta parte do mundo e isto pola estreita dependencia das nosas economías ao patrón dólar. Por iso os sectores bancarios son os menos interesados en desprenderse do dólar, mesmo cando, na actualidade, isto signifique o rexeitar a posibilidade rexional de independencia financeira.

 Pero o golpe de Lula non é só a Latinoamérica senón ao propio BRICS+, pois réstalle un actor que, polo seu peso enerxético, era decisivo para contrarrestar, en conxunto, as manobras recorrentes que fai Occidente para seguir coa sangría da economía mundial en beneficio do seu poder financeiro.

 Era pois preciso diluír ese peso enerxético ante a Cimeira de Kazán, que ía inevitabelmente significar o inicio do cisma do sistema-mundo moderno-occidental e o seu deseño xeopolítico centro-periferia. Por iso tamén o xefe da diplomacia ianqui Antony Blinken se reunía en Arabia Saudita, ao mesmo tempo de realización da Cimeira co seu homólogo saudita, Faisal bin Farhan e co príncipe herdeiro Mohamed bin Salman. Para a política pública o asunto que os reuniu foi o que eufemisticamente chaman a “crise de Gaza”, pero sábese que o tema que realmente se abordou foi negociar a sobrevivencia do petrodólar. Cuestión que non parece resolta para os EUA (pois Arabia Saudita ten outras cartas para manobrar de mellor modo con Washington), por iso a carta Lula era imprescindíbel poñela en xogo.

Emiratos Árabes Unidos e Arabia Saudita xa forman parte do BRICS+

 Desde que o réxime saudita anunciou a non renovación do acordo que fixo nacer o petrodólar, os EUA empezaron a experimentar o esfarelamento da súa hexemonía global. Nese sentido, aínda que os BRICS+ se presenten como un bloque de carácter xeoeconómico, é xa inevitábel a súa proxección xeopolítica, pois os cambios que se están propoñendo no comercial, económico e financeiro, sobre todo, configura toda unha xeopolítica implícita que é, precisamente, o que arrastra Occidente e o Imperio decadente a sopesar a envergadura que representaría o seu colapso mundial.

 Nesa medida é que as manobras de sobrevivencia dunha orde unipolar se manifestan como a multiplicación de conflitividades crecentes como recurso operativo que free a expansión das potencias emerxentes. Non hai que esquecer que toda expansión do espazo xeoeconómico xera tamén esferas de influencia e tenden sempre a reconfigurar os vectores xeopolíticos e, en consecuencia, a redeseñar o mundo. Por iso o presidente Putin fala das cinco rutas, desde o corredor Norte-Sur (que é parte do conflito que pretende desatar o réxime sionista contra Irán) até as Rutas da Seda; nunha das cales podería incorporarse América do Sur definitivamente á economía do século XXI, ou sexa, ao Pacífico.

 Coa non incorporación de Nicaragua e Venezuela, sobre todo, o que fai Brasil e a súa postura diplomática (que xa non se xera desde Itamaraty senón desde Washington) entrelázase coas manobras de inxerencia que realizan os EUA nos propios membros do BRICS+ para, dese xeito, restarlle ao bloque capacidades estratéxicas no xogo global enerxético. Pero, con iso, non só Brasil limita a posibilidade de liderar unha independencia rexional categórica, senón que profunda máis a fractura xeopolítica de Latinoamérica e coadxuva a un novo asalto da dereita en todos os nosos países.

 O guión no que se escuda non fai senón lexitimar aínda máis a condena imperial contra Venezuela e provocar o arroubo da dereita, non só venezolana senón tamén rexional. Esta condena é nociva porque está dirixida, como no caso boliviano, ao desprestixio moral do propio pobo e á súa anulación política como suxeito do cambio. Por iso o fascismo, en Arxentina por exemplo, se unxe falsamente dun halo democrático para se propoñer no campo político como o “verdadeiro” axente do cambio. É a usurpación do espírito popular e a fetichización do sistema democrático made in USA.

A non consolidación de Latinoamérica

 Brasil, e o propio Lula, debía ser o mais interesado en consolidar Latinoamérica como o resto crítico de contención imperial. Por iso debía blindarse un bloque maior de países adscritos á nova xeoeconomía do século XXI e, dese xeito, reconstruír e restaurar as nosas arelas emancipatorias.

 Na nova incorporación aos BRICS+, o grupo ASEAN (a Asociación de Nacións de Asia Sudoriental) está moi ben representado por Indonesia, Tailandia, Malaisia e Vietnam. Até África logra ter un peso considerábel coa incorporación de Alxeria, Nixeria, Uganda, sumándose a Suráfrica como membro pleno.

 Mais a presenza latinoamericana queda reducida e recortada nas súas potenciais capacidades xeopolíticas. Xa o dixemos: “a nosa liberación definitiva non poderá ser unilateral senón rexional”. Os BRICS+ podíannos brindar o conxunto necesario de coberturas estratéxicas para iniciar un desprendemento do dólar. Lula foi decididamente auspiciador da incorporación de Arxentina ao bloque BRICS+ (pois o goberno arxentino de Massa non representaba competencia ningunha ao seu liderado e até podía serlle útil ese tipo de esquerda lixeira), pero non podía actuar do mesmo xeito fronte ao radicalismo que significa a presenza de Venezuela. Quedar ben con Washington manifesta, tamén, o coludida que está a economía brasileira co dólar, en menoscabo mesmo de América do Sur.

 As incorporacións de Cuba e Bolivia quedaron, nese sentido, diminuídas no peso estratéxico que significase a presenza dos catro países dentro do bloque BRICS+. Cuba poderá recibir inxeccións decisivas para desenvolver a súa economía, aínda refén do bloqueo ianqui; pero o caso boliviano opácase en por si cando non se estima, na súa verdadeira dimensión, o carácter xeopolítico desa incorporación; por iso o noso presidente só menciona as vantaxes comerciais que representa aquilo. Aínda non aprenden que se a linguaxe actual, dun mundo en crise civilizatoria, é xeopolítica, o é porque os marcos de interpretación axeitados para ler o que pasa no mundo xa non poden pasar por alto a xeopolítica. Bolivia, que é promotora do discurso da Nai terra e o “vivir ben”, debía ser a portavoz, nesa Cimeira dun necesario e novo “diálogo de civilizacións”, ademais Sur-Sur, sen a mediación aduaneira da episteme moderno-occidental. Pero así de perdidos estamos por estes lares e así nos vai como nos vai.

 A Doutrina Monroe e as súas emendas non declaradas, estabeleceron o deseño disuasivo do cerco, sobre todo a Venezuela e Bolivia; e coa postura brasileira de Lula, restabelecendo a continuidade da política exterior de Bolsonaro, déixanos sós, nun cerco cada vez máis pechado. Aínda quedan marxes de acción e Venezuela pode manobrar espazos de autonomía xeopolítica, con ese respaldo que lle brindan os acordos sostidos coa Federación Rusa e China. Pero aínda así a fractura xa está aberta e, como todo en economía se realiza na interdependencia, a ruptura afectará o relacionamiento das nosas economías na rexión. Se a confianza é a base de todos os acordos na economía, América do Sur está a perder iso que é básico e fundamental para soster todo tipo de estabilidade.

A hora dos pobos

 Non foi menor o apoio que lle brindou o presidente Putin ao seu homólogo venezolano. Se alguén foi o indiscutíbel gañador nesta Cimeira foi o anfitrión, pois o presidente ruso demostrou ao mundo enteiro que non está para nada illado senón máis ben está a cultivar un apoio que mostra, aos verdadeiros illados, é dicir, os EUA e Europa. Xa ninguén os ve con bos ollos, aínda que aínda haxa que aturar a súa soberbia, hipocrisía e arrogancia.

 O comandante Chávez unha vez mencionou que chegara “a hora dos pobos”.

 É tempo de xerar, de novo, esa esperanza, máis aínda cando o fascismo se disemina nos nosos países e aproveitando, como sempre, os desatinos da esquerda travesti, repón a súa retórica da desigualdade como plataforma dunha nova Cruzada que a protagonizan agora, por exemplo, os sionistas en Gaza e a declara abertamente un Netanyahu (Milei-kovsky) no Congreso norteamericano e é ovacionado por este: civilización versus barbarie. Este maniqueísmo significa o abandono da política e a instauración da guerra ou a dexeneración da primeira en política do odio.

 Isto significaría a fin de toda convivencia, pero o Occidente moderno aposta a isto; por iso o Imperio pon en xogo todos os seus recursos para non compartir con ninguén o mundo que considera exclusivamente seu. No noso continente o fascismo fai eco desa aposta e declara, sinalando o novo inimigo a aniquilar: “se cedemos un centímetro, estes indios lévannos de novo á idade de pedra”, cando é máis ben a insensatez imperial a que está dirixindo o mundo á opción polo desastre e o enfrontamento nuclear (o cal si nos debe condenar a pelexarnos finalmente con pedras e paus, Einstein dixit).

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 28 de outubro de 2024]