Que pasa no agro?: Da desposesión á sobreacumulación

Andrés Piqueras - 13 Feb 2024

O que temos é unha ofensiva en toda a regra para terminar a desposesión no mundo rural, cunha gran concentración da propiedade nel. Quen de momento está a protestar contra iso non é a clase asalariada agrícola, senón os pequenos propietarios en vías de proletarización e até medianos propietarios que ven minguar máis e máis os seus beneficios

Consideracións previas

 1) O traballo produtivo (e por extensión “capital produtivo”) desde o punto de vista da totalidade social ou a economía no seu conxunto é aquel que non só produce plusvalía, senón que ademais produce novo valor, é dicir, novos produtos convertidos en mercadorías. Isto é propio exclusivamente do capital industrial ou produtivo. “Efectivo” como o chamou Marx.

 Tal circunstancia é a que explica que fose a parte obreira industrial da clase traballadora a que albergase en si a maior potencialidade revolucionaria da orde social, mediante o seu accionar consciente.  

 O proletariado constitúeo o conxunto de poboación que foi desposuída dos seus medios de produción. Obrigada, por tanto, a asalarizarse, converténdose en “forza de traballo” ou clase traballadora. A clase obreira é a parte industrial da clase traballadora.

 Nas formacións socioestatais de capitalismo primixenio ou avanzado, o desenvolvemento das forzas produtivas propiciou, con todo, que o peso do sector servizos fose facéndose maior, reducíndose o peso da forza de traballo obreira dentro da clase traballadora. Con iso foise diluíndo tamén a conciencia identitaria de clase e polo tanto potencialmente revolucionaria. Boa parte da clase traballadora experimentaría un desclasamento ou primacía de identidades profesionais por riba da de clase, que a proporcionaban “novos estilos de vida”, moi diferentes status e, porén, unha xeneralizada autoadscrición de “clase media”. De aí sairían os “novos movementos sociais”, separados do mundo da produción –e por tanto do movemento obreiro-, para se centrar en aspectos socialmente importantes pero non centrais para a acumulación de capital.

 2) As formas do capital, no seu ciclo completo de acumulación, son capital produtivo, capital diñeiro e capital mercadoría. A pesar de estar inseparabelmente imbricados no movemento total do capital, o que fai o capital-diñeiro autonomizado como capital a xuro, e a capital-mercadoría autonomizado como capital comercial, é distribuírse o monto total de plusvalía xerada na produción polo capital produtivo.

 É dicir, as outras formas funcionais do capital retraen parte da ganancia do capital produtivo que este consegue a través da plusvalía extraída na produción mediante a explotación da forza de traballo industrial. Partes desa plusvalía derivan como ganancia en favor do capital a xuro e o capital comercial. A explotación da forza de traballo por parte dos capitalistas comerciais e bancarios non crea plusvalía pero permite aos capitalistas bancarios e comerciais apropiárense de parte da plusvalía total xerada.

 Nesa repartición entre capitalistas debemos contar tamén coas actividades rentistas da economía. A plusvalía que queda para as tres formas de capital tende a ser menor, ao ter que pagar o alugueiro (renda) de terreos ou solares ou, en xeral, de calquera ben non reproducíbel. Isto foi especialmente importante para o sector agrícola.

Caracterización do sector agrícola e a súa dilución globo-industrial

 O sector primario da economía, o agrícola, está en vías de ser diluído no sector industrial. Hoxe prodúcense industrialmente cada vez máis parte dos nosos alimentos. Non tanto pola utilización de maquinaria para iso, senón polos procesos artificiais e de laboratorio implicados na “creación” e recreación de sementes, insumos e toda clase de produtos utilizados para a produción de alimentos, xa non tan “naturais” (cada vez menos poden ser vistos como recursos dados e arrincados da natureza –como as sementes “terminator”-, incluída a propia gandaría unha vez que a bioxenética empeza a estenderse por todo o sector agrícola). Todo iso fai que teñamos que reformular cuestións como o valor, a plusvalía e a renda no mundo agrario.

 O sector agrícola é o que até hoxe máis aguantou o proceso de proletarización ou desposesión de medios de produción, non porque non se viñese desposuíndo a millóns e millóns de campesiños/as en todo o mundo desde a Primeira Revolución Industrial, senón porque boa parte da pouca poboación activa que quedou nel foi propietaria, aínda que fóra dunha pequena parcela de terra, coa conseguinte conciencia non-proletaria, decote anti-socialista e, en todo caso, renuente  á colectivización.  Isto sempre deu non poucos problemas nos procesos revolucionarios á hora de tentar conxuntar intereses obreiros e campesiños, como os bolxeviques tiveron que aprender rápido. 

 Obviamente, xornaleiros e asalariados agrícolas en xeral non entran nesa categoría, pois si son polo xeral proletarios (ás veces combínanse formas de pequena ou moi pequena propiedade con traballos asalariados temporais).

 Coa industrialización do sector agrícola temos varios procesos concomitantes (o referente aquí é sobre todo Europa, aínda que en gran medida o dito é extrapolábel ao conxunto do planeta):

  1. Acentúase de novo a expulsión de poboación activa –pequenos sobre todo,pero tamén medianos propietarios-.

 Entre os principais factores e procedementos que contribúen a iso e, en xeral, ao despoboamento rural, temos:

  • A Axenda 2030 e os seus inviábeis requisitos dentro da lei do valor do capital.
  • As directrices da UE que van na mesma liña de afogar a pequena propiedade.
  • A Política Agraria Común, que transfire sen parar fondos aos grandes propietarios.
  • Os Tratados de Libre Comercio, en favor das transnacionais.
  • O IPOD (índice de prezos en orixe e destino – ver cadro máis abaixo, para o Reino de España), que reduce perigosamente as marxes de beneficio en favor da intermediación e distribución comercial –como grandes cadeas de supermercados do estilo de Mercadona, Carrefour, AuChan, Lidl…, que disparan as súas marxes para os alimentos básicos até 10 veces máis que o IPC-.
  • A destrución do campo en prol da “industria ecolóxica” (coa “sementeira” por todas as partes de placas solares e muíños de vento, por exemplo).
  • As sancións a Rusia impostas polos Estados Unidos á UE, en favor da economía norteamericana, que están a significar perdas millonarias mensuais ao sector agrícola europeo. Rusia era o 6º país destinatario das súas exportacións agrícolas.

 O IPOD xeral, que inclúe tanto os produtos agrícolas como gandeiros, sitúase en 3.92. Ademais de produtos agrarios como a laranxa, o plátano, o repolo, o allo ou a mesma pataca, que rompen barreiras, no sector gandeiro destacan produtos como a tenreira e o cordeiro con incrementos de 286% e 310% respectivamente, como se pode apreciar no cadro da COAG.

  1. A asfixia da pequena –e mediana- propiedade dá paso a unha crecente concentración agraria. Transnacionais e sobre todo grandes fondos voitre (que controlan a maior parte da propiedade do mundo, incluída a das maiores empresas transnacionais) pasan a ser os grandes propietarios. Isto significa, entre moitas outras cousas, que cada vez máis os produtores agrícolas-industriais son os propios posuidores da propiedade, co cal o factor renda perde relevancia para eles. En cambio, poden utilizar as terras para aumentar a súa ganancia rentista á conta doutros capitalistas que queiran producir, ou tamén á conta da propia clase traballadora mediante por exemplo a “chaletización” do campo, a conversión de territorios en “parques temáticos” de aventuras, actividades deportivo-recreativas, complexos turísticos en xeral, etc.
  2. Dáse un proporcional aumento da asalarización en relación á poboación activa agrícola, que en total diminúe. No Reino de España a man de obra nas explotacións agrícolas pasou de 828.200 persoas en 2008, a 774.800 en 2022 (“Traballadores por sector económico en España 2008-2022”,| Statista); xa só representa o 6,9% da poboación activa total. En 2020 a man de obra do titular baixou un 3,7% e a referida aos familiares do titular un 49,8%. Pola contra, a man de obra contratada aumentou un 16,3% e a subcontratada un 13,9%, segundo o INE.
  3. A sobreacumulación de capital (exceso de maquinaria en relación á forza de traballo empregada por unidade de capital investido -causa principal da caída da taxa de ganancia, dado que a plusvalía só se extrae dos seres humanos-) vai chegando tamén ao agro. Tal proceso busca compensarse a través dunha explotación extensiva e con frecuencia unha sobreexplotación da forza de traballo agrícola (cando o salario non cobre a propia reprodución do traballador/a). Para iso deslocalízase o investimento en explotacións agrícolas cara a lugares onde a man de obra sexa máis barata, ou ben servíndose de poboación inmigrante altamente precarizada. No sector dáse así mesmo con frecuencia unha explotación de man de obra servil ou semiservil e mesmo escrava, a escala planetaria. Contra os prezos desa explotación globalizada (con frecuencia levada a cabo polo empresariado connacional) a pequena e mediana propiedade non poden competir. A globalización de fontes de plusvalía e beneficios dáse, pois, como en calquera outro sector.
  4. Técnicas nocivas empregadas pola agroindustria acompáñanse de produtos daniños para a saúde, cada vez máis xeneticamente modificados, os cales forman parte da continuación da desposesión ou acumulación tardía de capital no agro. Monocultivos en grande escala, perda masiva de variedades agrícolas e de especies vexetais, deforestación extensiva e intensiva, perda de formas de vida e culturais, son algunhas das peores consecuencias, as cales ademais arrastran consigo outras da mesma terríbel condición, como a maior recorrencia de pragas e enfermidades, máis utilización de químicos e produtos nocivos para tentar compensalo, menor resistencia e adaptación natural á tensión climática que padecemos, así como aos que queren chamar “desastres naturais”, maiores fames negras, maior pobreza e migracións en masa, etc.

 Así que o que temos é unha ofensiva en toda a regra para terminar a desposesión no mundo rural, cunha gran concentración da propiedade nel. Quen de momento está a protestar contra iso non é a clase asalariada agrícola [que en todo caso loita polas súas condicións laborais (alguén lembra aínda cando foi a última folga de xornaleiros –magrebís- en Andalucía, por exemplo?)], senón os pequenos propietarios en vías de proletarización e até medianos propietarios que ven minguar máis e máis os seus beneficios.

 O sector agrícola que permitiu a vida laboral dunha decrecente poboación rural está seriamente posto en perigo polo modo de produción capitalista e a súa crise non ten solución dentro del. Por iso a súa defensa desde posicións de transformación social só pode ir acompañada de procesos de cooperativización e socialización das explotacións agrícolas e dos seus produtos. Non se trata de volver atrás cara ao pequeno capital agrícola, nin de fomentar un novo proteccionismo que se beneficie da división internacional do traballo capitalista e as súas relacións de intercambio desigual, senón aproveitar o descontento xeral e a falta de solucións a este, para aos poucos ir transformando as relacións sociais agrícolas de produción.  Iso pasa por comezar a reverter os procesos causais da súa ruína antes mencionados. Para empezar, rompendo coa UE e denunciando os Tratados de Libre Comercio.

 As organizacións comunistas europeas (e do resto do mundo) dignas de tal nome teñen a enorme responsabilidade de estar á altura das circunstancias e comezar a actuar nese sentido. O traballo de base en e co sector agrícola é imprescindíbel. Del e a través del pode afrontarse o reto de que comece a levantarse unha conciencia de clase entre a súa poboación activa.

 O cal á súa vez é vital, pois só a través do socialismo se poderá ter unha base agrícola sustentábel e sa como fonte de vida dunha parte importante da poboación e como posibilitadora de vida do conxunto dela.

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la Crisis, do 11 de febreiro de 2024]