Que non se apropien da redución da xornada laboral

Gorka Martija Rodrigo - 21 Set 2021

Fronte á posta no centro do debate público da redución de xornada como solución empresarial, imponse non aceptar «cantos de serea» e utilizar o debate non para contemporizar e pisar o freo baixo a falsa ilusión dunha vitoria caída do ceo, senón para agudizar as contradicións e fortalecer a loita por desmercantilizar o traballo e a vida. Son tempos de confrontación, non de distensión

 A agudización inexorábel da crise capitalista está dando lugar a fenómenos curiosos e inesperados. Un dos máis recorrentes nos últimos tempos é o que está conducindo a suxeitos indubidabelmente ligados ao statu quo sistémico a defender, como por encantamento, postulados até o de agora defendidos exclusivamente -e na máis fría e hostil soidade- por distintas expresións da esquerda máis ou menos antagonista.

 A suposta mutación «neokeynesiana» da UE a conta dos fondos europeo Next Generation é un exemplo claro desta orientación emerxente cara á reformulación táctica por parte de determinados sectores político-empresariais. Un cambio nos termos do debate público que está dando lugar a non poucas disensións estratéxicas dentro dos sectores rupturistas que deben ser urxentemente clarificadas. Neste sentido imponse responder á pregunta: constitúen estes casos de «apropiación» por parte do gobernos e patronais de vitorias populares espazos arrebatados ao capital e gañados para a clase traballadora? De ningún xeito.

 A redución da xornada laboral é un bo exemplo neste sentido. A urxencia da dixitalización, a robotización e a intelixencia artificial como marca do capitalismo actual agudizou os debates preexistentes sobre a crise do emprego. Así, o avance desta nova economía está directamente vinculado a unha importante redución da demanda absoluta de emprego. As estimacións son diversas neste sentido, pero hai quen prevé reducións de máis do 50% dos empregos actualmente existentes. O impacto nun territorio como o vasco, altamente industrializado, será claro e afondará na permanente crise industrial que vive o territorio, cada vez máis atinxido polos ERE como os de Petronor, ITP, Tubacex, etc.

 Ante este panorama, e baixo unha forte dose de fe tecnolóxica aguilloada precisamente polos fondos europeos, a redución da xornada laboral é agora defendida tamén, en formatos diversos, por grandes empresas e gobernos. Así, a semana de 4 días saltou ao escenario parlamentario no Estado español, abalando a súa viabilidade entre a tracción cara á esquerda que tratan de exercer os socios minoritarios do goberno de coalición e a eterna obediencia oligárquica do PSOE. Ao mesmo tempo, multinacionais como Telefónica xa comezaron desde este verán a implementar programas experimentais neste sentido a cambio de baixadas no salario. Máis recentemente, a marca de roupa Desigual anunciou que o seu persoal votará a opción de traballar catro días á semana a cambio dunha redución do salario do 6,5%.

 Estamos, pois, lonxe daqueles tempos nos que falar das 35 horas constituía unha especie de anomalía ligada a imaxinarios rupturistas e de confrontación -lembremos que as 35 horas foron eixe vertebrador dunha exitosa folga xeral en Hego Euskal Herria en 1999-, pero é indubidábel que o tema ten na actualidade certa centralidade discursiva, aínda que lonxe dos marcos de repartición do emprego e mesmo dos traballos en sentido amplo.

 Como participar desde a esquerda neste debate? Como primeira premisa, non podemos aceptar acriticamente e sen debate iniciativas que veñan desde as elites nestes momentos de reconfiguración sistémica. Neste sentido, semella que en determinados ámbitos cala a percepción de que o capital estaría pouco menos que «caendo na conta» da pertinencia da medida, ante o cal habería simplemente que subir ao carro e deixar facer. Pero o certo é que se a redución de xornada non é obxecto dunha forte debate popular, se non responde a unha iniciativa firme de expropiación de capacidades -económicas, políticas, laborais- en detrimento do capital, podémonos ver avalando medidas que, na práctica, operen ao servizo do axuste salarial e de redución de custos laborais das empresas. É dicir, que baixo medidas concibidas en orixe como vía cara a unha repartición do traballo e a riqueza máis xusto, se habiliten medios polos que as empresas canalicen e lexitimen o proceso de expulsión crecente de man de obra do mercado laboral no que xa nos atopamos, saneando de paso os seus propios balances. Que dean carta de natureza, en definitiva, a unha resignificación corporativa da redución de xornada ou redución do tempo de traballo -desvirtuando o seu potencial antagonista- desde parámetros funcionais ao axustes de longo alcance que o capitalismo precisa para facer fronte á crise integral en que está.

 E é que non podemos obviar que o actual debate -e as iniciativas empresariais que xurdiron da man deste, como as de Telefónica e Desigual, á que seguirán sen dúbida outras- xorde nun contexto de crise sistémica sen precedentes, onde o axuste permanente se converteu en sinal de identidade. Un axuste no que espremer ao máximo o factor salarial resulta estratéxico, nunha constante presión cara abaixo. Esta é promovida consciente e sistematicamente por patronais e gobernos en paralelo á proliferación de peches, de ERE e reducións de persoal que expulsan do mercado a unha masa laboral crecente. Neste contexto, o movemento social, sindical e popular leva en Europa varias décadas netamente á defensiva, tratando de resistir como pode este embate permanente. O impulso de iniciativas de redución de xornada por parte de sectores político-empresariais hexemónicos non responde, xa que logo, a unha imposición obtida polos sectores populares e sindicais organizados. Non é o resultado final dun longo proceso de loitas que desembocasen nunha sorte de capitulación capitalista.

 Pola contra, a súa asunción por parte de determinadas elites, sen ser obrigadas a iso e nun contexto de retroceso da mobilización social, debe facernos sospeitar que estamos máis ben ante unha adecuación funcional da medida aos intereses do capital. Así será, a menos que entremos inmediatamente á loita por establecer os termos desta en favor das capas populares, confrontando co mantra tramposo da produtividade co que desde El Economista ou Cinco Días xa comezaron a marcar liña neste asunto.

 Aterrando sobre o concreto, unha das principais disputas que decantarán a balanza sitúase en torno á existencia ou non (e en que grao) de baixa salarial nos sectores e empresas en que se impulsen medidas de redución de xornada. Como sinalabamos anteriormente, Telefónica e Desigual xa tomaron nota para as súas experiencias piloto, sentando un precedente nefasto. Esta pode ser a vía corporativa para a implementación de reducións de xornada cada vez máis estendidas. Corremos así o risco de dar por bos aparentes avances que incorporen de feito fortes baixas salariais. Ademais, lonxe de operar en termos de repartición do emprego, esta proposta corporativa incidiría na expulsión de masa laboral do mercado, en coherencia co horizonte capitalista antes sinalado.

 Pensemos, por exemplo, se unha política de redución de xornada con forte redución salarial non resultaría apetitosa para entidades bancarias como BBVA ou Caixabank, xa hoxe inmersas en procesos xeneralizados de despedimentos derivados do peche masivo de sucursais físicas. Pagarían menos salarios e avanzarían nos seus obxectivos de redución de estruturas físicas. En definitiva, crendo estar cumprindo un programa de repartición do emprego, poderiamos terminar facéndolle o «traballo sucio» ao capital para non lograr, ao cabo, marxes significativas de repartición dese cada vez máis exiguo emprego dispoñíbel.

 É por iso polo que, no tempo histórico que se abre, no que os «cantos de serea» corporativos nesta materia van ser cada vez máis intensos, a loita dos sectores rupturistas e transformadores ten que poñer no centro do seu programa inmediato a defensa «a lume e ferro» das condicións salariais adquiridas (e mesmo a súa extensión) como compoñente inseparábel das políticas de redución do tempo de traballo que estean por vir. En consecuencia tamén, xa que logo, o rexeitamento de propostas tramposas que pretendan impoñer rebaixas salariais no nome da produtividade e a corresponsabilidade.

 É máis, desde o campo popular é preciso confrontar tallantemente toda medida en termos de redución de xornada que non parta de premisas claramente orientadas a expropiar o capital espazos de reprodución; que non busque limitar as súas capacidades e incrementar as da colectividade; que parta da ilusión de que no actual contexto histórico, baixo un capitalismo cada vez máis agresivo e depredador, hai lugar para unha distensión ou conciliación (sequera temporal) en torno a medidas deste tipo que puidesen entenderse como compartidas, consensuadas ou baixo un interese común. En definitiva, preservar a identidade da redución de xornada como instrumento ao servizo da repartición do traballo, evitando a súa cooptación corporativa e a conseguinte desvirtualización do seu sentido real.

 Todo iso no marco dun horizonte de emancipación máis amplo que apunte cara á desmercantilización e colectivización da resolución das necesidades sociais, a reorganización en termos emancipadores dos traballos socialmente necesarios e a comunitarización do control dos procesos de planificación económica e social. Paradoxalmente, no actual escenario, a loita por avanzar neste horizonte de longa ollada, que inclúe a superación da «ditadura do salario» e a resignificación do traballo máis aló do emprego desde unha óptica democratizadora, non patriarcal e emancipadora, pasa tamén por defender empregos e salarios fronte a unha ofensiva capitalista que os sitúa no centro da súa estratexia de axuste, dada a súa crecente dificultade para identificar e explotar novos nichos dos que extraer beneficios e plusvalor.

 En definitiva, fronte á posta no centro do debate público da redución de xornada como solución empresarial, imponse non aceptar «cantos de serea» e utilizar o debate non para contemporizar e pisar o freo baixo a falsa ilusión dunha vitoria caída do ceo, senón para agudizar as contradicións e fortalecer a loita por desmercantilizar o traballo e a vida. Os ecos do outono de mobilización crecente que se esperan en Hego Euskal Herria poderían ser unha ocasión perfecta para situar esta visión no centro. Son tempos de confrontación, non de distensión.

 

[Artigo tirado do xornal vasco Naiz, do 13 de setembro de 2021]