"Que non rouben o noso futuro". As centrais sindicais chaman a encher a Ponte das Pías o 27 de xuño
As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT teñen convocada unha nova mobilización para o vindeiro domingo, 27 de xuño, para esixir solucións urxentes á crise industrial e social que padecen as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Nesta ocasión, baixo o lema "Que non nos rouben o noso futuro", os sindicatos chaman a veciñanza a encher a Pontes das Pías e a participar nas dúas marchas que sairán ás 11:30 horas dende San Valentín (a altura da entrada da antiga Astano) e o Montón (na antiga gasolineira).
"Temos que reaxir" é a consigna coa que as centrais sindicais instan a cidadanía a intensificar as medidas de presión demandando solucións e futuro pois, malia a exitosa folga comarcal do 10 de marzo e as mobilizacións que lle seguiron, "a realidade é que por parte das administración non atopamos resposta".
Medra o desemprego e a pobreza
As comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal sofren unha situación que non equivalencia noutras zonas do Estado: a maior perda de poboación, a media de idade máis alta e a menor taxa de natalidade. "Clara consecuencia da perda continua de postos de traballo e da falta de oportunidades", aseveran.
Temos que obrigar os gobernos a que entendan que existimos, que temos dereito a un futuro, a compartir a vida coas nosas familias, cos nosos veciños e veciñas, aquí, onde nacemos e queremos seguir vivindo"
A CIG-Ferrol lembra que nestas comarcas o paro se incrementou durante o ano 2020 nun 19%, catro puntos por riba da media galega, sobre todo no sector da industria. Esta cifra medrou un 40% entre as persoas menores de 30 anos e onde o 78% son persoas paradas de longa duración. "Así, atopámonos con que a taxa de pobreza medra por riba da media e o aumento de familias con dependencia das axudas sociais é cada vez maior", subliña.
Cun sector naval sen carga de traballo, co inminente peche da central de Endesa sen garantías de mantemento do emprego nin proxectos alternativos concretos, co desmantelamento de Noa Madera Creativa, co peche de Gamesa, coa riada de ERTE e ERE etc. que padece a comarca e que se aveciñan, "estase a agravar unha situación que, de non poñerlle freo, vai camiño de converterse en irreversíbel".
As administracións seguen sen concretar proxectos de futuro
E malia isto, "atopámonos unhas administracións que, ao igual que en tempos pasados, no canto de artellar solucións dedícanse a botarse as culpas unhas a outras, tratando de quitar rédito político da nosa miseria. Non foron capaces de concretarnos un só proxecto para as nosas comarcas, todo futuribles, a longo prazo e dependentes de decisións alleas. Ese é o resumo de todas as xuntanzas que tivemos. Isto é gobernar? Pódeselle chamar a isto responsabilidade política e institucional con Ferrolterra?", cuestionan.
Dende hai máis de seis meses, as organizacións sindicais están reclamando a constitución dunha mesa con representación de todas as institucións e "aínda non foron quen de acordala, o cal dá a medida do interese que amosan". Ao contrario, total inmobilismo e incapacidade por parte do Goberno español mentres a Xunta de Galiza pretende tirar tallada coa crise da comarca presentando un 'Pacto de Estado por Ferrol' que non é máis que un documento de deberes para outras administracións, pero que non trae consigo nin unha soa partida económica nin solucións no inmediato.
"Por todo isto temos que obrigar os gobernos a que entendan que existimos, que temos dereito a un futuro, a compartir a vida coas nosas familias, cos nosos veciños e veciñas, aquí, onde nacemos e queremos seguir vivindo. Fagámonos ouvir, o 27 de xuño enchamos a Ponte das Pías".