Que hai detrás dos novos ataques en Siria?

Isaac Bigio - 18 Abr 2018

O ocorrido en Siria é un sinal que EUA quere facer unha ofensiva global contra o eixe Rusia-Irán a nivel global, o cal vai ter repercusións en Latinoamérica cando se endureza o trato ante o maior aliado deles na rexión: Nicolás Maduro e o ALBA

 Na madrugada do sábado 14 os gobernos de EUA, Francia e Reino Unido lanzaron pouco máis de 100 mísiles sobre brancos en torno ás cidades sirias de Damasco e Homs. A xustificación oficial era que se trataba dunha represalia polo feito que o goberno sirio empregara gases letais contra civís para recuperar un pobo nas proximidades da capital do seu país. A primeira ministra May dixo que non se podía permitir que se usasen armas prohibidas en calquera parte do mundo, incluíndo un pobo de Inglaterra.

 Estes ataques déronse sen que houbese un mandato das Nacións Unidas ou unha votación no Parlamento. Os ataques foron limitados e déronse tras varios días de se teren anunciado, pois o obxectivo era evitar calquera baixa nas tropas rusas ou iranianas que combaten en Siria.

 Nin Irán nin Rusia responderon aos bombardeos, aínda que Moscova dixo que un 70% dos mísiles lanzados foron interceptados polo sistema antibalístico que os soviéticos proporcionaron a Damasco décadas atrás. Con iso querían desacreditar as devanditas accións así como a tecnoloxía superdesenvolvida que Trump prometeu ía demostrar.

 Washington, París e Londres gábase do exitoso da súa actuación, mais non fica claro que vai pasar logo. Poucos días antes do suposto ataque químico atribuído a Assad, Trump dixera que as tropas do seu país ían deixar Siria para que outros se encarguen dela posto que xa cumpriran a súa misión de derrotar o autodenominado ‘Estado Islámico’ (Daesh).

 Agora Trump ameaza con volver repetir novas accións se é que se volven empregar “gases químicos”. O problema está en que:

1) Non hai probas contundentes que o goberno sirio os utilizase.

2) Non hai ningún organismo internacional independente que corrobore iso.

3) A oposición siria tamén foi acusada de empregar gases.

4) En calquera posíbel avance do exército oficial sirio os seus rivais van poder tentar contrarrestar iso mostrando fotos de supostas vítimas de gases.

O problema é máis serio pois:

1) Os maiores depósitos de armas químicas tenos, precisamente, EUA e mais a OTAN.

2) EUA é a única potencia que lanzou bombas atómicas sobre civís (Xapón 1945) e tamén utilizou masivamente armas químicas matando a ducias ou centos de miles en Corea e Vietnam.

3) As mesmas potencias que hoxe bombardean Siria pola cuestión dos gases nos oitenta armaron e apoiaron a Saddam Hussein cando este lanzou unha guerra contra Irán na que morreron un millón de persoas, e na cal non fixeron maior escándalo cando o seu aliado Saddam matou a miles de iranianos e tamén civís curdos iraquís con armas químicas.

 As potencias occidentais acusan a Assad de ser un ditador asasino e criminal e a Rusia e Irán de o manter, pero esas mesmas potencias transformaron a Arabia Saudita no país máis armado do medio Oriente, cuxas guerras en Iemen e a súa intervención en Bahrein non lles merece condena.

 Os sauditas teñen a peor teocracia absolutista do planeta e son os que financiaron Al Qaeda e agora financian grupos fundamentalistas sunitas en Siria que masacran as minorías relixiosas, incluíndo os cristiáns.

 Os ataques en Siria non están logrando impedir que Assad vaia gañando a guerra con apoio de Rusia, Irán e Hezbolá de Líbano. Ao que apuntan é a:

1) Presionar para que haxa unha solución ao conflito sirio na cal os aliados de Occidente sexan parte do novo goberno ou reteñan zonas de control (os pro-turcos no norte e os curdos pro-EUA no nordeste), e a que se diminúa a presenza de Irán en Siria e a rexión.

2) Presionar a Rusia a que baixe a garda na súa política internacional en Ucraína e o leste europeo.

3) Buscar distraer a opinión pública dos seus propios país acerca do cuestionamento aos seus respectivos mandatarios (en EUA Trump ten denuncias moi serias sobre un suposto apoio ruso á súa campaña electoral, maltrato de mulleres e un novo libro do ex xefe do FBI que o acusa de maniático; en UK está a división do país e do partido conservador en torno ao Brexit; e en Francia a vaga de folgas e protestas sociais).

4) Revitalizar a alianza da OTAN tras as pugnas que se viñeron dando en torno ao intento de Trump de impoñer aranceis aos produtos europeos e á inminente saída de Reino Unido da Unión Europea.

5) Revitalizar o antigo bloque do “mundo libre” contra os supostos gobernos autoritarios que lles contestan (China, Rusia, Irán, Corea do Norte, Venezuela, etc.).

 Un dato do que non se fala é que Trump debeu estar a fin de semana do bombardeo a Siria en Lima asistindo á cimeira panamericana, pero non foi. Mentres o mundo se concentraba na guerra no Medio Oriente, a devandita cimeira foi a primeira en excluír a un país que funde tal sistema. Ao presidente de Venezuela non se lle permitiu asistir e os gobernos de EUA, Colombia e outros anunciaron que non recoñecerán o goberno que saia electo das presidenciais do 20 de maio, que consideran antidemocráticas.

 O ocorrido en Siria é un sinal que EUA quere facer unha ofensiva global contra o eixe Rusia-Irán a nivel global, o cal vai ter repercusións en Latinoamérica cando se endureza o trato ante o maior aliado deles na rexión: Nicolás Maduro e o ALBA.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 16 de abril de 2018]