Que está a pasar e que vai pasar en Ucraína?

Sergio Rodríguez Gelfenstein - 12 Set 2023

As guerras terminan cun armisticio, unha negociación ou unha derrota e rendición dunha das partes. Na situación actual non hai posibilidade ningunha de chegar a un tratado de paz. Os acordos que se puideron facer a partir dos Protocolos de Minsk en 2014 ou as negociacións ruso-ucraínas de marzo do ano pasado, xa non son posíbeis. Nun e outro caso foron torpedeadas por Occidente

 Os acontecementos á vista fan evidente que Rusia, a pesar de que non logrou aínda obter plenamente os obxectivos orixinalmente proxectados, vai impoñendo a súa lóxica no conflito en Ucraína.

 E se cadra ese vai ser o resultado final que se deberá producir, é dicir, Rusia terminará gañando a guerra sen obter todas as metas que propostas.

 Para Rusia, a ameaza que nalgún momento significaba que Ucraína se incorporase á OTAN, agora foi substituída pola ameaza que encarna a decisión da organización militarista occidental de derrotar a Moscova, producir un cambio de réxime e, mesmo, desintegrala.

 Neste sentido, para Rusia, este desacordo, que a obrigou a realizar unha operación militar especial en salvagarda da súa soberanía e integridade territorial, transformouse nun conflito existencial. Por iso, a partir dos obxectivos iniciais que levaron á incorporación de cinco provincias de maioría ruso falantes que pertenceron a Ucraína: Crimea, Donetsk, Lugansk, Kherson e Zaporozhie, que aínda sen recuperar o seu territorio plenamente, conforman o 23% do territorio anterior de Ucraína, pasouse á posibilidade de que Rusia proxecte ocupar outras 4 provincias, tamén de maioría ruso falante: Odessa, Nikolaiev, Dniepropetrovsk e Jarkov que xunto ás anteriores configurarían un total de 43% do que foi Ucraína.

 Isto transformaría ese país nun Estado disfuncional, non só porque perdería a súa saída ao mar, senón que tamén porque Polonia, Hungría e Romanía reclamarían territorios ancestralmente propios, habitados por minorías deses países.

 Para Occidente quedou claro que a continuidade da expansión da OTAN que comezou en 1999, seguiu en 2004 e pretendeu continuar en 2008 coa entrada de Xeorxia e Ucraína na organización, non está nin estará exenta de dificultades, como o testemuña o actual conflito.

 Occidente, que en 2010, na Cimeira da OTAN en Lisboa falou dunha nova fase de cooperación con Rusia e mesmo de crear unha “verdadeira asociación estratéxica”, agora sinala a Moscova como un inimigo perigoso ao que hai que conter e debilitar. Hoxe Europa e os Estados Unidos consideran a Rusia unha “ameaza existencial”. Por iso a súa aposta de “todo ou nada”. Para Washington a situación é aínda peor. Está en xogo a súa credibilidade e a súa capacidade de protexer. Unha derrota en Ucraína terá repercusións estratéxicas.

 A OTAN non só perdería o aval de ser unha organización que fornece seguridade, senón que o maniqueo discurso dos seus líderes arredor de que están a librar unha confrontación entre “xardín e selva” como a definiu Josep Borrell, Representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade ou entre “democracia e autocracia” como o manifestou o presidente de Estados Unidos, Joe Biden, estaría en cuestión.

 Neste marco, o seu obxectivo é derrotar a Rusia, debilitándoa até o punto de que deixe de ser unha potencia, desmembrándoa e desarticulando a súa capacidade de ser un actor internacional importante e un protagonista do mundo do mañá.

 No contexto, Ucraína deixou de xogar un papel principal. A súa función é secundaria. Neste momento, para Kiev, o único que cobra valor é unha vitoria militar, a derrota de Rusia e a súa expulsión dos territorios que Moscova reivindicou como propios despois dos referendos realizados en setembro de 2022. Kiev ve a salvación e por suposto o futuro da súa existencia na incorporación á OTAN e á Unión Europea, para que así, nos feitos poida ser un “país occidental”.

 Analizado desta maneira, este conflito está en punto morto até que se produza a vitoria dun dos contendentes. Hoxe, a confrontación chegou a un punto de suma cero que encara un “todo ou nada” existencial no que a ocupación de territorios á vella usanza deixou de ser relevante para dar paso á procura do desgaste do inimigo. É verdade que a guerra se libra no campo de batalla, pero como nunca antes na historia, agora hai que avaliar tamén que se están enfrontando a capacidade económica do Estado ruso vs. a capacidade económica de Occidente, o potencial produtivo de armamentos e municións de Rusia vs. o de Occidente e a competencia de cada parte para a mobilización, capacitación e posta en plena disposición combativa das tropas. Non hai que esquecer que “a guerra é a continuación da política” e que “a política é a expresión concentrada da economía”.

 E nesta lóxica, Rusia sacou a mellor parte e está a gañar a guerra. Fortaleceu as súas liñas defensivas até as facer impenetrábeis. Ucraína pagou un alto custo. Calcúlase en 45.000 as baixas definitivas desde o comezo da “contraofensiva” hai tres meses, cifra á que hai que engadir ducias de miles de feridos e un número moi alto de armamento e equipos destruídos no intento frustrado de vulnerar o sistema de defensa creado por Rusia. A chamada “contraofensiva” ucraína foi un total fracaso, hoxe xa aceptado por líderes políticos e sobre todo militares, medios de comunicación e tanques de pensamento occidentais.

 A abafadora superioridade rusa sobre Ucraína en canto á potencia de fogo (mísiles, artillaría e aviación) e a súa preeminencia en relación á capacidade de mobilización de tropas, estabeleceron unha distancia moi difícil de superar. Nin sequera o mil millonario apoio económico, financeiro, e loxístico de Occidente puido cambiar a ecuación.

 O resultado da guerra virá dado polos efectos do desgaste, as capacidades loxísticas, de armamento, equipos, polas potencialidades que se teñan para a reposición do recurso humano, pero tamén polas posibilidades da economía e a industria de armamento onde a supremacía de Rusia é moi evidente.

 As guerras terminan cun armisticio, unha negociación ou unha derrota e rendición dunha das partes. Na situación actual non hai posibilidade ningunha de chegar a un tratado de paz. Os acordos que se puideron facer a partir dos Protocolos de Minsk en 2014 ou as negociacións ruso-ucraínas de marzo do ano pasado, xa non son posíbeis. Nun e outro caso foron torpedeadas por Occidente e utilizadas para fins que nada tiñan que ver coa paz. Os obxectivos dos dous bandos en loita son absolutos á vez que cada parte entende que está en xogo a súa existencia.

 Hoxe, o tema territorial é irreconciliábel, o cal ameaza cunha guerra longa que terminará coa derrota e rendición dunha das partes (moi presumibelmente de Ucraína, dado o estado da súa economía). Todo iso traerá consecuencias para os contendentes, para a rexión e para o mundo.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 6 de setembro de 2023]