Puertas Betanzos despide por coller vacacións os dous homes que trataron de auxiliar Samuel Luiz
Puertas Betanzos vén de formalizar o despedimento dos dous homes de orixe senegalesa que tentaran auxiliar o mozo Samuel Luiz, asasinado no barrio coruñés do Orzán nunha presunta agresión homófoba en 2021.
A contratación dos dous operarios por Puertas Betanzos fora anunciado publicamente polo propio empresario logo do recoñecemento social pola súa valente e decidida acción para defender Samuel Luiz da brutal malleira que estaba a sufrir por parte de varios individuos a noite do 3 de xullo de 2021 e que remataría por custarlle a vida; acción que, de feito, lles valeu seren distinguidos coma fillos adoptivos da Coruña e recibiren de graza permisos de residencia e traballo.
Mais, denuncia a Federación de Construción e Madeira da CIG da Coruña, "nada lles facía sospeitar de que aquel aparente xesto de bondade do empresario agochábase un contrato abusivo, con xornadas intempestivas de ata 10 e 11 horas diarias, polo soldo máis baixo do Convenio".
A situación chegou ao seu límite cando este nadal, ao saber que os operarios reservaran billetes de avión para visitar as súas familias en Senegal coincidindo coas vacacións, un día antes de saír os voos, dende a empresa trataron de convencelos para que renunciaran ás vacacións, algo ao que estes se negaron para emprender, en efecto, a viaxe prevista durante as súas vacacións pendentes. "En represalia, ese mesmo día foron despedidos con cadansúa carta por "causas económicas" con recoñecemento expreso da improcedencia, sendo substituídos de inmediato nos seus postos por novos operarios, e non aboándolles nin sequera a indemnización nin a liquidación salarial", subliña a FCM-CIG.
Agora os operarios, que acudiron á CIG para facer valer os seus dereitos, denuncian que a súa contratación foi unha acción publicitaria para aproveitar a notoriedade que adquiriran naquel entón pola súa acción, para presentarse falsamente coma empresario "modélico" e aproveitar o interese mediático para dar a coñecer a súa empresa no plano galego e estatal.