Publicadas as bases das axudas para os traballadores que se acollan á redución de xornada para o coidado de fillos/as

Os solicitantes deberán terse acollido á redución entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 30 de abril de 2016
A Coruña - 31 Mar 2016
A Secretaría das Mulleres da CIG informa da publicación no DOG da convocatoria das axudas económicas para os traballadores e as familias monoparentais que tivesen unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado da súa crianza, entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 30 de abril de 2016. O prazo para presentar as solicitudes comeza é do 1 de abril até o 1 de maio.

Estas axudas están destinadas aos traballadores que se acolleron á redución da xornada de traballo para o coidado dunha filla ou dun fillo menor de tres anos (ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %), durante polo menos 60 días naturais ininterrompidos. Das mesmas tamén se poden beneficiar as traballadoras que formen parte dunha familia monoparental.

Así mesmo, poderán acollerse a esta axuda os traballadores (e traballadoras que formen parte dunha familia monoparental) que adopten un/unha menor ou o/a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo. Nestes supostos, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido máis de tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción, sempre que sexa menor de 12 anos.

Como requisito estabelécese ter uns ingresos non superiores a 5,5 veces o (IPREM) para o ano 2015.

O período máximo subvencionábel, continuado ou fraccionado, será de 8 meses comprendidos entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 30 de abril de 2016 inclusive. En ningún caso o período para o cal se solicita a subvención pode coincidir co permiso por maternidade, nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade da persoa solicitante ou do seu cónxuxe ou parella.

Contía das axudas:

A) Cando a redución de xornada sexa de entre o 12,5 % e até o 25 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionábel (8 meses):

a.1) Unha/un filla/o a cargo: 1.700 euros.

a.2) Dúas/dous fillas/os a cargo: 2.000 euros.

a.3) Tres ou máis fillas/os a cargo: 2.300 euros.

B) Cando a redución de xornada sexa superior ao 25 % e até o 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionábel (8 meses):

b.1) Unha/un filla/o a cargo: 2.800 euros.

b.2) Dúas/dous fillas/os a cargo: 3.100 euros.

b.3) Tres ou máis fillas/os a cargo: 3.400 euros.

C) Cando a redución de xornada sexa superior ao 37,50 % e até o 50 % ou máis dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionábel (8 meses):

c.1) Unha/un filla/o a cargo: 3.100 euros.

c.2) Dúas/dous fillas/os a cargo: 3.400 euros.

c.3) Tres ou máis fillas/os a cargo: 3.700 euros.

Podes consultar o DOG nesta ligazón:

http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160331/AnuncioG0244-220316-0004_gl.pdf