Publicada a orde de axudas de pago único e indemnizacións e a das axudas periódicas a mulleres vítimas de violencia de xénero
No caso das axudas de pagamento único a finalidade das mesmas é proporcionarlle apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero; e a das indemnizacións previstas na lei galega é facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais con sede no territorio galego.
Van dirixidas a mulleres vítimas de violencia de xénero que residan na Comunidade Autónoma de Galicia e acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego.
Mentres que as axudas de indemnización están dirixidas ás mulleres que sofren violencia de xénero e/ou ás e aos menores ou persoas dependentes delas polos danos e perdas ocasionados como consecuencia da situación de violencia, fixadas mediante sentenza xudicial, no caso de incumprimento, por insolvencia, por parte do obrigado a satisfacelas.
O prazo de presentación remata o rematará o 30 de novembro de 2016 no caso da axuda de pagamento único e o 31 de outubro de 2016 no caso das axudas de indemnización.
Axudas periódicas
Pola súa banda, as axudas periódicas son axudas económicas individuais de carácter periódico que se conceden en réxime de concorrencia non competitiva, e a súa finalidade é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para intentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo.
Poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica. As solicitudes poderanse presentar até o 31 de outubro de 2016.
A contía das axudas establécese en función das rendas e ingresos da solicitante da axuda en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2016, e en atención ao número de fillas e fillos menores ou menores en acollida a cargo, así como so grao de discapacidade da solicitante e/ou dos menores a cargo, de ser o caso, nun abano que vai desde 300 euros/mes ata 800 euros/mes e ata un máximo de doce mensualidades.
Texto completo da resolución de axudas de pagamento único e indemnizacións nesta ligazón
Texto completo da resolución de axudas periódicas nesta ligazón