Publicada a orde da axuda de pagamento único por filla/o menor de 3 anos

O prazo de presentación das solicitudes ábrese o martes 4 de abril e remata o 26 de maio
Nacional - 03 Abr 2017

O martes 4 de abril, ábrese o prazo para solicitar a prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos, correspondente a 2017. Novamente, quedan excluídas destas axudas as persoas que o pasado ano presentaran a declaración da renda, aínda sen ter a obriga de facelo.

Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos o 1 de xaneiro de 2017 (nados entre o 02-01-2014 e o 01-01-2017, in-cluídos) e que, durante o ano 2015, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentaran de xeito voluntario aínda sen estar obrigadas a facelo.

A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos, na seguinte contía:

– Cando sexa a primeira crianza: 360 euros.

– Cando sexa a segunda crianza: 1.200 euros.

– Cando sexa a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.

O prazo de presentación das solicitudes será de 35 días hábiles, con¬tados a partir do día 4 de abril. Dado que a nova normativa non contabiliza os sábados como hábiles, o último día para presentar a solicitude será o 26 de maio.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formula¬rio normalizado dispoñíbel na sede electrónica da Xunta de Galiza (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros estabelecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Podes consultar a orde do DOG nesta ligazón ou no arquivo adxunto a esta nova.