Publicada a OEP-2022 extraordinaria, sen identificación de prazas e con falta de concreción
A Xunta de Galiza publicaba no DOG do 30/05/22 a Oferta de Emprego Público (OEP) extraordinaria de estabilización. Unha publicación que se fai, segundo denuncia a CIG-Administración Autonómica, “sen a identificación das prazas e con falta de concreción dalgúns aspectos fundamentais que quedarán para a súa decisión no momento das convocatorias”.
A falta de identificación das prazas ofertadas fai difícil verificar, segundo a responsábel ddo sector de CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, o cumprimento dos requisitos da Lei/2021 e comprobar se o número de prazas ofertadas coincide coas dos listados que facilitou Función Pública. “Xa adiantamos que as contas de hoxe non coinciden coas listaxes que levou a negociar. Até faltan entes enteiros que mesmo saían nos primeiros listados e agora, onde foron?”, pregúntase.
Outra negociación “chapuceira e sen garantías”
Durante o proceso de negociación, que Burgos cualifica de “rápido e chapuceiro”, a CIG insistiu na necesaria concreción, xa na propia OEP, de numerosos aspectos que van afectar á posterior execución das convocatorias. “A Oferta non entra a fixar os cortes para superar as probas, ou aspectos do futuro baremo, como a valoración dos servizos prestados para a Administración Autonómica diferenciados dos servizos noutras administracións”.
O Decreto de Oferta inclúe o requisito de coñecemento de galego, pero deixa en mans das posteriores convocatorias a decisión da súa valoración e do seu carácter eliminatorio ou non, polo que “podería rematar nun mérito, non nun requisito”, indica Burgos.
A responsable do sector da Autonómica incide en que logo de 15 anos da entrada en vigor do EBEP “continuamos sen a cobertura de prazas do grupo B, co que na práctica hai escalas que teñen que acceder á baixa, ao grupo C1”.
A Oferta non entra na promoción interna vertical do persoal funcionario de carreira e laboral fixo porque “non existe o compromiso dun incremento de prazas adicional á oferta de estabilización (sen restar), nin unha mellora das condicións da promoción”, entende Burgos.
O que si sae é a promoción interna horizontal para seguir co proceso de funcionarización, do persoal fixo do consorcio e dalgunhas prazas e categorías que quedaran atrás.
En canto á reserva de prazas para persoas con discapacidade, o Decreto de oferta “limítase a dar número gordos, 454 prazas en total, que venden moi ben, sen especificar os números polo miúdo de cada escala ou categoría, unha discrecionalidade que podería dar lugar a limitar prazas á oferta total”.
Para Burgos, “como Función Pública sabe que non fixo as cousas ben e ten moitos erros na identificación das prazas, meten unha disposición adicional para redistribuílas e ademais recolle a posibilidade de ampliar a oferta ata nun 10% das prazas para as que estando convocadas con anterioridade quedasen desertas”.
A OEP foi aprobada na Comisión de Persoal do 24/05/22 co voto en contra de CIG e CSIF, e a abstención de CCOO e UGT.